Mostrando postagens com marcador Via Galego. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Via Galego. Mostrar todas as postagens

20 de out. de 2011

Docentes de Português na Galiza: Premio Via Galego 2011

A Fundación Via Galego, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, entrega por vez primeira o seu galardón anual, que vai dirixido a unha persoa ou entidade que promova as relacións de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico.

Este ano o Padroado da Fundación decidiu distinguir a asociación que agrupa e coordina as e os docentes de portugués en Galiza, tanto en secundaria como na universidade.

Que este premio simbólico sirva de apoio para o seu labor e tamén de aliciente para estendermos a oferta de portugués no noso país!

13 de jan. de 2011

Radios e televisións portuguesas en Galiza


Que as radios e televisións portuguesas se puidesen recibir en Galiza sería a concreción dun soño longamente ansiado na cultura galega. Ademais, é un dereito que ás galegas e aos galegos nos recoñece o Consello de Europa e que o Parlamento galego recoñeceu por unanimidade hai case tres anos, grazas ao impulso da Fundación Via Galego. Porén, falta aínda que o Goberno español e o Goberno galego se poñan mans á obra para que tal dereito sexa verificábel e o poidamos exercer.

Mentres, dun xeito máis precario porén interesante, hai unha páxina na rede, chamada TVTuga, a través da cal podemos acceder a moitos canais de radio e televisión en portugués que son transmitidos pola internet.

23 de ago. de 2010

Vento do Sul

Este é o artigo desta semana en Galicia Hoxe. Para a semana incidirei no mesmo tema.



Vento do Sul

Aprende a ler em português em 25 segundos


Foi nunha das primeiras noites de festa deste verán. Dous amigos e mais eu estabamos un pouco desorientados na cidade da Coruña procurando a rúa onde se realizaba un concerto. Pasou unha señora e pregunteille: “Desculpe, podería dicirme onde está a praza tal?” Axudándose das mans, indicounos: “Ides por aquí todo recto e despois colledes á esquerda”. Agradecémosllo cun “moitas grazas” e ela, afábel, interesouse por nós: “E logo de que parte de Portugal sodes?” Caéronnos os queixos ao chan. “Non, non! Somos galegos! El élle de Petín, el de Rianxo e eu de Ribeira”. “¡Ah! ¡¡Sois gallegos!! ¡Pensaba que erais portugueses! Bueno... Pues cogéis recto y después a la izquierda...”

A anécdota deu que falar aquela noite. En primeiro lugar, pola sensación de estranxeiramento que se che instala no corpo. Esa muller pensara que non éramos galegos porque falabamos galego en Galiza! Os versos de Rosalía de Castro, denunciando que os galegos son estranxeiros na propia patria, cobran novos sentidos ante situacións tan esperpénticas coma esta.

Mais hai outros elementos nesta situación concreta que tamén dan para reflexionar. Por exemplo, o feito de que a señora nos falase en galego mentres pensou que éramos portugueses. Coa súa mudanza de idioma lembroume unha consigna que, hai anos (quen sabe se agora tamén?!), lles daban ás traballadoras e aos traballadores dunha grande superficie instalada en Vigo que atraía unha inxente clientela lusa: “A los portugueses en gallego y a los gallegos en castellano”.

Mais no fondo de tanto prexuízo, tanta ocultación e tanta desfiguración da propia identidade, repousan algunhas ideas turbadoras. Por exemplo, que sabemos que o galego, a fala domesticada (no sentido de que só pode servir para os ámbitos domésticos, primarios) serve para nos comunicarmos con persoas de fóra de Galiza. Portugal e o Brasil, como mínimo.

A pesar das numerosas vicisitudes históricas desde a Baixa Idade Media até hoxe, a pesar de tantos séculos de costas viradas e de descoñecemento mutuo, entre a fala do norte e do sur do río Miño continúa a haber unidade dentro da diversidade. Como conclúen todos os estudos lingüísticos e pode testemuñar calquera de nós, as diferenzas existentes non son obstáculo para a intercomunicación nin rompen a unidade estrutural básica.

A existencia do portugués ofrece unha potencialidade enorme para o proceso de restauración interna e de normalización social do galego. Sábeno, en primeiro lugar, os grupos que están en contra de que a nosa lingua progrese. Por que, se non, tanta oposición a que en Galiza poidamos recibir as radios e as televisións portuguesas en aberto, tal e como a tecnoloxía permite e tal e como obrigan tratados internacionais subscritos polo Estado español? Por que en Galiza non se pode, como si por exemplo na Estremadura española, escoller a materia optativa de lingua portuguesa no ensino secundario? A que hai tanto medo?

A pesar de todo, o conxunto da poboación alfabetizada nos últimos trinta anos, que sabe ler e escribir en galego, pode ler en portugués. Subliño: malia non o estudar nunca. Sábese ler en portugués aínda non sabendo que se sabe ler en portugués!

Por iso desde a Fundación Via Galego, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, se lanzou hai un par de anos unha engrazada campaña que levaba por lema “Aprende a ler em português em 25 segundos”. Remedábase así a característica mercadotecnia dos libros que prometen aprender inglés, xaponés, alemán, italiano, ruso... en quince ou trinta días. Pois desde a Fundación Via Galego aínda se apostaba máis alto que neses métodos! Aprender a ler en portugués en vinte e cinco segundos!

Se ti aceptas ese reto, repara nestas equivalencias e cronometra a partir destes dous puntos:

LH = LL (coelho = coello)
NH = Ñ (minha = miña, o artigo indeterminado é uma)
-M = -N (um = un)
J = X (hoje = hoxe)
GI, GE = XI, XE (girafa = xirafa, geral = xeral)
Ç = Z (paço = pazo)
SS = S (passar = pasar)
-ÃO = -ÓN / -ÁN (alemão = alemán, camião = camión)
-ÃES = -ÁNS (alemães = alemáns)
-ÕES = -ÓNS (camiões = camións)

Detén o contador. Adicionalmente, para leres en portugués podo indicarche que a acentuación é algo diferente ao estándar do galego, mais conforme o practiques xa concluirás que non dificulta en absoluto a comprensión: indústria, contemporâneo, Maria, etc.

Verás, tamén, que hai algún vocabulario diferente, que aprenderás pouquiño a pouco. Mais, ao mesmo tempo, irás vendo que moito outro léxico galego que escoitaches desde sempre está aí presente. E, sobre todo, repararás en que é moi sinxelo, que con saberes unhas cantas equivalencias xa podes soltarte a ler e coñecer toda esta riquísima cultura que, malia ser tan próxima en todos os sentidos, nos está aínda tan afastada.

Non é sorprendente que, sendo tan fácil para calquera galega ou galego ter o título que acredita o coñecemento do portugués, non se aproveite esta oportunidade? Para quen goste das cifras, resulta que o portugués é o único idioma romance que é oficial en territorios dos catro continentes e que ten máis falantes nativos que o ruso, o xaponés, o alemán, o francés ou o italiano.

Mais, claro, considerar o portugués como a lingua que é pasaría tamén, entre nós, por darlle unha outra consideración ao galego. E aí é onde está o centro do problema.