14 de out. de 2017

"Yo, que he sido la mejor bailando reggeaton"

Onte fun ver La llamada. A pesar dalgunha baixada de ritmo e algunha diminuta incoherencia a que lle dei importancia (por exemplo, unha monxa ten que ter moi clara a xerarquía e non pode pretender falar co papa por teléfono), a verdade é que o pasei moi ben, que me rin moito e que, mesmo nos seus desfases, me pareceu... verosímil.

Explícome. As freiras lembráronme ao colexio en que eu estudei de neno e o ambiente do campamento pareceume tal cal o de toda a propaganda que nos daban. Moitas cousas que semellan de humor absurdo na verdade son realistas, ou máis ben suavizan co humor unha realidade que ten un punto sádico.

As actrices están fantásticas, mais de todas elas salientaría Anna Castillo e a secundaria María Isabel Díaz, ambas tan auténticas que parece que as súas personaxes están gravadas cunha cámara oculta.

Non podo negar que estou predisposto para os musicais, así que era difícil que non saíse cun sorriso de orella a orella despois de todas esas cancións divinas -Whitney Houston incluída- e esa fabulosa traca final.

Nenhum comentário:

Postar um comentário