26 de fev. de 2011

Agradecido e feliz

Comunicáronme ao mediodía que me outorgaron o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. O libro galardoado titúlase Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media.

Nesta obra analizo como se constitúe o prexuízo anti homosexual, como se crea a idea de sodomía e como se converte nun pecado central para o cristianismo, a pesar de que está ausente dos primeiros mil anos de historia desta relixión. Mais tamén observo como, xunto co xurdimento da homofobia, aínda se mantén na Idade Media un clima de permisividade nas relacións afectivas entre homes. Pode sorprender, mais as fontes son clarísimas: partillar leito, bicarse en público ou manifestarse "amor" son comportamentos que fan parte do día a día dos varóns, que irán desaparecendo cando estes relacionamentos se vexan desde o signo da homofobia. O amigo e o sodomita conviven nun mesmo terreo de estremas neboentas.

Cada capítulo do libro comeza cun texto literario, historiográfico ou xurídico. En ocasións, o que fago é pór o foco sobre escritos que non foran observados desde esa perspectiva. Por exemplo, detéñome nas "amizades intensas" entre homes en obras da prosa galega medieval, de xeito especial na Crónica Troiana.

Outros son documentos galegos pouco coñecidos. Está nese caso unha cantiga que, sen burla ningunha, fala do amor entre dous varóns, o cal ten provocado o estupor da crítica, que viu difícil o seu encadramento nas normas trobadorescas. Tamén é o que acontece coa haxiografía de Paio que se escribiu para a igrexa de Tui no século IX, onde este mártir galego aparece como un Ganimedes cristián. Mais talvez o documento máis importante sexa o da unión entre dous homes no século XI en Rairiz de Veiga, xa que constitúe o testemuño máis antigo que encontramos dun emparellamento homosexual institucionalizado en Galiza, así como un dos máis vellos conservados en Europa.

Por certo, este último texto trae consigo unha importante efeméride. O 16 de abril deste ano fanse 950 anos xustos desta unión. Oxalá non pase desapercibido.

8 comentários:

  1. Parabens, CARLOS. ¿Podemos atopalo xa nalgunha editorial publicado? Apertas.

    ResponderExcluir
  2. Moitas grazas.

    Publicarao Sotelo Blanco, mais aínda tardará uns meses até estar nas librarías.

    Unha aperta.

    ResponderExcluir
  3. Muitos parabéns, Carlos, pelo premio! E obrigado por fornecernos dum livro que sem dúvida enriquecerá enormemente a bibliografía do país. Próenme as ganas de lelo!
    Abraço.

    ResponderExcluir
  4. Hola, parabéns! ojalá sea traducido al castellano :-) Un abrazo desde Barcelona.

    ResponderExcluir
  5. Moitas grazas, Xosé Antom e anónimo desde Barcelona.

    Mirarei con interese a posibilidade das traducións. Informarei de cando estea dispoñíbel en galego.

    De novo: Obrigado!

    ResponderExcluir
  6. Aínda que serodios, parabéns polo premio. Isidro Novo

    ResponderExcluir