31 de dez. de 2008

Que non dependa dun milagre

Como palmaria mostra de laicidade e de separación Igrexa-Estado, onte a presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino, pediulle ao apóstolo Santiago axuda para moitas cousas, como a crise económica, a violencia machista ou para finalizar co que ela denomina "confrontación lingüística". Coñecendo a súa reducida sensibilidade co galego, prefiro reinterpretar as súas palabras como que desexa que finalicen os ataques contra o idioma de Galiza, aínda que sei que é autoengano.

Como eu non quero que sexa ningún hipotético santo o que goberne, o meu desexo para o 2009 é que haxa políticas que axuden a resolver os problemas sociais.

Para vós, o meu desexo é que sexa un 2009 de boas decisións.

30 de dez. de 2008

Boicote a Israel

Ademais da mobilización de hoxe ás 8 do serán contra a barbarie sionista en Gaza, pola miña banda comezarei a aplicar a proposta de boicote a Israel. Sei que se o fai unha soa persoa será puro testemuñalismo; se o facemos máis, poderemos ao menos axudar a que algo muden as cousas.

Algunhas das grandes marcas afectadas son Coca-Cola, Danone, L'Oreal, Nestlé, Nokia, Calvin Klein, Alcampo ou Carrefour. Tedes máis información sobre o boicote aquí e, especialmente, aquí.

Pola miña banda, voulles escribir a Alcampo e Carrefour para devolverlles os cartóns de cliente, que saiban da miña decisión e por que a adopto. Sumádevos!

Como di o Mario Benedetti nun dos seus poemas máis emotivos:

Uno no siempre hace lo que quiere
pero tiene el derecho de no hacer
lo que no quiere.



Ademais da presión comercial, urxe que se adopten decisións políticas de presión. Por exemplo, vai manter o Estado español o comercio de armas con Israel ou vaise deter tal e como solicitaron entidades como Amnistía Internacional?

O presidente do Goberno central, o señor Rodríguez Zapatero, debería explicarnos por que autoriza a venda de armas para asasinar poboación civil indefensa.

29 de dez. de 2008

Con Palestina

Mañá, terza feira (martes) 30 de decembro, ás 20 horas, na Praza do Toural.

Hai tamén a convocatoria de pendurar da xanela panos negros como símbolo da repulsa do masacre.

O mercado dos libros en lingua galega

A reflexión desta semana, "Precariedade e utopía", entra dentro do debate sobre a situación do mercado bibliográfico en galego.

Outras ligazóns vinculadas:
Podes consultar ademais os estudos con información sobre a situación do sector elaborados pola Federación de Gremios de Editores de España.

28 de dez. de 2008

282 mortos


Os teletipos falan agora mesmo de 282 mortos na franxa de Gaza e centos de feridos cunha atención médica moi precaria. Din que é o peor ataque contra Palestina en 40 anos e os gobernantes de Israel xa anunciaron que continuará.

Necesitamos canalizar tanta raiba, tanta impotencia. Urxe algunha campaña, algunha mobilización... Teñen que saber que estamos acarón de Palestina e dos dereitos humanos e por unha actuación diplomática firme por parte do Estado do cal somos cidadáns.

23 de dez. de 2008

Boas festas!



O Nadal, coa sempiterna visita das fantasmas dos nadais pasados...

Como dicía o ano pasado, boas festas e non vos pasedes cos ansiolíticos!


"Stuck in the middle", Mika


I sit and think about the day that you're gonna die,
'Cause your wrinkled eyes betrayed the joy with which you smiled.
Care to see my reason?
Care to put your life in mine?
Looking at life from the perspective of a boy
Who's learnt to love you but has also learned to grow.
Could we make it better, stormy weather?
So I dunno.

Oh, oh, oh - Is there anybody home?
Who will believe me, won't deceive me, who'll try to change me?
Ah, ah, ah - Is there anybody home?
Who wants to have me, just to love me?
Stuck in the middle.

I look at you,
You look at me,
We bite each other.
And with your better words you kick me in the gutter.
But my troops are bigger than yours
'Cause you'll never stand my fight.
Ours is a family that's based upon tradition
But with my careless words I tread upon your vision.
Are five kids better than one, who'd busy like to be gone?

Oh, oh, oh - Is there anybody home?
Who'll believe me, won't deceive me, who'll try to change me?
Ah, ah, ah - Is there anybody home?
Who wants to have me, just to love me?
Stuck in the middle.
Yeah... Yeah... Yeah...

This is to my name,
This ain't a pretty plan to break your heart of me.
I know that what I've started means that when we have parted
I can live in honesty.

Oh, oh, oh - Is there anybody home?
Who'll believe me, won't deceive me, who'll try to change me?
Ah, ah, ah - Is there anybody home?
Who wants to have me, just to love me?
Stuck in the middle,
Stuck in the middle,
Stuck in the middle,
Stuck in the middle...

22 de dez. de 2008

O mellor zapatazo


O artigo desta semana quere ser unha reflexión sobre o zapatazo a Bush, os retos de Obama en política exterior e as nosas responsabilidades para podermos mudar o mundo. Porque algo poderemos facer para transformar esta realidade, non?

Tamén sobre a liña política exterior anunciada por Obama, particularmente sobre Afganistán, vai estoutro artigo de Francisco Rodríguez.

20 de dez. de 2008

Badulake de Bilbo

Extraordinaria selección musical a do Badulake de Bilbo. Teñen unha DJ ideal para calquera noite de festa.

Entre outras, botaron esta cancionciña, da que tanto gosta /todesfuge:



Hoxe, festa de Santo Tomás, co Arenal todo repleto de postos de comida e produtos tradicionais e con xente por toda a parte. Porén, antes de poder dar de novo unha voltiña teño que cumprir con outros compromisos. Primeiro a obrigación e despois a devoción. E nada de procastinación, engadiría.

18 de dez. de 2008

Fin de semana teatral e musical


Eu non vou poder estar este fin de semana en Santiago, porén a oferta que vos fica para os que por aí estedes é extraordinaria e deberíades aproveitala.

Por unha banda, a Fundación Via Galego, da man dun dos seus patróns, Quico Cadaval, promove na sala NASA esta sexta a obra Chovem Amores na Rua do Matador, o sábado A Quinta dos Objectos e o domingo o quinteto vocal Vozes da Rádio. Tedes máis información aquí e aquí.

Ademais, tamén este fin de semana, represéntase Unha primavera para Aldara, da grande Teresa Moure, no Salón Teatro.

15 de dez. de 2008

O Consello de Europa e o ensino en galego

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe vai sobre o que di o título.

Porén, sobre o mesmo tema, recoméndovos moito máis a leitura e divulgación da "Carta bastante aberta ao constitucionalista Roberto Blanco Valdés", de Arturo Casas, semiólogo e profesor titular de Teoría literaria na USC.

13 de dez. de 2008

Sobre a crise

Palestra esta terza feira, 16 de decembro, en Santiago

Palestras da Fundación Via Galego

Día: 16 de decembro de 2008
Hora: 20 horas
Lugar: A. C. O Galo – Santiago de Compostela (Patio de Madres, 15 – baixo)

“A Carta Europea das Linguas e os medios de comunicación no Estado español: A recepción das RTVs portuguesas na Galiza e os medios en galego, catalán e vasco”

Falarán:
- Mikel Etxebarria, membro da dirección europea do EBLUL (Axencia Europea de Linguas Menos Estendidas)
- Maria Arenys, polo CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions)
- Iulen Urbiola, por Euskara Kultur Elkargoa (Navarra)
- Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e do Comité de Estado do EBLUL

Organiza:

Fundación Via Galego

Colaboran:
Concellaría de Cultura do Concello de Santiago
Agrupación Cultural O Galo

11 de dez. de 2008

Educación, violencia e trauma

Como sempre, un artigo ben recomendábel de Manuel Fernández Blanco, desta volta sobre a necesidade das limitacións e da coerción no proceso educativo.

Hai moitas frases que dan para pensar moito. Velaí vai unha, que traduzo: "O castigo evita que o neno, dominado polos seus sentimentos de culpabilidade, se castigue a si mesmo moito máis do que calquera o faría".

10 de dez. de 2008

Neopolitan Dreams

Recomendada como "riquiña" pola Oriana. A min mólame moito o vídeo. Un pouquiño de alegría!

9 de dez. de 2008

Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua

Recomendo a leitura deste artigo de Goretti Sanmartín Rei (profesora da Universidade da Coruña, directora do Servizo de Normalización Lingüística desa universidade e activista feminista) para non nos deixarmos intoxicar por unha desas periódicas e feroces campaña de terxiversación e caricaturización que temos que padecer.

"Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua", por Goretti Sanmartín Rei

Desde unha perspectiva científica, os estudos sociolóxicos coinciden coas análises lingüísticas en interpretaren a fala das mulleres como máis próxima á norma de prestixio, quer no interior dunha única lingua, quer na situación coñecida como contacto de linguas. A explicación deste feito reside na necesidade de as mulleres se construíren nun modelo non estigmatizado por mor da súa maior vulnerabilidade social, para fuxir, deste xeito, dunha posición aínda máis subordinada da que xa posúen socialmente. Bourdieu, no seu xa clásico Ce que parler veut dire? (1982), indica que se comprende, como tantas veces observaron os sociolingüistas, que sexan as mulleres as que antes adoptan a lingua ou a pronuncia que máis as lexitime socialmente e Pilar García Mouton, no seu Cómo hablan las mujeres (1999), insiste en que da análise das contradicións das enquisas dialectolóxicas o que se extrae como consecuencia é o rexeitamento xeral das mulleres polo que consideran lingüisticamente marcado de xeito negativo, de onde se deriva a súa adhesión á norma de prestixio. Non é, pois, casual nin específica do caso galego unha situación en que as mulleres (historicamente, por factores de conformación da sociedade galega, das pertencentes ás clases medias e elevadas, que eran as que podían exercer tal escolla) empregasen menos o galego e decidisen instalarse en español, abandonando a súa lingua inicial ou non dando os pasos necesarios para se construíren na lingua propia do país.

Porén, este feito non significa nin que esas mulleres castelán falantes sexan unhas consentidoras nin que os varóns españolfalantes sexan uns maltratadores, como demagoxicamente algunhas persoas están a interpretar a campaña que desenvolvemos as institucións que abaixo nomeamos este 25 de novembro, que insiste en aspectos documentados en moita da tradición que a este respecto nos conformou. Trátase da descrición dunha realidade onde subxace unha violencia sutil, non expresada fisicamente, que está debaixo de moitos contextos onde se produce unha substitución lingüística. Cando falamos de violencia (de calquera tipo de violencia, tal como se recolle na Declaración da ONU sobre a eliminación da violencia contra as mulleres do 20 de decembro de 1993) non nos referimos unicamente aos extremos máis graves dese comportamento –a morte–, senón que tamén debemos reparar nos diferentes graos e formas en que se manifesta, ás veces simbolicamente, e tamén a través da lingua (por exemplo, con insultos), para alén de ligar e procurar a solidariedade no combate contra todas as súas expresións. Ninguén dubidaría en cualificar como violenta a imposición do español a tantos territorios americanos cunha lingua propia hoxe desaparecida ou marxinada socialmente. Existe, pois, unha violencia social que fai que as mulleres sintan unha maior presión para abandonaren a lingua (ou a variedade lingüística) menos prestixiada socialmente? Existe. Significa iso cualificar de maltratadores os castelán falantes? Non significa iso.

Por outra parte, no caso galego, os estudos cuantitativos máis relevantes indican esta tendencia de menor uso por parte das mulleres a respecto dos varóns, nun índices que non mudan co paso do tempo. No estudo realizado polo Consello da Cultura Galega en que se observa a evolución sociolingüística galega no período entre 1992 e 2003, datas de dúas importantes recollidas de información sociolingüística (o Mapa Sociolingüístico Galego e a Enquisa de Condicións de Vida das Familias), aparecen os seguintes datos significativos:
- Hai unha maior incidencia de monolingües en castelán entre as mulleres.
- Son menos as mulleres que se declaran bilingües con predominio do galego.
- A categoría de "Só galego" crece máis no caso dos homes.

É tamén relevante o feito de que, a pesar de teren as mulleres uns usos lixeiramente máis favorables ao castelán, as diferenzas non mudan no intervalo que se considera no estudo (1992-2003), o que significa que ningunha das accións de política lingüística que se desenvolveron conseguiron corrixir este desaxuste que provoca, como coñecemos por percepción social, que fillos varóns castelánfalantes iniciais restauren o galego como lingua propia, lingua que tamén o era dos seus pais en moitas ocasións, fronte a fillas mulleres que non sofren ese proceso ou que, de o faceren, constitúen un grupo máis reducido que xustamente hai que apoiar por se decidiren a combater esa dependencia a respecto do imposto polo sistema.

Por outra parte, nun estudo cualitativo realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (O galego segundo a mocidade. Unha achega ás actitudes e discursos sociais baseado en técnicas experimentais e cualitativas), tras concluír que as persoas que empregan variedades lingüísticas con acento galego son aínda percibidas pola xente nova como un grupo pouco dotado para o éxito social, sinálase que estes resultados son máis rotundos no caso das mulleres, o que evidencia que existe un control social máis severo sobre o seu comportamento lingüístico.

A campaña, pois, desenvolvida polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña pretendía, por un lado, comprometerse publicamente contra a violencia de xénero no seu grao máis elevado a través da palabra, a través da lingua (e a análise de moitos dos textos que se leron no propio acto así o confirma) e contribuír, desde unha outra perspectiva tamén posible, á reflexión sobre distintas situacións de dominio e á análise das súas causas para, séndomos máis conscientes e coñecéndomonos mellor, podermos ser máis libres e podermos exercer a nosa vontade individual e reclamar os nosos dereitos colectivos.

8 de dez. de 2008

Sean Penn e Venezuela

Hoxe teño un día blogueiro, polo que se ve, e non me podo resistir a pendurar este vídeo que collo da bitácora de Xosé Mexuto, cun fragmento dunha entrevista ao actor Sean Penn nun late show:



Pódese expresar máis alto, porén non máis claro: "Unha das cousas que se dixeron sobre Hugo Chávez é que fechou unha estación de televisión. O que sucedeu é que desde 1998 estiveron exhortando ao asasinato de Chávez todos os días nese canal. Algo polo que irían presos se estivesen aquí [nos USA]. El simplemente non lles renovou a licenza."

Que acontecería no Estado español se Antena 3 ou Tele 5 estivesen chamando ao asasinato de Zapatero ou de Juan Carlos I?

Máis repercursións do artigo sobre os matrimonios homosexuais na Galiza medieval

Vexo tamén que a noticia tivo repercusión en Chuza, onde foi a nova máis votada de onte, e en Menéame. Neste último caso, resúltame algo difícil facer un repaso dos seus 76 comentarios, porque a maioría son de trolls. Así e todo, entre os comentarios irónicos que se coaron na disputa, escollo este: Y en aquel tiempo, ¿qué dijo Fraga?

Ademais, un usuario de Menéame tamén comparte a información sobre unha lápida da segunda metade do século IV localizada en Huesca onde se di: "Rufu dulcissimo coniugi suo Viuentius sepulcrum adorna[u]it", isto é: "Viventius adornou este sepulcro para o seu docísimo cónxuxe Rufo".

No proceso de elaboración do meu artigo, procurei a existencia de algunha lápida ou documento de algún tipo semellante da época romana no territorio da actual Galiza, mais non os dei encontrado, aínda que tiveron que existir, xa que se conservan noutros lugares do Imperio. De feito, John Boswell dedica o capítulo 3 do seu libro Same-sex unions in premodern Europe aos matrimonios homosexuais no mundo grecorromano.

A morte doce da lingua

No meu artigo desta semana na sección "Por navegar ao desvío" de Galicia Hoxe reflexiono sobre a aparente liberdade de escolla lingüística en Galiza e a súa funcionalidade para os que quererían conseguir a morte doce do galego, "entre efemérides alegres e homenaxes varias".

A diglosia, porén, continúa cualitativa e cuantitativamente a describir a situación sociolingüística de Galiza.

Podedes consultar aquí o artiguiño.

7 de dez. de 2008

"Máis que amigos"

Vieiros fíxose eco do meu artigo da segunda feira pasada sobre a que probabelmente sexa a institucionalización máis antiga dunha unión entre dous homes que se conserve na Galiza.

Obviamente, que sexa a máis antiga que se conserve non quere dicir que sexa a máis antiga que existiu.

Podedes consultar aquí a noticia.

2 de dez. de 2008

A balanza da Rocío Dúrcal

A través da Bonequiña de Trapo, recordo unha das repetidas cancións da infancia, da cal sempre gostei: "La balanza", de Rocío Dúrcal.

Como estes días está por Galiza un compañeiro de fatigas euskaldún que sabe canto gosto eu desta cantora, penso que é bo momento para póla aquí e que tamén vós gocedes dela:

1 de dez. de 2008

Os matrimonios homosexuais na Galiza medieval


O artigo desta semana en Galicia Hoxe vai de recuperarmos memoria histórica: a unión o 16 de abril de 1061 de Pedro Díaz e Muño Vandilaz, seguramente a instucionalización "homosexual" máis antiga que conservemos en Galiza.

Aquí podedes ler o artigo.

[Actualización a 7 de decembro de 2008: A ligazón ao artigo no web de Galicia Hoxe dá agora algúns problemas, así que reproduzo aquí o seu contido.]

Os matrimonios homosexuais na Galiza medieval

Pedro Díaz e Muño Vandilaz institucionalizaron no século XI o seu desexo de viviren xuntos até a morte

Aínda que o título deste artigo poida parecer provocador, non é o caso. Xa a mediados da década de 90 o historiador John Boswell deu ao prelo un moi documentado traballo sobre a institucionalización das unións de parellas do mesmo sexo na Idade Antiga e na Idade Media.

Cunha fonda erudición e armado de tanxíbeis probas escritas, o que foi catedrático de historia medieval na Universidade de Yale puxo en evidencia máis unha vez que o heterosexismo e a homofobia non existiron desde sempre nin existen en toda a parte. Por moi naturalizados que aparenten estar, son resultado da historia e da cultura, non son froitos que se trouxesen de ningún Edén.

Nas súas pesquisas, Boswell demostrou que o cristianismo medieval non foi intolerante co afecto entre dous homes e documentou diversas formas de institucionalización das relacións de pares masculinos na Europa premoderna. O patriarcado fixo que non se saiba de emparellamentos análogos entre dúas mulleres, carentes de todo recoñecemento público.

A vía máis rexistrada foi a denominada “adelfopoiesis” ou cerimonia de irmandamento. Cómpre ter presente que a denominación “irmán” ou “irmá” usábase entre os cónxuxes heterosexuais xa no Baixo Imperio Romano e, coa mesma acepción, nas versións gregas da Biblia.

O ritual de adelfopoiesis, tamén analizado por Alan Bray con novas documentacións e matices, mantiña o mesmo esquema que para unha unión heterosexual, porén centrándose en figuras do santoral ou en citacións bíblicas referidas ás relacións entre dous homes. Os unidos nesta cerimonia costumaban ser enterrados xuntos. Así, o prestixioso teólogo Xosé Chao Rego razoaba que a xente percibiría estes protocolos como un matrimonio, xa que era unha unión emocional permanente recoñecida pola comunidade.

Até onde eu sei, non conservamos en Galiza testemuños de adelfopoiesis. A vía de unión máis antiga entre dous homes que chegou até nós foi o caso de Pedro Díaz e de Muño Vandilaz, probabelmente veciños do actual concello de Rairiz de Veiga.

Pedro Díaz e Muño Vandilaz estipulan mediante escritura pública o 16 de abril de 1061 a súa convivencia xuntos na mesma casa. A través dunha enumeración de actividades cotiás (coidar da habitación, decorala, gobernala, repartir a vestimenta, comida e bebida etc), mostran a súa disposición a partillaren as súas vidas e consignan que deberán ser “amicos bonos cum fide et veritate”, fórmula que lembra os rituais de adelfopoiesis. Mesmo chegan a estipular a obriga de teren as mesmas amizades e inimizades “in totos dies et noctes in omne tempus vel tempora”: todos os días e todas as noites, para sempre. Pedro e Muño márcanse que deben compartir as súas vidas e os seus traballos diarios até o día da súa morte e que, cando iso acontecer, o outro será o seu herdeiro.

Este escrito localizouse no Tombo de Celanova, o cal foi expoliado, como a maioría dos centros de documentación medieval do reino de Galiza, e actualmente está depositado no Archivo Histórico Nacional de Madrid. Xunto con outros tesouros da época, está nun lento proceso de dixitalización para a entrega de copias ao Goberno galego.

Máis que amigos?

A pregunta formulada nesta epígrafe, se estes dous homes eran máis que amigos, é anacrónica, pois parte da idea de que se poden estabelecer claramente nesta época lindes máis ou menos notorios entre amizade e amor. Igual que noutras alturas da historia e en moitas outras linguas e culturas, os conceptos de “amigo” e “amante” non se exclúen. Toda persoa alfabetizada sabe que, por exemplo, os “amigos” e as “amigas” que poboan os nosos cancioneiros teñen claras connotacións eróticas.

O emperador Hadriano e o seu amante por excelencia, Antínoo, constitúen, segundo os historiadores, a “parella romántica” máis famosa da Roma imperial do século I da nosa era (falo de “parella romántica” no senso de que tiñan ligazóns sexoafectivas, non de matrimonio nin uso nin concubinato). O mandatario, doído pola morte do seu favorito, ordenou esculpir bustos, estabeleceu a súa adoración como divindade e ergueu unha cidade na súa honra á beira do Nilo. Case nada! Porén, no Museo del Prado, a placa explicativa denomina “amizade” a relación que ambos mantiñan, neste caso claramente por causas tabuísticas.

Parece plausíbel acreditar, polas implicacións dun documento deste tipo, que hai un fondo de afecto que cos ollos de hoxe adxectivariamos de “homosexual”, mais o certo é que non temos máis probas que que se trata dunha unión “homosexual” no senso de que se desenvolve entre dúas persoas do mesmo sexo. Claro que, mesmo se a ligazón for afectiva e corporal, sempre se podería interpretar como amizade na acepción actual, máxime ao facermos unha relectura histórica imbuídos polo rexime de sexualidade hoxe hexemónico.

O que non se pode negar é que se solemniza unha amizade especial, cuns resultados xurídicos, de convivencia e de herdanza idénticos a un matrimonio heterosexual da altura.

Isto é un matrimonio?

O concepto de matrimonio tampouco é atemporal. Hai pouco, a raíña de España mostraba o seu desacordo porque se puider denominar así (tal e como o estabelece a lei) a unión entre dous homes ou entre dúas mulleres, seica baseándose en motivos históricos. Porén, ipso facto defendeu a voda por amor do seu fillo, príncipe herdeiro, cunha plebea divorciada, como unha modernización para “salvar a monarquía”.

Sofía de Grecia ten que investir argumentos en respaldar esa unión porque sabe que foi e é obxecto de ataques por parte dun sector que considera que a persoa designada como futuro Xefe de Estado por razóns dinásticas non pode casar con quen quixer. De feito, o que fixo o actual Príncipe de Asturias non entraría na definición de matrimonio que existiu na inmensa maioría da historia occidental, referido a un acordo de propiedade que tiña a ver coas herdanzas, desvencellado de posíbeis ligazóns emocionais, que poderían chegar co tempo. Vaites, iso que ás veces se di de que “o roce fai o cariño”.

É indubidábel que, co significado de marcar unha convivencia oficial e dereitos testamentarios, a unión rexistrada no Tombo de Celanova implica os mesmos deberes e dereitos que calquera outro matrimonio da época ou anterior, sendo ben máis que un contrato comercial, porque se estipulan elementos polos que debe rexerse a súa vida en base a unha xunción de “amizade”, non de parentesco nin doutro tipo.

Pode sorprender a alguén que esta unión legal non se exprese con fórmulas relixiosas, mais cómpre ter presente que a Igrexa só comeza a manifestar o seu interese en regular o matrimonio a partir do século X. Foi a partir de 1215 cando o declarou un sacramento para o cal requere a súa intervención; isto é, 50 anos despois deste documento.

Resetear a historia

Se nos desvendarmos de prexuízos, veremos que o amor, o desexo e o gozo están presentes ao longo de toda a historia, só que con diferentes modulacións, tanto nas relacións entre mulleres e homes como nas intermasculinas ou interfemininas, tamén con modelos de institucionalización.

Hai pouco, lembrábase o primeiro matrimonio lésbico en Galiza do que se ten constancia, acontecido no ano 1901 na cidade da Coruña. Merecen parabéns os movementos sociais que se preocupan en manter a memoria fronte á amnesia inculcada. A unión homosexual entre Pedro e Muño seguramente sexa a máis antiga que conservamos na nosa nación. Cómprenos coñecela, porque xa abondou de negacións e silenciamentos.