Mostrando postagens com marcador Luís Villares. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Luís Villares. Mostrar todas as postagens

28 de mar. de 2011

Da lingua tóxica á lingua prohibida

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, que comeza falando dos últimos histrionismos da asociación contra o galego que promoveu o PP e termina centrándose nun dos ámbitos onde se producen vulneracións moi graves dos nosos dereitos lingüísticos: o laboral.

A respecto do primeiro transmitir publicamente todo o meu apoio á profesora de Coñecemento do Medio do CEIP María Pita da Coruña, difamada por usar o galego na súa materia. O actual presidente da Xunta debería pedir perdón por todas estas barbaridades que el propiciou e propicia.


O galego no traballo
Os nosos dereitos lingüísticos no ámbito laboral


Esta semana saíu en varios medios de comunicación unha dirixente de Galicia Bilingüe (actuou como tal, por exemplo, en programas de Correo TV de xaneiro do ano pasado) que se queixaba de que o seu fillo tiña que utilizar na escola un libro de texto en galego. A portavoz desta asociación contra o galego que alimentou o Partido Popular demostraba, coa súa denuncia, a situación calamitosa que padece o noso idioma no ensino. Fronte aos cánticos da Xunta sobre unha situación de “equilibrio”, casos como o exposto demóstrannos que a lingua propia do país está case varrida nunha parte considerábel dos centros. A denuncia, observemos, non é porque haxa inmersión lingüística ou un 50% das aulas. A denuncia é porque o seu neno utiliza un único libro de texto en galego, que polos vistos ha de empregar a mesma tinta que a do bibliotecario Jorge de Burgos n’O nome da Rosa.

Mentres o histrionismo galegófobo continúa a campar, a realidade é que as persoas que queremos utilizar a lingua de Galiza nos continuamos a encontrar cunha sucesión de vulneracións graves dos nosos dereitos lingüísticos. Un dos ámbitos sobre o que nos seguen a chegar moitas queixas desacougadas á Mesa pola Normalización Lingüística é no laboral. Sorprenderíavos se soubésedes cantas empresas prohiben ou dificultan a utilización do noso idioma aos seus traballadoras e traballadores. Perante esta situación, é importante que coñezamos os nosos dereitos e que saibamos que é o que podemos facer.

Non á discriminación

A lexislación sobre dereitos laborais indica claramente que existe o dereito á non discriminación por causa de lingua, de xeito que as condicións laborais das traballadoras ou dos traballadores non se poidan ver prexudicadas por falaren un ou outro idioma.

O Estatuto dos Traballadores, no seu artigo 4.2.c sinala que as traballadoras e os traballadores teñen dereito “a non ser discriminados para o emprego, ou unha vez empregados”, entre outros motivos, “por razón de lingua”. É importante o feito de que os dereitos lingüísticos son formalmente amparados tanto no momento do acceso ao traballo como no posterior desenvolvemento da actividade laboral.

Perante a existencia de axencias de colocación tanto públicas como privadas, o Estatuto dos Traballadores tamén sinala no seu artigo 16 que ditas axencias non poden estabelecer tampouco discriminación, entre outros motivos, por “lingua dentro do Estado”. Os xuristas Xavier Ferreira, Alba Nogueira, Anxo Tato e Luís Villares consideran que este artigo do Estatuto dos Traballadores fai que mesmo un inquérito sobre lingua habitual empregada “podería chegar a constituír, segundo o caso, a vulneración deste precepto, o que iría acompañado da correspondente sanción administrativa á axencia que o efectuase”.

Así mesmo, no marco das relacións laborais indícase que se “entenderán nulos e sen efecto” aquelas normas que discriminen por razón de lingua. Nesta liña, no artigo 96.12 do Estatuto dos Traballadores dáselle a consideración de “moi grave” ás discriminacións por causa de lingua dentro do Estado español.

A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, de obrigada aplicación no Estado, tamén sinala no artigo 13, parágrafo 1, que se debe eliminar toda cláusula que prohiba, limite ou desaconselle o uso do galego neste ámbito.

E se nos prohiben usar o galego?

Os dereitos lingüísticos no traballo teñen un amparo legal, mais os problemas chegan á hora de poder concretar tales dereitos.

Nas discriminacións lingüísticas no traballo, igual que nos casos de acoso laboral ou doutras discriminacións (razón de sexo, raza, opción sexual, etc.), a persoa áchase nunha particular situación de indefensión para probar o sucedido, polo que é fundamental contar con algunha proba (escrito, gravación, etc.) que o mostre. En Galiza xa se deron sentenzas xudiciais en favor de traballadores discriminados por falar en galego, unha vez que estes puideron demostrar de forma clara tal discriminación.

Que facermos polo galego desde o noso traballo?

O primeiro e máis importante, con certeza, é exercermos os dereitos que temos recoñecidos por lei, usando a nosa lingua con normalidade.

Se temos unha empresa ou capacidade de decisión no lugar onde traballemos, asegurémonos de que se redixan en galego os contratos, as nóminas, as facturas, os albarás, as notas internas, etc. Se non temos tal capacidade de decisión, sempre poderemos solicitalo (aínda que a lexislación non garante este dereito para as empresas privadas). Cando menos, podemos probar a pedir que a nosa documentación máis persoal, como contrato e nóminas, sexan no noso idioma.

Ademais, podemos propor, a través dos representantes sindicais, que o convenio colectivo se redixa en galego e que recolla unha cláusula de dereitos lingüísticos. A práctica de incluír este artigo nos convenios está tamén avalada polo Parlamento galego, que a amparou en dúas ocasións por unanimidade (en 2004 e en 2007). Velaquí unha posíbel redacción:

Artigo X.- Dereitos lingüísticos

Todas as traballadoras e todos os traballadores teñen dereito a desenvolver a súa actividade laboral e profesional en lingua galega.

A empresa favorecerá a formación en idioma galego para mellorar o servizo ao público nos postos de traballo, de acordo cos seus recursos e necesidades.

A dirección da empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras potenciarán o uso da lingua galega nas actividades internas, nas relacións laborais, na formación profesional e nas súas relacións cos consumidores e consumidoras, coas administracións públicas e entidades privadas radicadas en Galiza, de xeito que se normalice a utilización da lingua galega como un instrumento de comunicación da empresa cos seus interlocutores internos e externos. Farase especial fincapé nas comunicacións cos traballadores e traballadoras e na utilización do galego como lingua da súa publicidade.



[Na fotografía, Xesús da Torre Martíns, que sufriu en primeira persoa o que é a discriminación lingüística por usar o galego.]

7 de mar. de 2011

En galego, é de lei?

No artigo desta semana en Galicia Hoxe propoño unha serie de consellos prácticos para mellorarmos a situación do noso idioma no ámbito da xustiza:


En galego, é de lei?
A vulneración dos nosos dereitos lingüísticos na xustiza


Cando falamos dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos no sector da “xustiza”, dan ganas de facer un xogo de palabras bastante primario e falar do sector da “inxustiza”. A situación actual resúmea nunha frase o maxistrado Luís Villares: “Non hai medios para garantir o dereito constitucional a usar o galego”.

Encontrámonos, pois, nun bucle, no tan habitual como irregular bucle de que se nos recoñezan dereitos mais que se nos dificulte de forma sistemática o seu exercicio. A Carta Europea das Linguas estabelece con claridade no seu artigo noveno: que os procedementos han de ser en galego a petición dunha das partes, que se ha de garantir o seu uso oral e escrito, que as partes han de coñecer os seus dereitos lingüísticos e que se ha de aumentar a proporción de persoal xudicial con coñecemento do idioma propio, para o cal se han de desenvolver planos de ensino axeitados.

A ordenación estatal fica máis curta que a Carta, xa que, aínda que se recoñecen algúns dereitos, tampouco se garanten os deberes correlativos para poder exercelos. O máis rechamante é o feito de que o galego non é requisito para ser xuíz/a, fiscal ou secretaria/o xudicial, que son corpos estatais. As preguntas básica a facermos en alto son: Pódese impartir xustiza nun lugar sen coñecer a lingua dese lugar? Até cando durará este disparate antidemocrático?

Por se for pouco, os medios tecnolóxicos, que ten que prover a Xunta, non só non facilitan, senón que dificultan o uso do galego. Deste xeito, os corpos actuantes na Administración de Xustiza que optan polo idioma de Galiza ven multiplicada a súa carga de traballo. O mellor exemplo é o programa informático que distribuíu a Xunta de Galiza en maio de 2010, que directamente non permite usar o galego! Se no ano 2009 foran 70 os xuízos rápidos no noso idioma, desde o 4 de maio de 2010, co novo programa informático achegado pola administración autonómica, a cantidade reduciuse a cero. Un dato elocuente sobre a “libertad lingüística” que vende Núñez Feijóo, verdade?

En fin, que na Carta se recoñecen uns dereitos e na lexislación estatal outros máis recortados, porén na realidade non se garante o exercicio nin dos primeiros nin dos segundos.

Mais o fundamental que nos cómpre reter é que temos dereitos. A pesar das dificultades, a pesar de que os poderes públicos non poñan os medios humanos e tecnolóxicos precisos: témolos! Por conseguinte: exerzámolos! Se optamos de forme firme e leal pola nosa lingua, será a administración a que se terá que preocupar de remover os impedimentos que ela mesma coloca, xa que temos a lei da nosa parte.

- Temos dereito a utilizar o galego oralmente e por escrito nos xulgados e tribunais situados en Galiza, sen ningún tipo de obstáculo. Podemos facelo sexamos denunciantes, denunciados, testemuñas, peritos, etc. (Lei Orgánica do Poder Xudicial, artigo 231.3).

Se algún dos intervinientes ten dificultades de comprensión, a xuíza ou o xuíz pode solicitar a asistencia dun intérprete. Neste sentido, segundo a Lei Orgánica do Poder Xudicial, “o Xuíz ou Tribunal poderá habilitar como intérprete calquera persoa coñecedora da lingua empregada, previo xuramento ou promesa daquela” (na veracidade da súa tradución). Costuma ser a secretaria ou o secretario xudicial quen exerza esa función, se coñece as dúas linguas.

Se alguén nos insta a deixar de falar en galego, é recomendábel facer constar a queixa en acta e despois denuncialo.

- Temos dereito a que todo o que digamos diante dun tribunal en Galiza se faga constar na nosa lingua. A acta ha de reflectir a realidade do acontecido. Se, a pesar de falarmos en galego na vista oral, a acta non se redixe en galego, cómpre que fagamos constar a oportuna protesta e que tramitemos a correspondente queixa.

- A documentación que entreguemos en galego é perfectamente válida e non nos poden solicitar tradución. Se esa documentación ha de ter efectos fóra de Galiza ou unha das partes alega indefensión por non coñecer o galego, son os poderes públicos os que han de xestionar a tradución, non nós. Ademais, esa tradución non pode implicar un retardo na tramitación e non ten ningún custo para as cidadás e os cidadáns. Un elemento básico da tutela xudicial efectiva é o dereito a un proceso sen dilacións indebidas.

Se se nos requerir que traduzamos ao castelán o que presentamos en galego, debemos opornos. Podemos alegar para iso o artigo 231.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que estabelece a obriga de que se proceda á tradución de oficio. Se se nos denegar, cómpre que o denunciemos.

Se utilizamos o galego en primeira instancia e despois ten que ser unha instancia estatal a que resolva o caso (por exemplo, por un recurso de casación), tamén lle corresponderá á Administración pública a tradución da documentación previa.

- Dentro de Galiza, podemos solicitar que todo o procedemento se tramite na nosa lingua. Desde a primeira comunicación que recibimos en galego, podemos enviar un escrito reclamándoo e, desde ese momento, terannos que remitir todos os escritos no noso idioma, incluída a acta do xuízo e o testemuño da sentenza ou resolución correspondente. Ademais da Lei de rexime xurídico, podemos apuntar o artigo 9 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e as sentenzas 82/1986 e 46/1991 do Tribunal Constitucional. É importantísimo que o solicitemos; se non, as cousas non darán mudado.

- Cos traballadores e traballadoras da administración dos xulgados tamén podemos solicitar que nos atendan en galego, de acordo co sinalado no artigo 54.11 da lei 7/2007, do Estatuto Básico do Empregado Público. É diferente o caso con maxistradas e maxistrados, secretarias e secretarios xudiciais e fiscais; neste caso, non temos dereito legal a que se dirixan a nós en galego, mais si nos ampara a lei para que nos poidamos manter falando na nosa lingua.

E se nos negan os nosos dereitos?

Antes de máis, o que temos que facer é exercermos os nosos dereitos con normalidade. Non fai sentido que ocultemos a nosa lingua ou deixemos de solicitar que a documentación da nosa vida sexa no noso idioma.

No caso de vermos vulnerados os nosos dereitos lingüísticos, fagamos as alegacións pertinentes ou fagamos constar a nosa queixa en acta.

O seguinte paso é enviarmos a oportuna queixa aos seguintes organismos:

a) É básico que llo remitamos á Mesa pola Normalización Lingüística (amesa@amesanl.org), á Secretaría Xeral de Política Lingüística (sxpl.secretaria@xunta.es), así como ao Valedor (rexistro@valedordopobo.com) e ao Defensor del Pueblo (www.defensordelpueblo.es). Cómpre subliñar a importancia de que A Mesa pola Normalización Lingüística sexa coñecedora do caso, pois seralle útil para elaborar o relatorio trienal que elabora sobre o nivel de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. O Consello de Europa tense detido con especial interese sobre as vulneracións de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza no Estado español, polo que é bo que se conte con casos concretos destas vulneracións para poder exemplificar e solicitar correccións.

c) Á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galiza, a través do seu servizo de queixas a través de internet: http://cpapx.xunta.es/presentacion-do-servizo

d) Ao Ministerio de Xustiza (mjusticia.es > escolle arriba “Benvidos”, para optares polo galego > “Servizos ao cidadán” > “Trámites e xestións persoais” > “Suxestións e queixas”).

e) Ao espazo web do Consello Xeral do Poder Xudicial, na sección “Atención ciudadana” (poderjudicial.es > clica en “Consejo General del Poder Judicial” > “Atención ciudadana” > “Buzón de contacto”).

f) Ao Consello da Avogacía Galega (avogacia.org > sección “Contacto”).

g) Á Irmandade Xurídica Galega (galeguizargalicia.com > sección “Contacto”).

h) Por escrito ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (Praza de Galiza, s/n, 15701 A Coruña).

De nos mantermos firmes e leais á nosa lingua, poderemos quitar de vez o interrogante ao título deste artigo.

14 de fev. de 2011

Todo o que as administracións deberían facer en galego

Velaquí o artigo que publico esta semana en Galicia Hoxe, con propostas para activarmos o uso da lingua de Galiza nas administracións públicas:

E se a Administración non usa o galego?
Que os procedementos sexan na lingua do país depende de ti!

A lingua galega é oficial en Galiza e, ademais, está recoñecida como a “propia” do país, o cal supón un mandato para que sexa de uso normal por parte da administración local e da autonómica. Así, tanto desde o noso concello, desde a deputación correspondente ou desde calquera órgano da Xunta de Galiza a lingua galega ha de ser a utilizada inicialmente, por defecto, en todas as súas relacións coa cidadanía. Se non o fan (e, como é sabido, é o que acontece en moitos casos), se exclúen o galego en publicidade, sinalizacións, formularios, etc, podemos presentar un escrito para que se corrixa, pois a lei (aínda que escasamente desenvolta) está do noso lado.

No referido á Administración Xeral do Estado encontrámonos cunha casuística un pouco máis complexa. En síntese, e sinalando entre parénteses as normas que o sustentan, estes son os dereitos que nos recoñece a lexislación vixente ás usuarias e aos usuarios do galego:

- O material impreso e os formularios da Administración Xeral do Estado en Galiza han de estar dispoñíbeis en galego ou bilingües (art. 5.1 do real decreto 1465/99).

- Garantirase o uso do galego nas relacións por medios electrónicos, posibilitando o acceso aos servizos e contidos no noso idioma (lei 11/2007, disposición adicional sexta).

- As sinalizacións exteriores e os “contidos máis relevantes” dos cartaces de carácter informativo ou publicitario que se elaboren para se colocaren en Galiza han de ser bilingües: non poden excluír o galego (art. 6 e art. 11.2.b do real decreto 1465/99).

- As campañas informativas e publicitarias estarán tamén en galego, porén a verdade é que son moitísimos os exemplos que podemos pór de vulneración deste dereito (art. 11.2.b do real decreto 1465/99 e art. 9 da lei 29/2005).

- O material impreso dos órganos e unidades que teñen sede en Galiza e que se utilice a cotío para comunicacións dentro de Galiza tamén usará as denominacións bilingües (isto é, Ministerio de Sanidade, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, etc. son formas que tamén deben figurar así, en galego, en sobres e formularios). Só pode excluírse o galego (aínda que non é obrigatoria a súa desaparición, senón unicamente opcional) cando ese material estea destinado a comunicacións fóra de Galiza (art. 5.2 do real decreto 1465/99).

- Os procedementos tramitaranse na lingua que use a administrada ou o administrado. Non é necesario facer ningunha solicitude expresa: se nos diriximos á Administración en galego, esta ten a obriga de remitirnos todo o resto da información en galego. Aínda que é un aspecto que costuma incumprirse, é importante saber que da lexislación vixente se desprende que a opción polo galego se realiza de xeito implícito: maniféstase no idioma que a interesada ou o interesado está a utilizar (art. 36.1 da lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común). Mesmo no caso de concorreren varios interesados e que un non quixer que a documentación estiver en galego, teremos dereito a que toda a información que a nós se nos remita vaia na lingua de Galiza (así o indica o mesmo art. 36.1 antes sinalado).

Sabemos, no entanto, que en moitos casos, a pesar de usarmos o galego, nos chega a documentación da Administración en castelán. Cando iso acontecer, o que podemos facer é unha sinxela instancia, dirixida á Administración correspondente (vale tanto para a Administración Xeral do Estado como para a autonómica ou local). Como resposta, a Administración debe achegar unha tradución fiel en galego, sen custo ningún para a cidadá ou o cidadán, e ademais tramitar todo o resto do procedemento na lingua de Galiza. O texto pode ser, máis ou menos, este:

“EXPÓN:

Que recibiu no seu domicilio unha notificación (da que se remesa copia), con data de..., en que se lle comunica a resolución dese organismo segundo a cal...

Que dita resolución non está redixida en galego.

Que segundo as disposición vixentes (Lei 3/83, de normalización lingüística; Lei 30/92, de rexime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, etc.), a cidadanía galega ten dereito a exixir que calquera notificación, de calquera Administración Pública con sede no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, que afecte aos seus intereses, estea redixida en galego e que o procedemento se tramite na lingua elixida pola persoa interesada.

Polo exposto, SOLICITA:

Que teña por presentado este escrito e por efectuada reclamación do dereito a que se tramite o procedemento en lingua galega, invalidando consecuentemente a devandita resolución e remitindo no idioma indicado a mesma.”

Segundo os xuristas Antonio Xavier Ferreira Fernández, Alba Nogueira López, Anxo Tato Plaza e Luís Villares Naveira, autores do libro Estatuto xurídico da lingua galega (Xerais, 2005), “debe terse en conta que neste caso os efectos derivados da comunicación ou escrito (inicio de prazos para a realización de alegacións ou presentación de recursos, ou ben, inicio da eficacia do acto) suspenderanse dende o momento en que o cidadán requira á Administración para que realice a tradución pois, doutro xeito, a efectividade do dereito a optar lingüisticamente veríase frustrado e, ademais, o particular podería ser colocado nunha situación de manifesta indefensión ante o acto administrativo.”

- Cando un documento redixido en galego teña que surtir efectos fóra de Galiza, se foi entregado ou remitido a algunha Administración con sede en Galiza, será obriga desta Administración (e non da cidadá ou do cidadán!) a súa tradución (art. 36.3 da lei 4/1999). Ninguén nos debe nin mandar nin “aconsellar” que non utilicemos o galego neses casos, pois estamos no noso dereito. O art. 36.3 tamén sinala que se eses documentos, expedientes ou partes dos mesmos tivesen que “surtir efectos no territorio dunha Comunidade Autónoma onde sexa cooficial esa mesma lingua distinta do castelán, non será precisa a súa tradución”. A lei neste caso pensa no catalán e no vasco, xa que o galego, a pesar de se falar tamén en terreos pertencentes administrativamente a Asturias, Castela-León e Estremadura, carece de pleno recoñecemento oficial.

- Se presentas un documento nun rexistro fóra de Galiza mais vai dirixido a unha Administración radicada en Galiza, deberá admitirse aínda que vaia só en galego e expedirase unha copia do escrito, como recibo acreditativo da súa presentación (art. 10 do real decreto 772/1999).

Está na nosa man conseguir o uso do galego na Administración, non renunciando nunca ao se uso e exixindo de forma sistemática e firme que se respecten os nosos dereitos.

26 de jul. de 2010

Pola suspensión do decretazo

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Pola suspensión do decretazo
Fundamentos xurídicos e mobilización social


Esta fin de semana de celebración do Día da Patria Galega escoitamos algunhas das periódicas declaracións de galeguismo de Alberto Núñez Feijóo. É o habitual. Conforme se aproxima algunha efeméride da cultura galega, non para de citar a Castelao (ás veces, mesmo sen traducilo!) e de proclamar o seu amor apaixonado de galleguista. Canto cinismo, verdade? Mellor nos iría a todas e todos se o presidente da Xunta, en troca de realizar tantas declaracións de amor, comezase a facer o seu traballo de defender a lingua e a cultura do país.

Mais esta fin de semana, ademais da multitudinaria manifestación por Compostela, tivo dúas noticias que afearon un pouco a súa hipócrita propaganda. En primeiro lugar, o anuncio oficial da Real Academia Galega de interpor un recurso nos tribunais para defender a nosa lingua. É un fito histórico e como tal debe ser considerado e recoñecido. Por vez primeira, a Academia decide chegar mesmo á vía xudicial, sabedora de que estamos nunha encrucillada na que nos xogamos o futuro do noso idioma e todo o que este implica.

Ademais, o presidente da Xunta encontrouse con que A Mesa pola Normalización Lingüística non só presentou, como anunciara, un recurso para parar o decretazo. Ademais, esta organización solicitoulle á sala do contencioso-administrativo que declare a suspensión desta norma imposta de forma unilateral. A asociación en defensa da lingua galega pide así que se adopten medidas urxentes antes de que o Tribunal dite sentenza, a cal podería demorar arredor de dous anos.

O golpe aínda é máis duro por como está fundamentada esta petición de medida cautelar. A Mesa achegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza varios informes ou ditames elaborados ex profeso polas universidades da Coruña, Vigo e Santiago. Neles, advírtese de que a aplicación deste decretazo podería causar un “dano irreparábel ou de moi difícil reparación” na formación do alumnado. Así, os departamentos de Filoloxía Galega e os servizos de normalización das tres universidades lembran nos seus respectivos relatorios que, con esta norma, se dificulta gravemente que os estudantes poidan adquirir as competencias comunicativas en galego:

“(...)a aplicación do decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, causaría un dano irreparable entre o estudantado dos niveis non universitarios (ao impedir o funcionamento do sistema educativo como equilibrador das importantes diferenzas de competencia lingüística en galego na sociedade) e conduciría, irreversiblemente, a un modelo en que se reducirían as xa deficientes competencias en lingua galega no ensino universitario, un feito especialmente preocupante se quixermos acrecentar ao dereito que ampara a diversidade lingüística e cultural (a través, entre outra normativa, da Carta europea das lingua rexionais ou minoritarias) un importante atractivo de orixinalidade e de proxección da cosmovisión particular deste espazo e desta sociedade en que nos inserimos (...)”

Polo seu interese e utilidade para ampliarmos a crítica xurídica contra o decretazo, reproduzo unha parte do recurso, elaborado polo recoñecido avogado Guillermo Garrido, quen xa noutras ocasións foi decisivo para gañar varias batallas xudiciais para o noso idioma:

A suspensión que se solicita, ao noso xuízo, goza da aparencia de bo dereito, e, ao efecto, convén salientar que, sen prexulgar o fondo do asunto, pódese afirmar que, mediante o estudo provisorio da normativa aplicábel, se pode concluír que, a sentenza que se dite no seu día, con total probabilidade, recoñecerá a bondade da reclamación de declaración de contrario a dereito do Decreto recorrido.

Ao respecto, coa finalidade de fundamentar indiciariamente o máis que probábel pronunciamento favorábel a esta parte, facemos nosa a argumentación contida no Informe do Consello Consultivo sobre o Decreto 79/2010, que salienta diversos aspectos que poñen de manifesto a violación tanto de preceptos constitucionais como de lexislación ordinaria que aprecia concorren no texto aprobado que, inevitabelmente, haberá de producir un pronunciamento sobre do fondo que obrigará a súa revisión ou total derrogación.

Para a tramitación desta peza separada, parécenos que, aos efectos da apreciación do fumus bonis iuris, a conclusión única do informe do Consello Consultivo, é determinante: “(…) que o proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico no tocante ao exposto nas consideracións cuarta e quinta (…)”.

Na cuarta das aludidas consideracións, referida á educación infantil, ponse de manifesto a existencia de infraccións de preceptos constitucionais que afectan aos artigos 9, sobre da seguridade xurídica, 10.1, a respecto da dignidade da persoa e os dereitos inviolábeis que lle son inherentes; o 27 sobre a obriga do lexislador a respecto da programación xeral no ensino, así como legais referidos á Lei orgánica de educación (LO 2/2006, do 3 de maio), Lei de normalización lingüística (Lei 3/83, do 15 de xuño), e o artigo 8 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.

Na quinta, examínase polo Consello Consultivo a sección referida á consulta ás familias sobre a asignación lingüística de determinadas materias para concluír que tamén neste eido se viola o artigo 27.5 da CE, así como a Lei orgánica 2/2006, de educación, a Lei 3/83 de normalización lingüística de Galiza, con especial incidencia no estabelecido no artigo 78.2 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (Lei 30/92, do 26 de novembro) e a tamén violación do principio de reserva de Lei que se conculca co Decreto que se recorre.

As demais consideracións do Informe do Consello Consultivo, denuncian os aspectos que entenden deben ser redixidos para mellorar o texto.


O escrito presentado pola Mesa subliña tamén que, tras o ditame do Consello Consultivo, a Xunta fixo caso omiso das observacións desta institución. Por iso:

Non podemos deixar de engadir ao exposto que, o Decreto recorrido, tamén viola a normativa internacional á que está vencellada o Estado español vía artigo 10.2 da Constitución Española, e, por tanto, a Comunidade Autónoma Galega, téndose que sinalar ao efecto, os artigos 1 e 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional dos Dereitos Sociais e Culturais (artigos 2.1 e 2.1., respectivamente), o Convenio Europeo de Dereitos Humanos (artigo 14), merecendo especial cita –polo que significa a necesidade de promover e potenciar o uso da lingua galega–, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, cuxa vulneración tamén é destacada polo informe do Consello Consultivo de repetida cita.

Para quen quixer máis información sobre todas estas valoracións xurídicas, tamén esta fin de semana se presentou o volume Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo. Este libro está coordinado polo maxistrado Luís Villares, portavoz en Galiza de Xuíces para a Democracia, e nel fornécense novos e firmes argumentos para rexeitar este decretazo en todos os niveis e, tamén, para que o profesorado continúe a ministrar as súas aulas en galego. Socialicemos esta interesante e oportuna información.

24 de jul. de 2010

O día de hoxe

A foto de arriba, co compañeiro Fran Rei e coa compañeira Iria Taibo, tomouna o fotógrafo Ramón Escudero esta mañá na conferencia de imprensa que deu A Mesa para anunciar a solicitude de supensión do decretazo contra o galego no ensino. Sobre esta cuestión, hoxe ás 22 h no Festigal darase a coñecer un interesantísimo e recomendábel libro coordinado polo maxistrado Luís Villares.

No mesmo lugar, mais tres horas antes (ás 19.15 h), presentarei En castellano no hay problema xunto con Alba Nogueira e Manuel Bragado. No evento de hoxe falarei de novo da actualidade, mais comentarei tamén algúns pormenores sobre a elaboración do volume nos que non me detiven moito noutros actos anteriores.

Entre os moitos eventos da xornada, nalgún momento terei que pórme a finalizar o artigo desta semana para Galicia Hoxe, no cal abordo o libro Lingua de calidade de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Moito estrés con tanta cousa, si, aínda que nelas se conxugue obrigación e devoción.

Mais non podo finalizar esta entrada sen comunicar o meu profundo pesar, e mesmo desacougo, pola desaparición de dúas páxinas referenciais da información galega e en galego: Vieiros e Chuza! A noticia destes dous feches debe levarnos, como pouco, á reflexión.

18 de jun. de 2010

Acto de apoio ao profesorado e presentación en Lalín

Esta tarde participo en dous actos na defensa do noso idioma. En primeiro lugar, ás 18 h, nun evento con profesoras e profesores de materias para as cales Núñez Feijóo quere prohibir a docencia no noso idioma.

Neste acto teremos moi presentes as palabras do maxistrado Luís Villares, portavoz en Galiza de Xuíces para a Democracia, que aseverou nunha entrevista que "unha sanción por desobedecer o decreto do ensino poderíase impugnar por ilegal". As súas palabras son ben claras: "A suxección de todos ao ordenamento xurídico é ao seu conxunto, non unicamente ao decreto, que non convivé só, senón que está subordinado a leis que están por enriba como a de normalización lingüística e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias”. Por iso, "“posto a escoller a que norma se somete un, as de rango superior teñen que ser observadas sobre as de rango inferior cando estas contradin as outras, porque son nulas”.

Ás 20.30 h, continuaremos a falar destas cousas, no marco da presentación, con Luís Couto, na casa museo Ramón Aller de Lalín do libro En castellano no hay problema.

Forza e adiante!