6 de set de 2010

A desaparición de medios de comunicación en galego

Esta semana o artigo en Galicia Hoxe tiña que tratar sobre un dos asuntos de máis preocupante actualidade para a nosa lingua e, tamén, para a liberdade de expresión e información de quen queremos seguir exercendo como galegos:

Punto de inflexión
A desaparición de medios de comunicación en galego


Hai xusto tres anos, os últimos días de agosto de 2007, Iria Taibo, a secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, e quen isto subscribe, como presidente desta mesma entidade, realizamos varios encontros formais con entidades que actúan na normalización do éuscaro. Nunha apretada axenda, mantivemos diversas entrevistas de traballo cos responsábeis de proxectos en Kontseilua, o Consello de Organismos Sociais do Euskara, e tamén con algúns medios de comunicación que teñen esta milenaria lingua como ferramenta e vehículo. Martxelo Otamendi, director de Berria e do inxustamente desaparecido Egunkaria, guiounos unha desas tardes pola ampla redacción dese diario. Explicounos as serísimas dificultades polas que pasaron, o seu funcionamento no día a día e tamén algunhas das expectativas que tiñan cara ao futuro.

Cando saímos da xuntanza, Iria e eu conversamos sobre o que alí viramos e fixemos algunhas contas. Parecíanos moi claro. Traballaba máis xente na redacción dese único diario en éuscaro que a suma de todos os xornalistas que estaban en nómina de todos os medios de comunicación en galego. Nas nosas contas feitas rápido nun pano de papel incluiamos a ollo mesmo os servizos informativos da CRTVG, que xa é dicir. Se nalgún punto nos erramos e non son máis, non teño dúbida de que son case os mesmos.

Para se dar esa situación en Euskal Herria conxúganse varios factores. Por unha banda, unha sociedade cunha consciencia moitísimo máis asentada que aquí de que cómpre apoiar os proxectos que se desenvolven en favor da cultura propia. Penso que non se debe reducir tampouco a importancia dunha renda per cápita máis elevada, que permite que sexan factíbeis algúns proxectos por subscrición popular que aquí semellan inimaxinábeis.

Mais a diferenza crucial entre un e outro país é a existencia aló dunha política activa de fomento da lingua desde as institucións, que pasa tamén por ir consolidando un espazo propio de comunicación. Non me refiro unicamente ás accións que se poden desenvolver desde os gobernos autonómicos, senón tamén desde as deputacións e os concellos. Por seguir con comparacións para a reflexión, hai concellos con tantos habitantes como ten aquí Santa Uxía de Ribeira que contan cun orzamento para a normalización lingüística que é superior á suma do que destinan a este obxectivo as catro deputacións e as sete cidades galegas. Debo subliñar que é superior tanto en termos absolutos como porcentuais. Posto que hai persoas con sensibilidade declarada pola lingua e o país nestas nosas institucións, talvez vaia sendo tempo de que realicen unha mudanza profunda da política lingüística, que sirva tamén para defender desde unha acción institucional vigorosa o que está a destruír, cal Atila, o actual Goberno galego (que pouco lle acae este adxectivo de “galego”, verdade?).

Como nun dominó

A Nosa Terra está na biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, que mantén vivas catro subscricións desde 1979, mais a Xunta e o Parlamento galego cancelaron as súas nada máis estrear Alberto Núñez Feijóo a Presidencia de Galiza”. Estas declaracións realizounas esta mesma semana en varios medios de comunicación Afonso Eiré, presidente e conselleiro delegado do grupo editor do desaparecido (mais resucitábel) semanario.

O feche da edición impresa d’A Nosa Terra súmase á desaparición neste mesmo ano 2010 dos xornais electrónicos GzNación e Vieiros, este último con quince longos anos de experiencia ás súas costas. Outros medios como A Peneira encóntranse tamén ao borde do precipicio. Trátase en todos os casos de problemas económicos, ante os cales a Xunta actuou coa desatención máis absoluta.

Si, talvez sexa morno de máis ao falar de “desatención”, cando na realidade a actitude da Xunta de Núñez Feijóo é dunha agresividade manifesta. Aí está o caso das subscricións que se dan de baixa da noite para a mañá (mentres se multiplican as dos medios afíns ao partido gobernante), a eliminación ou redución á mínima expresión da publicidade institucional, a discriminación nos convenios e axudas públicas, o pirateo de ideas (como lle aconteceu a Vieiros no caso A polo ghit)... Hai, en fin, un propósito claro de destrución dos medios de comunicación na nosa lingua.

Debemos sumar a esta situación de redución de cabeceiras no noso idioma a multiplicación exponencial a través da TDT de medios de comunicación en castelán. Varios deles, ademais, son portavoces dun extremismo españolista propio da época do NODO. A CRTVG, que podería ser un oasis para a nosa lingua e cultura, encóntrase, no entanto, nunha planificada depauperación gobernamental.

Respostas sociais

Así, sen tremendismos nin catastrofismos de ningunha clase, debemos recoñecer que estamos a pasar por unha situación de singular gravidade. Nunca nestes 30 anos de Estado das Autonomías o catalán ou o éuscaro pasaron por un momento semellante de desaparición, como nun dominó, de varios dos principais referentes informativos nas súas correspondentes linguas.

Mais non escribo estas liñas para queixarme nin para facermos terapia de grupo. Cómpre que estes problemas sirvan como punto de inflexión para a toma de accións colectivas. Por exemplo:

  1. Mantermos unha liña de protesta pública para que cesen as actitudes belixerantes da Xunta contra os medios de comunicación que utilizan o galego.

  2. Reclamarmos que as axudas para o uso da lingua propia que convoca anualmente o Goberno galego sirvan para ese fin.

  3. Demandarmos a todas as institucións (tamén concellos e deputacións) que revisen a súa política lingüística, dotándoa de maior forza e acción social.

  4. Individualmente, darlle soporte aos medios de comunicación que utilizan o noso idioma: subscribíndonos, dándolles visitas na rede, difundíndoos...
Eu, a partir de agora, vou preguntar nas cafetarías e nos restaurantes se teñen por aí o Galicia Hoxe. Xa sei que un gran non fai graneiro, mais...

10 comentários:

  1. Ola Carlos e demais lectores;

    Ante a evidente desaparición de medios de comunicación en galego, propoñemos xuntármonos todos aqueles sensibilizados coa problemática do futuro da nosa lingua e dar un paso adiante para aportar unha solución pragmática a esta situación.

    Participa a través deste formulario:

    http://bit.ly/bSJw7r

    A unión fai a forza.

    Un saudo.

    ResponderExcluir
  2. A "LUTHER BLISSET" (o "autor" do comentario anterior):
    A invitación a identificarse como galeguista na ligazón que ofrece "Luther Blisset" --un dos nick máis coñecidos dos que teñen medo, ou o que sexa, en se idetificar na Rede-- é propio dunha pantasma, máxime se é verdade que o autor desa iniciativa está a defender, como din, a cultura galega.
    O formulario ao que os lectores deste blog teñen aceso ben poidera ser dunha empresa que está a facer un estudo de mercado, e mesmo poidera ser un recurso da policía para ter referencias persoais nun censo de galeguistas co que contrastar identidades con outros listrados...
    As dúas alternativas son lexítimas, legais e xiustificables, pero o que non ten xustificación é que unha entidade da vangarda da cultura galega esté a xogar con parvadas e que, polo seu xeito de buscar apoios, esqueza que o problema do galego é de ámbito social, non "intelectual" nin tampouco "policial".
    Invitar aos galeguistas a falar con unha "entidade" pantasma das moitas que asinan cun "Luther Blissert" na Rede contribúe a que aumente o número dos galegos que "pasan" da súa lingua... e despois tamén da súa cultura.
    Defender o galego non pode ser unha actividade "clandestina".
    Pensar, tamén cando se fai en galego, é gratis.

    ResponderExcluir
  3. graneiro --> celeiro.

    ResponderExcluir
  4. Pero fozañando un pouco pola web vese que este blog e maila web da mesa xa están no top 100 das páxinas web galegas (http://www.codigocero.com/top-100). Agardo que sigades así, difundindo a boa labor do noso idioma, e sobor de todo ti, Carlos, que vales para a comunicación.
    Agardamos impacientes outro cheo no Obradoiro para dicirlle ós visitantes que os galegos queremola nosa lingua!
    E a ligazón do primeiro comentario dá moito que falar, pois a web da que sae iso está en inglés... raro, raro, raro... Se hai que asinar ou facer algo, que sexa no seo da Mesa.
    Saúdos a todos e Galiza co Galego!

    ResponderExcluir
  5. Xa hai unha web para apoiar o manifesto. Facédea circular!!

    http://www.osmediosengalegoimportan.com/

    ResponderExcluir
  6. Moi de acordo co comentario do Felix, a verdade é que a forma de traballar dalgunha xente tira un pouco para atrás

    ResponderExcluir
  7. CIG responsabiliza á dirección de A Nosa Terra da grave situación económica da empresaDenuncia que os seus responsábeis non comunicaron a suspensión de pagos os traballadores/as e non descarta convocar mobilizaciónsA federación de Químicas e Enerxía da Confederación Intersindical Galega responsabiliza ás distintas direccións do semanario A Nosa Terra da grave situación económica que atravesa a empresa e que obrigou os seus responsábeis a suspender pagos. Dende a central nacionalista critican tamén o feito de que os xestores da publicación non comunicaron ao representante dos traballadores e traballadoras a entrada no proceso concursal e reclaman que se lles facilite información.2010 07 06 logo a nosa terraDende a o sindicato lamentan en primeiro lugar os problemas que atravesa a histórica cabeceira do nacionalismo galego e sinalan ás súas distintas direccións como responsábeis da situación. Aínda que son conscientes do drástico recorte nas axudas da Xunta aos medios que se editan en galego -principal argumento esgrimido por A Nosa Terra para xustificar a súa desaparición en papel- o secretario nacional da federación de Químicas e Enerxía da CIG, Alberto Gonçalves, indica que “nin a actual dirección nin as anteriores souberon xestionar a empresa, sobre todo en épocas de bonanza económica”. Neste senso, define o sucedido como a “crónica dunha morte anunciada”.Dende a central amósanse especialmente críticos coa actitude da actual dirección, xa que ninguén lle comunicou ao delegado sindical a entrada no proceso concursal. “Existe unha falta de información total aos traballadores e traballadoras, que non saben de forma oficial o que está a acontecer na empresa”, lamenta Gonçalves. Ao mesmo tempo, lembra que levaban máis dun ano reclamándolle á dirección un plan de viabilidade “que nunca chegou” para tratar de reconducir a situación.Finalmente, adiantan que ademais das pertinentes accións legais non descartan iniciar un calendario de mobilizacións para denunciar a situación que están a padecer os 28 empregados do semanario.

    ResponderExcluir
  8. Jacinto Rey non pode pechar A Nosa Terra sen negociar un plan de viabilidadeSXGVigoVigo, 3 de setembro 2010.- O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) reclama ao Grupo San José, propietario do semanario A Nosa Terra (ANT), o mantemento do máximo número posíbel de postos de traballo neste medio de comunicación. O SXG critica que a empresa anunciase na prensa a paralización temporal desta centenaria publicación sen presentar ningún plan de viabilidade, malia que os traballadores levan máis de ano e medio reclamándollo a través do seu delegado sindical, elixido pola CIG.Ademais, o SXG denuncia que a empresa acumula continuos atrasos nos pagamentos dos salarios, que neste intre suman dúas mensualidades. O Sindicato esixe o pronto abono das nóminas, pois A Nosa Terra pertence a un gran grupo empresarial, a construtora San José, que dirixe Jacinto Rey, con capacidade suficiente para facer fronte ao soldo de 25 traballadores.Segundo a información remitida pola propia compañía ao Rexistro Mercantil, A Nosa Terra facturou en 2009 máis de 1,6 millóns de euros, cantidade de abondo para asegurar a supervivencia do semanario e o pagamento das débedas a curto prazo, que para 2011 e 2012 suman menos de 160.000 euros exclusivamente con Caixanova.Quen é o dono de A Nosa Terra?Un nivel de débeda asumíbel pola Construtora San José, principal accionista de A Nosa Terra. O grupo construtor controla a editorial a través da sociedade Promoción Cultural Galega 2007, presidida por Alfonso Eiré, tamén presidente de ANT, pero cuxas accións corresponden en máis do 97% a Udra Medios, filial do Grupo San José e que tamén é accionista maioritario de Xornal de Galicia. É inexacto, malia o publicado nalgúns medios, que Alfonso Eiré sexa o propietario da empresa, unicamente é o presidente que actúa de pantalla ante o verdadeiro propietario, Jacinto Rey.San José mantén ao fronte aos responsábeis da criseAo igual que xa denunciara a CIG nun comunicado antes do verán, o SXG considera que ANT arrastra dende varios anos unha "mala xestión" que de ningún modo poden pagar exclusivamente os traballadores e traballadoras. Uns traballadores aos que se lles ocultou durante máis dun mes a presentación do concurso de acredores do que tiveron que enterarse pola prensa, actuación da dirección de ANT, presidida por Alfoso Eiré, que só merece o cualificativo de inmoral.San José non pode forzar o peche do que fóra voceiro das Irmandades da Fala mantendo a súa vez ao fronte da empresa aos actuais xerentes, que son evidentemente os responsábeis directos do malgasto e da caída de vendas dos últimos anos.Responsabilidade da Xunta de GaliciaAdemais da responsabilidade directa e principal dos actuais xerentes, que a pesar de abocar a ANT a esta situación non foron relevados polo Grupo San José, o SXG considera que o actual goberno da Xunta de Galicia tamén ten a súa parte de responsabilidade debido á drástica redución nas axudas aos medios escritos en galego e ao libro escrito en galego.O SXG quere facer chegar unha mensaxe de apoio tanto ao delegado sindical como á CIG nas medidas que estimen oportunas coordinar ante esta difícil solución.Por último, o Sindicato chama a todas as administracións a que tomen medidas urxentes ante a continúo feche e despedimentos de medios de comunicación nos últimos meses, especialmente entre os editados en galego. Cómpre lembrar que o Estatuto de Autonomía obriga á Xunta e aos poderes públicos a promover o uso do idioma propio en novos eidos, como os medios de comunicación.

    ResponderExcluir
  9. Hoxe, vía Código Cero, cheguei a un artigo en
    <a href="http://galizalivre.org/?q=noticia/07.09.2010/verdadeira-causa-do-feche-d-nosa-terra>Galiza livre</a> de Xaime Frías onde dí que Alfonso Eiré mente, e aporta unha serie de documentos.

    Iso non quita para que a necesidade siga a ser a mesma, pero desconcerta e desanima un pouco.
    Moita xente temos ese medo a ser manipulados a través de información sesgada, utilizados na nosa boa fe e reconducidos por vieiros que conducen a fins unicamente económicos ou interesados.
    (De ti fíome)

    ResponderExcluir
  10. boh! seica non puxen ben o enlace a Galiza livre

    http://galizalivre.org/?q=noticia/07.09.2010/verdadeira-causa-do-feche-d-nosa-terra

    ResponderExcluir