10 de nov de 2010

Curas, policías e "a querida de Feijóo"


O pasado sábado Santiago de Compostela converteuse nunha cidade sitiada por curas e policías. A pesar dos ultracatólicos e dos curiosos que se desprazaron á capital de Galiza para veren o que se presentaba como un acontecemento histórico, a parada de Ratzinger no noso país só pode considerarse como un rotundo fracaso.

Para alén do que supoña este pinchazo para a cruzada de intolerancia que promove o Vaticano, as galegas e os galegos temos que preguntarnos por que se malgastaron millóns de euros dos nosos orzamentos para este evento. Mentres se condena á inanición á cultura galega, se deixan nos ósos os centros Quérote, se fecha o Noitebús e un longo etcétera, tírase diñeiro a moreas neste acto eclesiástico.

Dicían que os beneficios ían ser inmensos, mais xa coñecemos os resultados. Unha ocupación hostaleira equiparábel á de calquera sábado de novembro, cafetarías e bares que tiveron importantes perdas (mesmo nalgúns casos tiveron que tirar centos de bocadillos que ninguén pasou a adquirir), souvenirs de Bieito XVI que permanecerán en stock para as tendas vintage do futuro e a exportación da imaxe de Compostela como unha cidade onde se limitan as liberdades, por exemplo cunha zona vella á que non podía acceder ningunha persoa que portase camisolas que, dentro da liberdade de expresión, criticaban á xerarquía eclesiástica.

A Xunta fala dunha asistencia de 30.000 persoas, o cal suporía chegar ao 15% das expectativas. Mais é certo que había 30.000 persoas atendendo a Joseph Ratzinger? Onde? Na praza do Obradoiro chea de cadeiras? Na baixada do papamóbil desde San Lázaro case deserta, o que mesmo obrigou a mudar os planos de retransmisión da TVG?

Sobre o aspecto ideolóxico da convocatoria, pouco máis se pode dicir que o que xa apuntaron diversos analistas. A min resúltame especialmente repugnante que Joseph Ratzinger se poña a pontificar (nunca mellor usado este verbo) a través de hipérboles contra o laicismo e que o vincule cos movementos anticlericais da década de 30. Antes de pórse a falar dese pasado con tanto entusiasmo, debería lembrar con humildade onde se encontraba militando el nos anos 1941 e 1942 ou a que exército serviu na II Guerra Mundial. Para non caer neste tipo de discursos de mal gusto, seríalle bo repasar os catro evanxeos e as súas parábolas.

O punto máis humorístico no día da súa visita tíveno cando, estando nun engarrafamento camiño da Coruña, ás 18.55 h para ser máis exacto, me puxen a mudar de emisora no dial, para ver o que se comentaba desde diferentes lugares sobre o que estaba a acontecer en Compostela. Así me encontrei con Radio María, onde o locutor falaba con arrebato sobre Ratzinger, mais tamén anunciaba que tiña que facer "una denuncia" porque disque fora un tema moi comentado na xornada: "Núñez Feijóo se fue con su querida a ver al Papa". Crítico, expuxo que viven xuntos e non están casados, a pesar de que así o manda a Santa Nai Igrexa á que tan fielmente quere o PP que sigamos todas e todos, con independencia do que eles fagan no seu día a día. Ao ouvir unha expresión tan cavernícola, rin moito, non pola dupla moral conservadora, senón porque, como ben di o refrán, así lle paga o demo a quen o serve.

6 comentários:

  1. Carlos iso está boísimo, non me digas que criticaban ao Feijóo na radio María, efectivamente o refrán non erra.
    Bicos

    ResponderExcluir
  2. Moi bo o artigo Carlos. A verdade é que o ostentoso circo que organizaron e o seu resultado final da moito de si...

    ResponderExcluir
  3. Ui, pois menos mal que foi coa querida, e non co querido...

    ResponderExcluir
  4. A alusión á querida do católico presidente da Xunta paréceme axeitada --aínda que a norma xeral é non personalizar a crítica política--, pero neste caso é radicalmente válido e oportuno facelo porque o católico presidente autorizou o uso das consideracións persoais ao mesturar as crenzas privadas coa xestión do público.
    Saúde e unha aperta.

    ResponderExcluir
  5. Eu fun o "ideólogo" e produtor desa foto, e así teño unha igual no meu facebook... :)

    A verdade é que foi un rotundo fracaso, outro máis na historia deste goberno "galego", equiparábel ao da Cidade da Cultura en derroche e despilfarro de cartos públicos... o consumo non só non foi igual que nun día normal, senón peor... Eu lembrareime semrpe dese día como dun día gris, plomizo e neboento, no que iamos con medo pola rúa, sitiada por curas e policías... amén de señoras e señores do Opus ou do Imserso, oíntes de Losantos e da Cope, e excursións de pijas e pijos españolistas e máis papistas có pope... (rimoume...)

    Por que non fas un artigo dicindo a verdade, que a mani de QUeremos Galego foi polo menos dez veces maior, a pesar de non contar con protección institucional????


    Non vivimos nunha democracia...

    ResponderExcluir
  6. conservadorismo,fariseismo, hipocresia... logo som os primeiros em acolherse ao divorcio ou ao matrimonio gay cando se legaliza. Se os chega a ver Susinho de Nazaret ia correlos a vergalhazos!

    ResponderExcluir