1 de dez de 2008

Os matrimonios homosexuais na Galiza medieval


O artigo desta semana en Galicia Hoxe vai de recuperarmos memoria histórica: a unión o 16 de abril de 1061 de Pedro Díaz e Muño Vandilaz, seguramente a instucionalización "homosexual" máis antiga que conservemos en Galiza.

Aquí podedes ler o artigo.

[Actualización a 7 de decembro de 2008: A ligazón ao artigo no web de Galicia Hoxe dá agora algúns problemas, así que reproduzo aquí o seu contido.]

Os matrimonios homosexuais na Galiza medieval

Pedro Díaz e Muño Vandilaz institucionalizaron no século XI o seu desexo de viviren xuntos até a morte

Aínda que o título deste artigo poida parecer provocador, non é o caso. Xa a mediados da década de 90 o historiador John Boswell deu ao prelo un moi documentado traballo sobre a institucionalización das unións de parellas do mesmo sexo na Idade Antiga e na Idade Media.

Cunha fonda erudición e armado de tanxíbeis probas escritas, o que foi catedrático de historia medieval na Universidade de Yale puxo en evidencia máis unha vez que o heterosexismo e a homofobia non existiron desde sempre nin existen en toda a parte. Por moi naturalizados que aparenten estar, son resultado da historia e da cultura, non son froitos que se trouxesen de ningún Edén.

Nas súas pesquisas, Boswell demostrou que o cristianismo medieval non foi intolerante co afecto entre dous homes e documentou diversas formas de institucionalización das relacións de pares masculinos na Europa premoderna. O patriarcado fixo que non se saiba de emparellamentos análogos entre dúas mulleres, carentes de todo recoñecemento público.

A vía máis rexistrada foi a denominada “adelfopoiesis” ou cerimonia de irmandamento. Cómpre ter presente que a denominación “irmán” ou “irmá” usábase entre os cónxuxes heterosexuais xa no Baixo Imperio Romano e, coa mesma acepción, nas versións gregas da Biblia.

O ritual de adelfopoiesis, tamén analizado por Alan Bray con novas documentacións e matices, mantiña o mesmo esquema que para unha unión heterosexual, porén centrándose en figuras do santoral ou en citacións bíblicas referidas ás relacións entre dous homes. Os unidos nesta cerimonia costumaban ser enterrados xuntos. Así, o prestixioso teólogo Xosé Chao Rego razoaba que a xente percibiría estes protocolos como un matrimonio, xa que era unha unión emocional permanente recoñecida pola comunidade.

Até onde eu sei, non conservamos en Galiza testemuños de adelfopoiesis. A vía de unión máis antiga entre dous homes que chegou até nós foi o caso de Pedro Díaz e de Muño Vandilaz, probabelmente veciños do actual concello de Rairiz de Veiga.

Pedro Díaz e Muño Vandilaz estipulan mediante escritura pública o 16 de abril de 1061 a súa convivencia xuntos na mesma casa. A través dunha enumeración de actividades cotiás (coidar da habitación, decorala, gobernala, repartir a vestimenta, comida e bebida etc), mostran a súa disposición a partillaren as súas vidas e consignan que deberán ser “amicos bonos cum fide et veritate”, fórmula que lembra os rituais de adelfopoiesis. Mesmo chegan a estipular a obriga de teren as mesmas amizades e inimizades “in totos dies et noctes in omne tempus vel tempora”: todos os días e todas as noites, para sempre. Pedro e Muño márcanse que deben compartir as súas vidas e os seus traballos diarios até o día da súa morte e que, cando iso acontecer, o outro será o seu herdeiro.

Este escrito localizouse no Tombo de Celanova, o cal foi expoliado, como a maioría dos centros de documentación medieval do reino de Galiza, e actualmente está depositado no Archivo Histórico Nacional de Madrid. Xunto con outros tesouros da época, está nun lento proceso de dixitalización para a entrega de copias ao Goberno galego.

Máis que amigos?

A pregunta formulada nesta epígrafe, se estes dous homes eran máis que amigos, é anacrónica, pois parte da idea de que se poden estabelecer claramente nesta época lindes máis ou menos notorios entre amizade e amor. Igual que noutras alturas da historia e en moitas outras linguas e culturas, os conceptos de “amigo” e “amante” non se exclúen. Toda persoa alfabetizada sabe que, por exemplo, os “amigos” e as “amigas” que poboan os nosos cancioneiros teñen claras connotacións eróticas.

O emperador Hadriano e o seu amante por excelencia, Antínoo, constitúen, segundo os historiadores, a “parella romántica” máis famosa da Roma imperial do século I da nosa era (falo de “parella romántica” no senso de que tiñan ligazóns sexoafectivas, non de matrimonio nin uso nin concubinato). O mandatario, doído pola morte do seu favorito, ordenou esculpir bustos, estabeleceu a súa adoración como divindade e ergueu unha cidade na súa honra á beira do Nilo. Case nada! Porén, no Museo del Prado, a placa explicativa denomina “amizade” a relación que ambos mantiñan, neste caso claramente por causas tabuísticas.

Parece plausíbel acreditar, polas implicacións dun documento deste tipo, que hai un fondo de afecto que cos ollos de hoxe adxectivariamos de “homosexual”, mais o certo é que non temos máis probas que que se trata dunha unión “homosexual” no senso de que se desenvolve entre dúas persoas do mesmo sexo. Claro que, mesmo se a ligazón for afectiva e corporal, sempre se podería interpretar como amizade na acepción actual, máxime ao facermos unha relectura histórica imbuídos polo rexime de sexualidade hoxe hexemónico.

O que non se pode negar é que se solemniza unha amizade especial, cuns resultados xurídicos, de convivencia e de herdanza idénticos a un matrimonio heterosexual da altura.

Isto é un matrimonio?

O concepto de matrimonio tampouco é atemporal. Hai pouco, a raíña de España mostraba o seu desacordo porque se puider denominar así (tal e como o estabelece a lei) a unión entre dous homes ou entre dúas mulleres, seica baseándose en motivos históricos. Porén, ipso facto defendeu a voda por amor do seu fillo, príncipe herdeiro, cunha plebea divorciada, como unha modernización para “salvar a monarquía”.

Sofía de Grecia ten que investir argumentos en respaldar esa unión porque sabe que foi e é obxecto de ataques por parte dun sector que considera que a persoa designada como futuro Xefe de Estado por razóns dinásticas non pode casar con quen quixer. De feito, o que fixo o actual Príncipe de Asturias non entraría na definición de matrimonio que existiu na inmensa maioría da historia occidental, referido a un acordo de propiedade que tiña a ver coas herdanzas, desvencellado de posíbeis ligazóns emocionais, que poderían chegar co tempo. Vaites, iso que ás veces se di de que “o roce fai o cariño”.

É indubidábel que, co significado de marcar unha convivencia oficial e dereitos testamentarios, a unión rexistrada no Tombo de Celanova implica os mesmos deberes e dereitos que calquera outro matrimonio da época ou anterior, sendo ben máis que un contrato comercial, porque se estipulan elementos polos que debe rexerse a súa vida en base a unha xunción de “amizade”, non de parentesco nin doutro tipo.

Pode sorprender a alguén que esta unión legal non se exprese con fórmulas relixiosas, mais cómpre ter presente que a Igrexa só comeza a manifestar o seu interese en regular o matrimonio a partir do século X. Foi a partir de 1215 cando o declarou un sacramento para o cal requere a súa intervención; isto é, 50 anos despois deste documento.

Resetear a historia

Se nos desvendarmos de prexuízos, veremos que o amor, o desexo e o gozo están presentes ao longo de toda a historia, só que con diferentes modulacións, tanto nas relacións entre mulleres e homes como nas intermasculinas ou interfemininas, tamén con modelos de institucionalización.

Hai pouco, lembrábase o primeiro matrimonio lésbico en Galiza do que se ten constancia, acontecido no ano 1901 na cidade da Coruña. Merecen parabéns os movementos sociais que se preocupan en manter a memoria fronte á amnesia inculcada. A unión homosexual entre Pedro e Muño seguramente sexa a máis antiga que conservamos na nosa nación. Cómprenos coñecela, porque xa abondou de negacións e silenciamentos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário