17 de set de 2015

Afonso VII, Rei de Galiza

Hai hoxe 904 anos, o fillo de Urraca I e Raimundo de Borgoña, así como pupilo de Pedro Fróilaz, recibía na catedral de Santiago a coroa de Galiza, no medio de grandes festexos.

Para lembrar ese acontecemento, o CPI de Caldas de Reis que leva o nome do monarca galego convoca o seguinte premio literario, destinado á rapazada de primaria e da ESO:

I PREMIO LITERARIO AFONSO VII - REI DE GALIZA

O 17 de setembro de 1111 era domingo. A catedral de Santiago de Compostela, que neses momentos seguramente era o templo máis grande de toda Europa, estaba engalanada e preparada para unha festa moi especial. Nesa xornada, nobres galegos chegados de todos os puntos do reino xuntáronse alí para presenciaren a coroación do novo soberano de Galiza: Afonso VII.

Que pensaría ese pícaro ao ver que os nobres máis poderosos e mesmo o seu tío, o futuro e poderosísimo papa Calisto II, se axeonllaban ante el? Como imaxinas ti que foi ese día? Que decoración habería na catedral? Como se sentiría o novo rei?

Para recordar ese acontecemento, o Departamento de Lingua e Literatura Galega e o Equipo de Normalización Lingüística do CPI Alfonso VII de Caldas de Reis convoca o I Premio Literario Afonso VII - Rei de Galiza, coas seguintes BASES:

1) O tema do premio é recrear literariamente, de forma libre e imaxinativa, o día da coroación do pequeno Afonso VII en Santiago de Compostela como rei de Galiza.

2) Poderán concorrer ao premio alumnos e alumnas de primaria e ESO de calquera lugar do mundo.

3) Os traballos deben estar en lingua galega e han de ser orixinais e inéditos. Poden presentarse en prosa, verso ou en formato teatral.

4) Non existe extensión mínima nin máxima.

5) Enviaranse tres copias do traballo, pasadas a computador. En cada copia figurará o nome do traballo, un pseudónimo e o curso a que pertence a alumna ou o alumno.
Nun sobre fechado (plica), no que no exterior só aparecerá un pseudónimo, introducirase unha nota cos datos.

6) Os traballos enviaranse a :
I Premio Literario Afonso VII - Rei de Galiza
CPI Alfonso VII
Rúa José Salgado, 18
36650 Caldas de Reis

7) Entregaranse os seguintes galardóns:
a) 1º Premio Primaria.- Lote de libros, diploma acreditativo e figura de Afonso VII.
2º Premio Primaria.- Lote de libros e diploma acreditativo.
b) 1º Premio ESO.- Lote de libros, diploma acreditativo e figura de Afonso VII.
2º Premio ESO.- Lote de libros e diploma acreditativo.

8) O xurado do I Premio Literario Afonso VII - Rei de Galiza estará constituído por membros da comunidade educativa do CPI Alfonso VII de Caldas de Reis e a súa decisión será inapelábel.

9) O prazo máximo para a recepción dos traballos é o 11 de xaneiro de 2016.

10) Os premios daranse a coñecer o 1 de marzo, con motivo do aniversario do nacemento en Caldas de Reis de Afonso VII.

15 de set de 2015

50 anos da posibilidade de estudar galego na universidade

No curso 1965-1966 púidose estudar por vez primeira oficialmente unha materia de lingua galega na Universidade de Galiza, en quinto da sección de Filoloxía Románica.

Neste ano escolar que comezamos agora faise, por tanto, o medio século de tan importantísimo acontecemento.

A Universidade de Santiago ten máis de 500 anos e a posibilidade de estudar o idioma do país só 50. Póndelle vós o adxectivo á situación: colonial, miserenta, alienante...

O profesor que conseguiu concretar un obxectivo durante moitas décadas desexado, solicitado e pelexado foi Ricardo Carvalho Calero, un ilustre nome desa minoría de galegas e galegos que turraron do carro do país mesmo nos tempos máis duros e desesperanzados.

11 de set de 2015

"Non querería eu menos o meu país, aínda que fose modestísima a súa historia"

Corría o ano 1907. Antonio Maura acababa de realizar un discurso no Congreso de Madrid sobre as grandezas de España e o pasado imperial de Castela. O deputado catalán Josep Puig i Cadafalch, recordado na actualidade sobre todo como arquitecto, respondeulle cunhas palabras que merecen ser traducidas para o galego nun día como o de hoxe:
Para min é abondo ser inferiormente diferente. Non querería eu menos o meu país, aínda que non fose glorioso; non o querería menos, aínda que fose modestísima a súa historia. Niso non hai cuestión. A lingua e a patria téñense por seren propias; a miña lingua propia, paterna e materna, é a mellor do mundo. Sabedes por que? Non o direi eu, díxoo un poeta: porque é a miña.
O diario de sesións indica que neses momentos se ouven rumores entre os deputados. Polo menos, non son os berros e os insultos doutras ocasións.

4 de set de 2015

A Dirección Xeral de Tráfico é plurilingüe: castelán, inglés, francés e alemán

O espazo web da Dirección Xeral de Tráfico é plurilingüe, como podedes ver na imaxe. Pódense facer xestións con total normalidade en castelán, inglés, francés e alemán. Afortunados estes idiomas que, sen teren recoñecemento oficial, si son tratados como máis oficiais que o galego pola Administración Xeral do Estado.

Actuará sobre iso o Tribunal Constitucional?

2 de set de 2015

A lingua, o Xapón, o mar

Onte fervían as redes sociais co vídeo onde se pode ver a sinatura dun protocolo de colaboración entre o Goberno galego e o Goberno xaponés. Na presentación en Santiago de Compostela de dito acordo, o embaixador do Xapón, Kazuhiko Koshikawa, falou en galego, mentres o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, falou en castelán. Non se trata, obviamente, dun acto de cortesía, pois esta mandaría facer cando menos unha parte da alocución en xaponés e o resto no idioma do país no cal estás, no idioma propio do país a que representas.

Temos, con certeza, un presidente do Goberno galego que é un acomplexado, que non cre na "nacionalidade histórica" que ten a obriga de representar (dígoo mesmo en termos de Tribunal Constitucional, para que non se arrepíen no PP); un presidente que non serve para o cargo que ocupa.

Xa sei que non é algo que vexamos só na cuestión idiomática: que o notamos tamén nos petos, na demografía, no medio ambiente... Mais é boa verdade que a lingua é sempre un termómetro da situación social.

Vese iso tamén cando o Goberno español non ten mellor ocorrencia que facer unha campaña de promoción da Formación Profesional marítima e pesqueira sen editar información en lingua galega. Negan pola vía dos feitos a oficialidade do noso idioma, ao desobedeceren unha e outra vez os mandatos legais de recoñecelo e usalo, a pesar das incesantes propostas e protestas para que asuman a nosa existencia e os nosos dereitos. Mesmo o apartan nun ámbito tan sensíbel, e que debería ser central para a nosa economía, como é o pesqueiro. Mais como nos vai sorprender a desatención ao noso idioma cando a desatención é xeral aos nosos sectores produtivos básicos!

 
Na primeira foto podedes ver, ademais, que utilizan o topónimo *Villagarcía, un castelanismo desterrado oficialmente hai máis de trinta anos... Será que o manteñen "por tradición", a mesma razón pola que a empresa pública ADIF dixo que mantén "El Ferrol"? Cales son as leis que "por tradición" poden desobedecer os gobernos para negar dereitos cidadáns?

E, sobre todo, a pregunta fundamental: Até cando imos consentir tanto desprezo?