2 de nov. de 2010

Quen teña ouvidos para ouvir, que ouza

Este sábado está completiño. De mañá, agardo ir, cando menos en parte, ao Camiño a_Teo, como un xeito de protestar contra esta visita papal. O dispendio público (a Xunta paga un millón de euros por cada hora que Joseph Ratzinger permaneza en chan compostelán) e as ideas involucionistas que fomentan o Vaticano e a Igrexa española son os motivos polos que acudirei a este evento e, tamén, á manifestación que sairá esta quinta feira (xoves) ás 20.30 horas da Alameda de Santiago.

Xa pola tarde e ao serán deste sábado, asistirei a unha parte do programa do V encontro de escritoras novas e escritores novos. Estas xornadas organízaas a AELG. Desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, deixaron de recibir calquera tipo de axuda da Xunta de Galiza para a súa organización. Por fortuna, continúa co apoio da Concellaría da Cultura da Coruña e da Deputación.

Que elocuente, verdade? A Xunta paga arredor de 6 millóns de euros para a visita de Joseph Ratzinger, Bieito XVI, e cero céntimos de euro para o evento nacional que cada ano organizan os escritores e escritoras que comezan a crear novos mundos desde o noso idioma.

Quen teña ouvidos para ouvir, que ouza.

Um comentário:

  1. Que puntazo o de A_Teu... si señor. Pois se cadra aínda me animo a ir ata o concello de Teo e facer unha visita... Gracias Carliños!!! un saúdo e Forza!!!

    ResponderExcluir