31 de mai de 2010

As reviravoltas da CONGAPA

No artigo desta semana en Galicia Hoxe abordo os cambios de opinión que tivo a CONGAPA ao longo dos últimos tempos a respecto da presenza do galego no ensino. A única entidade do ámbito educativo que apoia o decretazo fixo un seguidismo partidario que enrubia, sen ter presentes nin criterios pedagóxicos nin a procura dunha calidade educativa para os seus fillos e as súas fillas.

Velaquí o texto:

A CONGAPA e a nosa lingua

Esta semana pasada soubemos xa os artigos definitivos que configuran o decretazo contra o galego, unha vez que se publicou no Diario Oficial de Galiza. Ademais, segundo se soubo tamén estes días, se non se coñeceu antes a redacción última do decretazo non se debeu -desta vez- ao escurantismo do PP na cuestión. Parece que o que pasou foi que a norma recibiu a aprobación no Consello da Xunta antes mesmo de estar redixida, o cal sería unha nova irregularidade ás moitas que hai que sumar no proceso de elaboración e aprobación deste enganosamente chamado "decreto do plurilingüismo". Ou é que o Consello da Xunta pode darlle o visto e prace para a publicación no DOG a unha norma legal que aínda non está totalmente terminada, á que lle faltan aínda algúns artigos por escribir? Son moi precisos, tamén aquí, ben de luz e ben de taquígrafos.

Nos tribunais


Na súa concreción final, a norma mantén todos os trazos fundamentais que levaron ao seu rexeitamento polo Consello Consultivo, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, así como das diferentes organizacións representativas das comunidades educativas. Por iso nada máis saír publicado o decretazo no DOG xa foron varias as entidades que anunciaron que van presentar recursos para o tombaren nos tribunais. Ábrense así varios procesos xudiciais paralelos, que se suman á vía da denuncia internacional, nomeadamente ante o Consello de Europa.

Hai que subliñalo máis unha vez, porque é un feito moi grave. Non se coñece outro goberno democrático en todo o mundo que leve a cabo unha reforma educativa de tanto calado como a que está a facer Alberto Núñez Feijóo a nivel lingüístico en Galiza sen contar coa opinión de sindicatos, organizacións estudantís e asociacións de nais e pais. Lembrémolo: o decretazo nace rexeitado por todos os sindicatos do profesorado, por todas as agrupacións de estudantes con presenza e actuación no noso país e por todas as asociacións e federacións de nais e pais, agás unha. Esa excepción é a CONGAPA, a sucursal galega da CONCAPA, a Confederación Católica Nacional de Padres de Familia y padres de Alumnos. Que esta entidade de nais e pais de centros católicos apoie a norma non debe levarnos a engano, pois nin os sindicatos con presenza nestes colexios e institutos, nin a propia federación dos 125 centros católicos de Galiza están de acordo con esta medida unilateral que impón o goberno de Núñez Feijóo.

A remolque


Se analizamos un pouco a evolución da postura da CONGAPA a respecto da presenza do galego no sistema educativo, veremos que nos últimos anos actuou a remolque da opinión que en cada momento tivese o Partido Popular. Así, cando na última lexislatura de Manuel Fraga Iribarne se aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega, onde se falaba de impartir en galego a materia de matemáticas e de garantir un mínimo de presenza do 50% do noso idioma nas aulas, os portavoces desta confederación aplaudiron a proposta.

Quen procure nas hemerotecas, verá que cando o PP participou coa Consellaría de Educación do bipartito na presentación do novo decreto de fomento do galego que este partido tamén negociara, a CONGAPA tamén saíu adheríndose á nova norma. A promoción do galego nese momento estaba ben, non habería problema por incorporalo a novas materias, o 50% era de xustiza...

Mais cando, ao cabo de tres meses, o PP trasacordou e comezou a rexeitar o decretazo, a CONGAPA seguiuno. De feito, seguiu até tal punto o discurso de atacar o galego que algún dos seus portavoces (José Ramón Hermida) chegou a soltar esta xoia o ano pasado pola súa boca: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder".

No proceso de elaboración do decretazo, a CONGAPA tamén foi mudando de postura, segundo o punto onde puxese o seu acento nese momento o Partido Popular. Cando o presidente da Xunta dixo na véspera de fin de ano que o novo decreto ía basearse na aprendizaxe do inglés, todo foron louvores a esa idea. Desde a CONGAPA asegurábase que eles apoiaban a proposta porque era necesario garantir a aprendizaxe do inglés.

Cando se demostrou cantas sentenzas en contra acumulaban algunhas das ideas que o PP tiña a este respecto e se puxo o acento na idea da "elección dos pais", ese pasou a ser o seguinte punto polo que a CONGAPA se adhería ao decretazo. Se o PP pasaba a falar tamén na súa propaganda, e tras as inmensas mobilizacións sociais, dun 50% de galego nas aulas, entón esa cifra había que apoiala de novo.

O tema da suposta "elección das familias" é interesantísima. Porque o pasado 14 de maio a CONGAPA dubidaba de que puidese ser inconstitucional esta escolla, que apoiaban con fervor. No entanto, seis días despois, cando Alberto Núñez Feijóo presentou os trazos definitivos do decretazo, tras o Consello da Xunta semanal que aprobou esa norma que aínda non fora redixida, a CONGAPA volveu mudar de opinión. Xa que o presidente do Goberno galego anunciaba que non ía haber consulta (ou pseudoconsulta, máis ben) en primaria e en secundaria, Jorge Villarino, o presidente desta confederación de nais e pais de centros católicos, pasou a sinalar que esa posibilidade de escolla de materias nesas etapas "non aportaba gran cousa" (sic).

O que vemos, pois, é que a CONGAPA, a única entidade do ámbito educativo que apoia o decretazo, non seguiu en ningún momento ningún criterio pedagóxico nin racional de ningún tipo á hora de adherirse ás propostas que sucesivamente foi realizando o PP ao longo destes anos. Nin tan sequera -hai que dicilo- seguiu ningún criterio sustentado en pensar de forma seria e responsábel que sería o mellor para a educación dos seus fillos e das súas fillas. A única razón que guiou as sucesivas mudanzas de postura desta confederación (mesmo con algún cambio tan abrupto como o que experimentaron entre os días 14 e 20 deste mesmo mes de maio) foi servir de respaldo político para o partido ao que tan estreitamente se vincula.

Nenhum comentário:

Postar um comentário