28 de nov. de 2017

Dez anos e algo


No 4 de outubro de 2007 escribín por vez primeira neste blogue. Tiña anotado o aniversario, mais non fixen ningunha entrada; por dúas razóns.

Unha ben importante é que ando moi enleado con traballos diversos (este ano son xefe de Departamento, coordinador de auxiliares de conversa, coordinador do Proxecto Terra e responsábel do Equipo de Normalización no meu centro; retomei o estudo da carreira de Psicoloxía; debo ultimar as publicacións derivadas do esforzo que supuxo a tese, e varios etcéteras). Quen moito enfeixa, pouco ata.

Outro motivo importante para non actualizar no 4 de outubro é que, en fin, o certo é que non teño este expositor moi atendido nos últimos tempos. Pendurar unha entrada polo decenio cando case non escribía postaxes cada mes non parece de moito xeito. Nestas condicións, só é lexítimo celebrar / conmemorar os "Dez anos e algo".

Atenderei isto máis no futuro? Quen sabe. Espero pór algo diferente antes de que pase outra década. Ou, cando menos, antes do verán de 2018.

(Imaxe CC BY-NC-ND 2.0: originalgrammatique)

22 de out. de 2017

Ligazóns ao desvío para un vinte e dous de outubro

  • "O pai verdadeiro", Fidel Vidal.
  • A empresa concesionaria do transporte sanitario do 061 e do transporte hospitalario da área de Vigo prohibe a comunicación en galego entre o seu persoal. Grazas á Mesa por denuncialo. Algunha institución vai facer algo?
  • A xornalista catalanoparlante que noutra noticia de Antena 3 se converte nunha muller que non entende catalán...
  • "Non, non e non", Marica Campo.

14 de out. de 2017

"Yo, que he sido la mejor bailando reggeaton"

Onte fun ver La llamada. A pesar dalgunha baixada de ritmo e algunha diminuta incoherencia a que lle dei importancia (por exemplo, unha monxa ten que ter moi clara a xerarquía e non pode pretender falar co papa por teléfono), a verdade é que o pasei moi ben, que me rin moito e que, mesmo nos seus desfases, me pareceu... verosímil.

Explícome. As freiras lembráronme ao colexio en que eu estudei de neno e o ambiente do campamento pareceume tal cal o de toda a propaganda que nos daban. Moitas cousas que semellan de humor absurdo na verdade son realistas, ou máis ben suavizan co humor unha realidade que ten un punto sádico.

As actrices están fantásticas, mais de todas elas salientaría Anna Castillo e a secundaria María Isabel Díaz, ambas tan auténticas que parece que as súas personaxes están gravadas cunha cámara oculta.

Non podo negar que estou predisposto para os musicais, así que era difícil que non saíse cun sorriso de orella a orella despois de todas esas cancións divinas -Whitney Houston incluída- e esa fabulosa traca final.

10 de out. de 2017

Atravesar o fantasma, finalista do Mondoñedo 10


O meu libro Atravesar o fantasma foi preseleccionado para o premio Mondoñedo 10, que recoñece o mellor poemario publicado no último decenio, entre 2007 e 2016. Estou feliz e agradecido.

A imaxe pertence á presentación en Bueu.

30 de set. de 2017

Hoxe no El Corriere della Sera

Esta imaxe de Giannelli estaba hoxe na portada do Corriere della Sera, o xornal máis lido de Italia.
Sería imaxinábel este debuxo en calquera das grandes cabeceiras españolas, aínda que fose nunha páxina interior par pegadiño á marxe?

Como pode ser que a información e a visión que nos repiten desde Madrid sexa tan diferente das perspectivas que dan os medios internacionais sobre a situación catalá?

Xa só isto non é abondo para dar a voz de alarma e reparar en canto nos xogamos mañá na vitoria de Catalunya todas as persoas que queremos verdadeiras regras democráticas de convivencia, que pasen tamén pola pluralidade informativa e a liberdade de expresión?

3 de set. de 2017

Ligazóns ao desvío para un tres de setembro

  • "Os primeiros anuncios en galego", Raquel C. Pico en Disquecool.
  • Páxina fascinante para navegar polo Xardín das Delicias
  • "De avarías, almacéns baleiros e abusos telefónicos", Alberte Blanco Casal.
  • "El español florece en Estados Unidos a pesar de todo", Simon Romero na versión en castelán do The New York Times. Texto moi interesante sobre sociolingüística no país máis forte do mundo. Reparade, por exemplo, neste parágrafo e comparádeo con outras situacións, como as que temos ao noso redor:
    Las maneras en que las familias usan los idiomas en la mesa de sus hogares también demuestra comó el español está cambiando. En la familia Nava, que se mudó a Nuevo México desde el norte de México hace más de 20 años, los abuelos discuten apasionadamente en español el desempeño de su equipo de fútbol americano, los Vaqueros de Dallas. Pero cuando sus hijos, quienes ya son adultos, hablan entre ellos, lo hacen en spanglish. ¿Y el idioma de sus nietos? Principalmente, el inglés, con palabras en español salpicadas en ciertos momentos.
  • E xa coñeces á nova Björk, Mounqup?