10 de nov. de 2010

Curas, policías e "a querida de Feijóo"


O pasado sábado Santiago de Compostela converteuse nunha cidade sitiada por curas e policías. A pesar dos ultracatólicos e dos curiosos que se desprazaron á capital de Galiza para veren o que se presentaba como un acontecemento histórico, a parada de Ratzinger no noso país só pode considerarse como un rotundo fracaso.

Para alén do que supoña este pinchazo para a cruzada de intolerancia que promove o Vaticano, as galegas e os galegos temos que preguntarnos por que se malgastaron millóns de euros dos nosos orzamentos para este evento. Mentres se condena á inanición á cultura galega, se deixan nos ósos os centros Quérote, se fecha o Noitebús e un longo etcétera, tírase diñeiro a moreas neste acto eclesiástico.

Dicían que os beneficios ían ser inmensos, mais xa coñecemos os resultados. Unha ocupación hostaleira equiparábel á de calquera sábado de novembro, cafetarías e bares que tiveron importantes perdas (mesmo nalgúns casos tiveron que tirar centos de bocadillos que ninguén pasou a adquirir), souvenirs de Bieito XVI que permanecerán en stock para as tendas vintage do futuro e a exportación da imaxe de Compostela como unha cidade onde se limitan as liberdades, por exemplo cunha zona vella á que non podía acceder ningunha persoa que portase camisolas que, dentro da liberdade de expresión, criticaban á xerarquía eclesiástica.

A Xunta fala dunha asistencia de 30.000 persoas, o cal suporía chegar ao 15% das expectativas. Mais é certo que había 30.000 persoas atendendo a Joseph Ratzinger? Onde? Na praza do Obradoiro chea de cadeiras? Na baixada do papamóbil desde San Lázaro case deserta, o que mesmo obrigou a mudar os planos de retransmisión da TVG?

Sobre o aspecto ideolóxico da convocatoria, pouco máis se pode dicir que o que xa apuntaron diversos analistas. A min resúltame especialmente repugnante que Joseph Ratzinger se poña a pontificar (nunca mellor usado este verbo) a través de hipérboles contra o laicismo e que o vincule cos movementos anticlericais da década de 30. Antes de pórse a falar dese pasado con tanto entusiasmo, debería lembrar con humildade onde se encontraba militando el nos anos 1941 e 1942 ou a que exército serviu na II Guerra Mundial. Para non caer neste tipo de discursos de mal gusto, seríalle bo repasar os catro evanxeos e as súas parábolas.

O punto máis humorístico no día da súa visita tíveno cando, estando nun engarrafamento camiño da Coruña, ás 18.55 h para ser máis exacto, me puxen a mudar de emisora no dial, para ver o que se comentaba desde diferentes lugares sobre o que estaba a acontecer en Compostela. Así me encontrei con Radio María, onde o locutor falaba con arrebato sobre Ratzinger, mais tamén anunciaba que tiña que facer "una denuncia" porque disque fora un tema moi comentado na xornada: "Núñez Feijóo se fue con su querida a ver al Papa". Crítico, expuxo que viven xuntos e non están casados, a pesar de que así o manda a Santa Nai Igrexa á que tan fielmente quere o PP que sigamos todas e todos, con independencia do que eles fagan no seu día a día. Ao ouvir unha expresión tan cavernícola, rin moito, non pola dupla moral conservadora, senón porque, como ben di o refrán, así lle paga o demo a quen o serve.

9 de nov. de 2010

Actos este serán en Compostela

Hoxe ás 20.30 h manteremos un intercambio de visións sobre a situación da música en galego e, en xeral, sobre o momento actual do noso idioma tendo como punto de partida o libro En castellano no hay problema. Será no local da veterá asociación cultural O Galo, en fronte da entrada da igrexa de San Martiño Pinario e con dúas figuras de excepción do noso panorama musical, dos que son declarado fan: Uxía e Carlos Valcárcel.

O evento ía ser inicialmente ás 20 h, mais pospómolo media hora para así podermos acudir á concentración en solidariedade co pobo saharaui que se vai desenvolver a esa hora na praza de Cervantes. Para quen non esteades en Compostela, lembrade que hai mobilizacións convocadas en todas as cidades do país.

En castellano no hay problema tamén foi unha escusa para o debate en Compostela o pasado mes de xullo no Festigal. Déixovos dúas fotografías desa data, tomadas da galería do xornal electrónico Terra e Tempo:


8 de nov. de 2010

Adiante e atrás

O artigo desta semana en Galicia Hoxe continúa a liña iniciada no anterior, sobre o proceso de introdución (e erradicación) do galego no sistema educativo.

Aínda no tema lingüístico, aproveito para lembrar que mañá ás 20 h no local da asociación cultural O Galo de Santiago (rúa San Miguel dos Agros, 2) se presenta o libro En castellano no hay problema, con Uxía e Carlos Valcárcel.

Adiante e atrás
O ensino en galego de 2004 a 2009


No lustro que vai de 2004 a 2009 prodúcense máis movementos que en ningún outro momento da autonomía sobre a posibilidade de estender o uso do galego no ámbito educativo. Cando o quieto se sentiu movido, acendeu todas as súas alarmas para impedir calquera adianto.

É unha historia moi recente, mais faise necesario relembrar o que aconteceu, fronte ao confusionismo do poder e a algúns tópicos que ameazan con instalarse para presentarnos unha cronoloxía diferente da que se produciu.

2004 – 2007

En setembro de 2004, o Parlamento galego aprobaba por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega. Alberto Núñez Feijóo era, nese momento, o vicepresidente da Xunta de Galiza. O Plan chegaba con 21 anos de atraso, pois xa o artigo 23 da Lei de normalización lingüística, de 1983, sinalaba: “O Goberno galego estabelecerá un plan destinado a resaltar a importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a pór de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten a respecto da súa conservación, protección e transmisión”.

No acordo parlamentar de 2004 sinalábase como obxectivo que o 50% do ensino non universitario fose a través do noso idioma e, en concreto, púñase a materia de matemáticas como unha das disciplinas que deberían ministrarse na lingua do país.

A aplicación do Plan exixía, polo tanto, a promulgación dun novo decreto, que substituíse o vixente, de 1995. Porén, nos dez meses que transcorreron até o final desa lexislatura non se adoptou ningunha medida gobernamental nese sentido. A pesar diso, o movemento cidadán en defensa da lingua si conseguiu algúns éxitos, grazas á vía xudicial iniciada pola Mesa contra a Xunta e a varias exitosas mobilizacións impulsadas por esta asociación e protagonizadas polos estudantes. Por vez primeira, o Goberno galego comezaba a dar instrucións –tímidas e sen seguimento, mais instrucións– para que se cumprise o decreto do 95.

Nese momento, xa verán de 2005, as eleccións levan ao executivo autonómico a un bipartito conformado por PSOE e BNG. No seu acordo programático de goberno, comprométense a aplicar o Plan do ano anterior.

No entanto, o PP comeza a mudar aos poucos o seu discurso sobre a lingua. Xa a comezos do novo mandato, leva preguntas ao Parlamento onde fala de imposición do galego, a pesar de que o marco legal é aínda o mesmo. Os medios de comunicación que lles son próximos ao PP e que teñen a súa sede fóra de Galiza atizan con moita máis forza nese sentido. Ademais, dentro da comunidade estanse a reorganizar, galvanizados polo PP e a FAES, os grupúsculos contra o galego que xa existían con anterioridade.

A pesar da promesa, desde o bipartito tárdase en pór en andamento o Plan e desde os movementos sociais obsérvase certo continuísmo. Ante esa situación, para novembro de 2006 convócase un paro estudantil que reivindica a aplicación do Plan e da Carta Europea. A mobilización é un éxito histórico: segundo cifras oficiais, secundárona máis de 60.000 estudantes.

Tras a greve, desde a Consellaría de Educación iníciase un proceso de diálogo cos tres partidos con representación parlamentar. Aínda que o PSOE e, especialmente, o BNG estaban dispostos a un marco xurídico máis ambicioso, en prol do consenso secundan a proposta do PP, que pon como limite apoiar un decreto igual que o aprobado por este mesmo partido nas Illes Balears, que estipulaba un mínimo dun 50% do horario no idioma propio (na liña do dito no Plan xeral, polo tanto). A conselleira e dous deputados de cada partido comparecen ante os medios de comunicación para explicar a proposta que se levará ao Diario Oficial de Galicia.

2007 – 2009

Porén, poucas semanas máis tarde daquela presentación, e escudándose nalgúns matices menores realizados polo informe xurídico do Consello Consultivo, o PP desanda o camiño e rexeita frontalmente o decreto que negociara e consensuara. Dun día para outro, nunha pirueta política que supón un xiro copernicado na postura pública deste partido en Galiza, acusan esta norma de eliminar a “libertad lingüística” e “imponer el gallego”. O PP mesmo chegará, por vez primeira en 30 anos de autonomía, a participar en manifestacións contra a lingua galega (a máis coñecida, que non a única, foi a convocada por Galicia Bilingüe un mes antes das eleccións autonómicas).

O decreto entra en vigor no curso 2007/08, mais desde a Xunta non se desenvolve ningunha campaña para explicalo nin defendelo das acometidas que estaba a padecer. A ofensiva mediática é enorme e coincide no tempo con outras accións de grande calado contra a diversidade lingüística no Estado, como o cinicamente chamado “Manifiesto por la lengua común”. Ante esa situación de ataques, en maior de 2008 realízase unha multitudinaria manifestación en defensa do galego, a maior nos últimos 20 anos.

Ademais do indefenso decreto, desde a Xunta bipartita póñense en andamento dous proxectos concretos que son pioneiros para educación infantil. Por unha banda, na etapa de cero a tres anos, promóvese a creación das Galescolas, centros públicos onde os pequenos e as pequenas, ademais dun plan pedagóxico moi ambicioso, terán contacto lúdico e educativo co galego. De tres a seis, créanse programas iniciais polos cales en varias escolas das cidades, de xeito voluntario, se poderá recibir o ensino tendo como lingua vehicular a de Galiza.

En decembro de 2008, o Consello de Europa avalía o nivel de cumprimento da Carta en Galiza. Valora o feito até o de agora como “insuficiente”, aínda que salienta de forma positiva o camiño percorrido co decreto e na educación infantil, de forma moi especial nas Galescolas.

Mentres, diferentes estudos oficiais (do Instituto Nacional de Estadística – Instituto Galego de Estatística, do Consello da Cultura Galega, do Consello Escolar de Galiza e da Real Academia Galega) conclúen que a escola continúa a ser un axente de desgaleguización. As etapas educativas finalízanse con carencias comunicativas na lingua de Galiza (fálase mesmo dun 20% de analfabetos funcionais en galego entre os adolescentes). Ademais, escolas infantís, colexios e institutos inciden en que as nenas e os nenos que falan galego nas súas casas acaben abandonando o seu uso.

En marzo de 2009, o PP consegue nas eleccións autonómicas de novo a maioría absoluta (aínda que, lembrémolo, por só un escano e a pesar de obter menos votos que a suma de PSOE e BNG). Un dos seus cabalos de batalla era a derrogación do decreto, aínda que sen concretar cal era a súa proposta alternativa. O primeiro curso deste novo goberno desmantélanse as Galescolas, mais mantense formalmente a vixencia da norma de 2007, mentres se preparan unha nova para substituíla. En maio e outubro de 2009 prodúcense mobilizacións sociais masivas en defensa da lingua galega; calcúlase que a última destas manifestacións é unha das maiores de toda a historia de Galiza e, sen dúbida, unha das tres maiores da etapa autonómica.

5 de nov. de 2010

Esta noite, en Ribadavia; a terza que vén, en Compostela

Hoxe ás 21 h estaremos no café-pub Aljama de Ribadavia (rúa do Progreso, 35-1º), confrontando ideas para defendermos a nosa lingua. A escusa para o acto será, como moitas outras veces desde o pasado mes de maio, a presentación do libro En castellano no hay problema.

Este volume tamén será motivo para a conversa a vindeira terza feira (martes), 9 de novembro, ás 20 h no local da compostelá asociación cultural O Galo: rúa San Miguel dos Agros, 2 (en fronte da entrada á igrexa de San Martiño Pinario).

Debo agradecer a compaña de Eladino Cabanelas para este serán en Ribadavia e de Uxía e Carlos Valcárcel para a semana vindeira en Santiago. Todas e todos estades tamén convidados! Porque seguimos adiante na defensa do noso idioma!

4 de nov. de 2010

Hoxe é o Día da Ciencia en Galego


67 profesoras e profesores de toda Galiza responsabilizaranse hoxe nos seus centros de ensino de festexar o Día da Ciencia en Galego, unha actividade cun amplo apoio da comunidade educativa e de varias institucións culturais, coa que se demostra -por se a alguén lle fixeren falta probas- que o noso é, igual que calquera outro, un idioma apto para a transmisión e adquisición de coñecemento científico.

Os centros educativos participantes realizan nesta xornada actividades divulgativas variadas e, tamén, unha acción concreta de "festa científica": a construción colectiva de papaventos, acompañada dunha explicación sobre a súa historia e o seu funcionamento.

Ademais, decidiuse que este ano se homenaxease a traxectoria de tres figuras importantes no coñecemento científico, como Ramón Aller (astrónomo de Lalín), Afonso X (monarca de grandes inquietudes culturais, promotor das Cantigas, da Escola de Tradutores de Toledo, de estudos astronómicos etc) e James Clerk Maxwell (as ecuacións do electromagnetismo). Os tres teñen cadanseu cráter na lúa, como se pode ver no cartaz da convocatoria.

Parabéns e grazas ao profesorado que fai posíbel tan ilusionante actividade!

3 de nov. de 2010

Presentación esta semana en Ribadavia


Esta sexta feira (venres), o libriño En castellano no hay problema presentarase en Ribadavia, nun acto organizado polos compañeiros e as compañeiras da zona. Como vedes no cartaz, será ás 21 h no pub Aljama (rúa Progreso, 35-1º). Se vós der xeito, vémonos alí.

Vou adiantando tamén que, coa hospitalidade da Agrupación Cultural O Galo, o libro tamén se presentará a vindeira terza feira (martes) 9 de novembro en Compostela.

2 de nov. de 2010

Quen teña ouvidos para ouvir, que ouza

Este sábado está completiño. De mañá, agardo ir, cando menos en parte, ao Camiño a_Teo, como un xeito de protestar contra esta visita papal. O dispendio público (a Xunta paga un millón de euros por cada hora que Joseph Ratzinger permaneza en chan compostelán) e as ideas involucionistas que fomentan o Vaticano e a Igrexa española son os motivos polos que acudirei a este evento e, tamén, á manifestación que sairá esta quinta feira (xoves) ás 20.30 horas da Alameda de Santiago.

Xa pola tarde e ao serán deste sábado, asistirei a unha parte do programa do V encontro de escritoras novas e escritores novos. Estas xornadas organízaas a AELG. Desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, deixaron de recibir calquera tipo de axuda da Xunta de Galiza para a súa organización. Por fortuna, continúa co apoio da Concellaría da Cultura da Coruña e da Deputación.

Que elocuente, verdade? A Xunta paga arredor de 6 millóns de euros para a visita de Joseph Ratzinger, Bieito XVI, e cero céntimos de euro para o evento nacional que cada ano organizan os escritores e escritoras que comezan a crear novos mundos desde o noso idioma.

Quen teña ouvidos para ouvir, que ouza.

1 de nov. de 2010

25, 33, 50

Antes de deixar paso ao artigo en Galicia Hoxe, quero comentar que todas as mañás desta semana participo nunha iniciativa de Radiofusión a través da cal recomendo unha canción para cada día. Foi unha escolla difícil, mais divertida, que poderedes ouvir na emisora (tamén a través da rede) aproximadamente ás 9.55 h, desde hoxe até esta sexta feira.

Dito isto, velaquí está a páxina desta semana:

25, 33, 50
Teoría e realidade do ensino en galego de 1995 a 2004


No momento da Transición, Galiza era o territorio do Estado onde máis se falaba unha lingua propia diferente ao castelán, aínda que era na súa maioría a través de esquemas diglósicos e carecendo de alfabetización na mesma. Porén, en toda a etapa autonómica o galego está a sufrir unha drástica caída de falantes, que non se rexistra nos outros idiomas que teñen tamén recoñecemento oficial nos seus respectivos estatutos. Parece contraditorio: Como é posíbel que unha lingua que foi proscrita e mesmo prohibida e perseguida durante quiñentos anos padeza o seu maior declinio cando por fin consegue certo estatus legal?

A resposta sería longa de dar, mais podémola bosquexar cunha idea bastante simple: Se un idioma está en perigo de se perder é porque non se está a facer abondo para evitar esa perda. Descúlpeseme a perogrullada mais é que, ás veces, con tan excesivas doses de propaganda e grandilocuencia, custa mesmo dicir o evidente. Fixeron e fan os poderes públicos de / en Galiza o minimamente exixíbel para que a lingua galega continúe viva? Fixeron e fan o minimamente exixíbel para que os seus falantes teñan dereitos lingüísticos na súa propia terra? Fixeron e fan o necesario para que as e os estudantes finalicen cada etapa educativa con suficientes competencias comunicativas non só en castelán, senón tamén en galego?

Un dos piares para a conservación, recuperación e normalización dunha lingua é o sector educativo. Como xa se ten estudado abondosamente desde a sociolingüística, trátase dunha condición non suficiente mais sempre necesaria. Necesarísima. Non hai ningún caso coñecido ao longo e largo da Terra onde unha lingua se conseguise normalizar sen contar co apoio do ensino.

A uña de cabalo, no artigo desta semana e nos das dúas seguintes, sintetizarei as liñas fundamentais do proceso de galeguización e desgaleguización do sistema educativo non universitario nos últimos quince anos. Penso que é importante recordar esta historia recente para continuarmos con máis forza e argumentos no traballo que temos por diante.

Os cinco cortes básicos que podemos facer neste período son: primeiro, de 1995 (aprobación do decreto do 33%) a 2001 (ratificación estatal da Carta Europea das Linguas); segundo, de 2001 a 2004 (aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega); terceiro, de 2004 a 2007 (promulgación do decreto do 50%); cuarto, de 2007 a 2010, que é a etapa que o decreto consensuado está en vigor. De 2010 ao futuro é unha historia que está aínda por escribir. Na nosa man está que sexa dun ou doutro xeito.

a) 1995 – 2001

En setembro de 1995, cando Manuel Fraga Iribarne xa levaba un lustro como presidente da Xunta de Galiza, con maioría absoluta no Parlamento, apróbase un decreto que regula unha serie de materias mínimas que se deben ministrar en galego. Con anterioridade, a porcentaxe chan que, na teoría, se debería recibir en colexios e institutos era do 25%; a partir deste momento, ascendía levemente, a unha de cada tres horas. A pesar do pouco ambicioso, recibiuse como un paso adiante e tamén se saudou como moi importante que se marcasen en concreto cales eran as disciplinas que en cada etapa terían que vehicularse en galego.

Como comentabamos xa no artigo da semana pasada, este novo decreto promulgouse a petición da maioría das comunidades escolares, con especial protagonismo dos sindicatos do profesorado, e ante a obriga autonómica de aggiornar a lexislación debido á aprobación estatal dun novo marco educativo.

Houbo campañas sociais do máis diferente tipo, mesmo folgas estudantís, para instar o Goberno galego a que adoptase medidas para aplicar este decreto. No entanto, non houbo ningún esforzo institucional para que for así. A norma marcaba un camiño, mais nacía morta. A verdade era que a maioría dos centros de ensino non chegaban a cumprir nin tan sequera a norma anterior. Da actitude oficial é boa mostra o feito de que, no mesmo mes no que se aprobou esta norma, a Xunta chegou a ameazar cun expediente ao Colexio de Palmeira por utilizar o galego con normalidade...

A pesar de o decreto ser, tristemente, unha pantomima, houbo tamén campañas orquestradas contra el por parte da extrema dereita, dalgúns grupúsculos creados para atacar o galego e dos medios de comunicación madrileños na órbita do PP. A habitual guerra preventiva contra a posibilidade de que o noso idioma levante cabeza.

A título de exemplo, o diario ABC chegaba a titular, totalmente fóra da realidade, que moitos nenos galegos “ya no saben contar de 1 a 10 en castellano” porque en Galiza había políticas de “inmersión lingüística”. Porén, o PP está neses momentos no goberno en Galiza e acantoa os discursos exaltados. Prefire aplicar unha política de narcotización, máis efectiva: aparentan que fan algo polo galego, para evitaren as mobilizacións cidadás, mais na práctica evitan calquera adianto real.

b) 2001 – 2004

A Xunta –onde Manuel Fraga Iribarne segue gañando as eleccións por maioría absoluta– persiste sen facer nada para que se aplique o decreto, a pesar de que varios colectivos educativos, culturais, sindicais ou partidarios continúan a reclamalo curso tras curso. Mentres, o propio PP, que preside tamén o Goberno español con maioría absoluta, ratifica un tratado internacional promovido polo Consello de Europa: a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. A Carta, tal e como a subscribe o Estado, obriga os poderes públicos a que garantan “modelos educativos esencialmente en galego”. Tal mandato, no entanto, é desatendido de vez.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística iníciase un proceso xudicial contra a Xunta, acusada de neglixente. Un estudo sinalaba, case unha década despois de se aprobar aquel decreto, que tres de cada catro colexios non ministraban en galego as aulas mínimas que deberían e que un de cada tres centros de secundaria non cumpría nin tan sequera á hora de ter en galego os libros de texto que correspondía.

A presión social si consegue que unha iniciativa lexislativa do nacionalismo no Parlamento acabe frutificando na elaboración e aprobación dun Plan xeral de normalización da lingua galega, que secundaron en 2004 todas as forzas políticas con representación na cámara lexislativa. Ese Plan recoñecía pública e oficialmente o incumprimento do decreto en vigor e puña como obxectivo que cando menos un 50% do ensino debería ser en galego. Anxo Lorenzo foi, daquela, o secretario da comisión de educación, familia e sociedade do devantido Plan xeral. Para algúns, está visto, o fundamental é comer do galego, sen ningún dilema ético nin intelectual se é para afortalalo ou para matalo.