1 de nov. de 2009
Aquilo das varas de medir
Non é nada novo iso de que hai varias varas de medir segundo quen faga o que faga. Se de momento non temos forza suficiente para mudar a situación, ao menos sexamos ben conscientes de que se fai, para non caermos nin no hipercriticismo suicida nin na permisividade babioca:
31 de out. de 2009
"A éste no lo quiero"

Isto foi o que dixo a directora da TVG, Rosa Vilas, para que un cámara deixase de cubrir os actos do presidente da Xunta. Os motivos, segundo unha sentenza do xulgado número 1 de Santiago, foron que este traballador "resultaba molesto (...) non só pola súa posición sindical (...) senón por motivos de ideoloxía".
Que os tribunais constaten e ordenen rectificar unha limpeza ideolóxica nun medio público é unha noticia que debería facernos saltar todas as alarmas. Mais os principais xornais, radios e televisións de Galiza nin lle dan relevo ou mesmo a pasan como unha nova secundaria e efémera, que non dá máis de si. Narcóticos Núñez Feijóo súrtenos de anestesias potentes para que non lle deamos a importancia que teñen a feitos tan significativos coma este.
Falabamos non hai moito aquí da actitude doutro cámara da TVG. Ese cámara que provocou para tentar conseguir imaxes dunha mobilización violenta e que obtivo, ao seu pesar, a cívica contestación dos berros de "Televisión, manipulación!" A resposta dos manifestantes de Queremos Galego pasará aos anais da defensa da dignidade deste país.
Mais que a actitude dalgúns non nos faga confundir os nosos obxectivos e a nosa visión do que está a acontecer. Nós non estamos contra a RTVG nin contra os seus traballadores e as súas traballadoras. Estamos con. Estamos para defender e apoiar a profesionalidade, o rigor, o servizo público, nun obxectivo compartido pola inmensa maioría do cadro de persoal dunha radio e dunha televisión que queremos públicas, dignificadas e críbeis; temos a disposición de defendelas con uñas e dentes.
30 de out. de 2009
Manifestacións preventivas
Unha das ideas forza coa que os dirixentes do PP pretenden deslexitimar as mobilizacións na defensa da nosa lingua é cualificándoas de "manifestacións preventivas". Repiten, cun descaro mentireiro que abruma, que a actual Xunta non tomou ningunha medida en contra do galego. Os voceiros mediáticos transmiten a idea e o anestésico actúa, en maior ou menor grao.
Tanto quen dirixe estas políticas nocivas (Alberto Núñez Feijóo) como quen executa (Anxo Lorenzo, e uso o verbo executar en dúas das súas acepcións) reiteraron iso da "manifestación preventiva" en varias ocasións, tanto para a mobilización do 17 de maio como para a do 18 de outubro. Núñez Feijóo, que foi alto cargo dos gobernos de Aznar, nunca tivera ningunha crítica contra a que el e os do seu partido chamaban "guerra preventiva" en Iraq, esa en que nos meteu o PP e que ocasionou máis de 1.300.000 mortos. De verdade será peor unha manifestación preventiva que unha guerra preventiva?
Mais que tamén continúen a botar man de discursos adormecedores é, no fondo, un bo sinal. Decátanse de que as políticas agresivas que están a levar a cabo contra o idioma que nos une como galegas e galegos teñen contestación social. É, por iso, labor das persoas sensibilizadas romper a mordaza comunicativa e explicar o que están a facer co noso idioma e achegar máis xente a esta causa xusta.
Nel Vidal, presidente da CTNL, desenvolve nun pedagóxico artigo o pouco que teñen de preventivo a restra de medidas galegófobas adoptadas polo PP no ensino, na administración, nos medios de comunicación públicos, nas novas tecnoloxías, no mercado editorial etc.
Polo demais, se queredes ver un presidente da Xunta mentindo, podedes darlle ao play a este vídeo de youtube, correspondente a unha entrevista no programa El gato al agua, de Intereconomía, coñecido pola súa credibilidade e pluralidade (modo retranca on):
Tanto quen dirixe estas políticas nocivas (Alberto Núñez Feijóo) como quen executa (Anxo Lorenzo, e uso o verbo executar en dúas das súas acepcións) reiteraron iso da "manifestación preventiva" en varias ocasións, tanto para a mobilización do 17 de maio como para a do 18 de outubro. Núñez Feijóo, que foi alto cargo dos gobernos de Aznar, nunca tivera ningunha crítica contra a que el e os do seu partido chamaban "guerra preventiva" en Iraq, esa en que nos meteu o PP e que ocasionou máis de 1.300.000 mortos. De verdade será peor unha manifestación preventiva que unha guerra preventiva?
Mais que tamén continúen a botar man de discursos adormecedores é, no fondo, un bo sinal. Decátanse de que as políticas agresivas que están a levar a cabo contra o idioma que nos une como galegas e galegos teñen contestación social. É, por iso, labor das persoas sensibilizadas romper a mordaza comunicativa e explicar o que están a facer co noso idioma e achegar máis xente a esta causa xusta.
Nel Vidal, presidente da CTNL, desenvolve nun pedagóxico artigo o pouco que teñen de preventivo a restra de medidas galegófobas adoptadas polo PP no ensino, na administración, nos medios de comunicación públicos, nas novas tecnoloxías, no mercado editorial etc.
Polo demais, se queredes ver un presidente da Xunta mentindo, podedes darlle ao play a este vídeo de youtube, correspondente a unha entrevista no programa El gato al agua, de Intereconomía, coñecido pola súa credibilidade e pluralidade (modo retranca on):
29 de out. de 2009
Expandirmos o espírito do 18 de outubro
Dentro de moi pouco, comezarán a recollerse as sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular promovida por Queremos Galego, momento para o cal será moi necesario que nos activemos todas as persoas con sensibilidade polo idioma. Van facer falta ben de brazos.
Mentres, son moitas as actividades que podemos ir desenvolvendo no noso día a día para expandirmos o espírito do 18 de outubro. En primeiro lugar, cómprenos lembrar que é moito o que podemos conseguir a nivel individual, porque a mellor defensa que se pode facer dunha lingua é o seu uso.
Recordemos, nese mesmo camiño, que temos dereitos lingüísticos, por moito que lle pese a quen lle pesar; está na nosa man exercérmolos ou claudicarmos do seu exercicio, mais temos de ser conscientes de que é a nosa decisión facer unha outra cousa.
Ademais, a plataforma Queremos Galego continúa a reunir adhesións individuais e colectivas, a través desta ligazón. Deámoslle máis forza a este novo Nunca Máis!
Estanse a recoller tamén os últimos respaldos ao Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, que roza agora mesmo o apoio de 27.000 persoas e de 700 entidades do máis diverso tipo. Se aínda non o asinaches, podes facelo aquí. Así mesmo, se tes na casa algún prego deste manifesto ou ves que aínda podes recoller as últimas sinaturas, faino rápido e envíaas ao local da Mesa: Rúa do Vilar, 15-1º dereita, de Santiago.
Contra a arrogancia, a prepotencia e a chulería, a nosa lingua reverdece!
28 de out. de 2009
Fai como che eu digo...
...e non como che eu fago.
Por se non o vistes, velaquí como Alberto Núñez Feijóo responde a un reporteiro que lle formula unha pregunta en inglés. Era un xornalista de La Sexta facéndose pasar polo correspondente dunha televisión británica. Mirade do minuto 2:40 ao 2:59 e contemplade como o mesmo que agora fai que boten os teletubbies en inglés na TVG e defende non se sabe que trilingüismo para Galiza responde con arrogancia e chulería por non entender unha pregunta de, como moito, segundo de That's English:
Por se non o vistes, velaquí como Alberto Núñez Feijóo responde a un reporteiro que lle formula unha pregunta en inglés. Era un xornalista de La Sexta facéndose pasar polo correspondente dunha televisión británica. Mirade do minuto 2:40 ao 2:59 e contemplade como o mesmo que agora fai que boten os teletubbies en inglés na TVG e defende non se sabe que trilingüismo para Galiza responde con arrogancia e chulería por non entender unha pregunta de, como moito, segundo de That's English:
27 de out. de 2009
As reaccións do PP á manifestación do 18 de outubro e a proposta de trilingüismo

Hai moitos textos de interese que se están a publicar sobre a situación do noso idioma. Hoxe quero recomendarvos a lectura de tres destes artigos:
- "Caamaño irrita a Feijóo".- Unha ben interesante análise política por parte de Anxo Lugilde, con algúns datos descoñecidos para a maioría, como o documento interno elaborado polo PP para avaliar a manifestación do 18 de outubro e o debate sobre o tema no seu comité de dirección.
- "Obsesións trilingües".- A profesora de tradución, activista e celebrada escritora María Reimóndez podería dicilo máis alto, porén non máis claro: "Que con estes señores parece que o único destino desexado por calquera galega ou galego é emigrar, tal obsesión teñen primeiro co castelán que vale para falar fóra de Galicia e logo co inglés, que vale para falar aínda máis fóra. E para falar dentro, que é onde polo menos eu quero vivir?"
- "Incompetentes en tres linguas... e en matemáticas".- Alba Nogueira, igual que Reimóndez, desmonta a propaganda do trilingüismo. "A verdade que é un problema que a poboación galega non se atope preparada para dar o salto e utilizar o inglés nas súas relacións diarias", ironiza para desenmascarar que o que fai esta Xunta é "utilizar o inglés para conseguir que o galego tan só represente un terzo do horario docente".
Sobra dicir que tanto María Reimóndez como Alba Nogueira falan un inglés fluído, ben lonxe da ignorancia supina (e má educación) que exhibiu o actual presidente da Xunta nas preguntas que lle fixo neste idioma hai uns meses un reporteiro de televisión.
26 de out. de 2009
Entre a censura, a terxiversación e a demonización

O artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda a manipulación e o silenciamento informativo da histórica mobilización do pasado 18 de outubro. Aínda que o artigo é ben longo, non me daban os caracteres para estenderme tamén á polémica entrevista (ou debate) do día 19 no programa Foro Aberto, sobre a cal, polo demais, penso que fica ben pouco por dicir.
A ilustración desta entrada é dun dos varios xestos provocadores do cámara da TVG tanto cara aos manifestantes como cara aos outros compañeiros gráficos. Esta imaxe en concreto tomouna o coñecido fotógrafo Xan G. Muras, mais as testemuñas dese día, que se contan por máis que centos, saben que non foi o único desaxeitado pola súa banda.
Aínda que o mínimo que se pode requerir perante tal comportamento son unhas desculpas, como digo no artigo "non fai ningún sentido centrarnos no elo máis feble da cadea. Tanto porque sería inxusto (a inmensa maioría dos xornalistas, cámaras etc da TVG caracterízanse pola súa profesionalidade e bo facer) como pola súa operatividade". Ten que ser cara aos responsábeis políticos da hipergobernamental TVG cara a quen vaian directamente as nosas críticas e as nosas reclamacións.
Velaquí o texto que podedes ler con maior comodidade na edición impresa de hoxe do único diario que todos os días da semana sae á venda no noso idioma:
Manipulación e silenciamento
Por unha RTVG digna, críbel e ao servizo do país
Un redactor da televisión pública galega laiábase de que o pasado domingo 18 de outubro fora un día negro para o xornalismo en Galiza. Referíase ás supostas agresións e coaccións contra o xornalista e o cámara que cubriron a maior manifestación da historia en defensa do galego, así como aos imparábeis berros de “Televisión, manipulación!” que se coaron en directo no telexornal do mediodía.
Aínda que por motivos ben diferentes, comparto a consideración de “día negro”. Estenderíao tamén á xornada seguinte, o 19 de outubro, na cal se deu outro triste paso na perda de dignidade e credibilidade da TVG. Desde a toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo, causa mágoa ver o descaro manipulador, censor e difamador, mesmo negándose a contrastar algunhas noticias ou a darlle voz á parte que discrepe co PP.
O 19 deu vergoña allea ver os informativos da mañá e o mediodía, nos cales se obviou de vez o relevo histórico da manifestación, a dimensión da participación, a diversidade dos seus apoios ou os motivos para a convocatoria. Para a televisión hipergobernamental, o único noticiábel é que foi unha “manifestación a priori pacífica”. Suponse, pois, que ao final foi violenta e por iso rotulan así a nova: “Atacan un equipo da TVG na manifestación a prol da lingua”. Pura mentira e difamación.
Eu non estaba no palco nese momento. Tiven que baixar por razóns familiares, aproveitando que acababa de terminar o primeiro acto de feche e a praza da Quintana se estaba a baleirar de manifestantes para se volver encher con outros milleiros que aínda ficaban fóra dela. Nada podía facer supor que a TVG ía aproveitar ese momento para facer unha conexión en directo na cal se podían ver as escadas traseiras da praza case vacías, cando só até había uns segundos non podía entrar nelas nin unha soa persoa máis.
Portanto, a información que teño provén tanto do que me comentaron como dos testemuños gráficos do acontecido. No vídeo de youtube que emitiu a TVG o día seguinte para falar de ataques ao seu equipo escoitamos os berros da multitude, indignada cando desde a megafonía se pediu que apurasen para encher a praza, porque a televisión decidira conectar en directo agora que a Quintana se baleiraba.
No vídeo, observamos tres homes de diferentes idades increpando ao xornalista, mais sen faceren ningún condenábel e rexeitábel ademán de agresión. No informativo do mediodía acusan a un dos que “intimidaron” (sic) o equipo da TVG: “O intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo chegou, incluso, ao insulto”, segundo a voz en off. Por se alguén non o lembra, a quen citan de forma denigrante polo seu nome ten 95 primaveras; no vídeo vese sostido polo seu caxato e regresando despois ao seu sitio apoiándose tamén nunha das varandas do palco.
Aínda que o compañeiro Avelino leva toda a súa vida asistindo aos actos na defensa do galego, nesta manifestación as pernas non lle permitiron facer todo o percurso, polo que agardou na Quintana a chegada da xente. No decorrer do acto tivo ademais que estar sentado nunha cadeira, excepto cando lle tocou facer a súa vibrante intervención, que foi sen dúbidas a máis aplaudida e emotiva.
Con 95 anos e apoiado no seu caxato, alguén se imaxina que Avelino Pousa Antelo poida ser un perigo? A resposta é que si que o é. Non un perigo para ningún tipo de agresión física, claro, senón para os que levan adiante este plan de extinción da lingua galega. Que unha persoa coma el siga en pé con tal claridade de ideas e con tal firmeza é un exemplo. Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao (a quen el coñeceu en persoa) e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, é un elo de unión das diferentes xeracións que defenderon o noso idioma desde antes da ditadura até hoxe.
Estase a organizar un acto de desagravo a Avelino para responder á inxustiza deste –agora si– insulto por parte dos hoxe responsábeis da TVG. E digo ben: dos responsábeis. Porque é a quen diriximos as nosas críticas, non aos xornalistas detrás dos cales se parapetan, aínda que tamén con eles sexa lexítimo discrepar.
Así, paréceme triste que o compañeiro David Espiño (polo demais, un bo comunicador, sensíbel coa lingua e con moitas causas xustas) falte á verdade na conexión en directo do día 18 e diga que a manifestación xa terminara, cando nese momento só finalizara o primeiro dos actos de feche, con moita máis xente fóra que dentro da praza da Quintana.
Máis condenábeis e inxustificábeis son os acenos chulescos realizados polo cámara da televisión pública cara aos manifestantes, quen chegou ao punto de levantar o dedo corazón da man que tiña libre, mentres enfocaba a reacción da xente perante o seu xesto provocador. Dese momento hai imaxes que a TVG faría moi ben en emitir nos seus informativos.
Mais, como digo, non fai ningún sentido centrarnos no elo máis feble da cadea. Tanto porque sería inxusto (a inmensa maioría dos xornalistas, cámaras etc da TVG caracterízanse pola súa profesionalidade e bo facer) como pola súa operatividade. É como os que insultan a unha telefonista, explotada e mal paga, porque teñen un problema co telemóbel, co seguro ou coa conexión a internet. Pasamos un momento desagradábel e tenso, facémosllo pasar mal a unha persoa que non ten ningunha responsabilidade e, por riba, a chamada non serve para nada.
Un xornalista recomendábame que non désemos máis a batalla polo silenciamento e a manipulación informativa na RTVG, senón que centrásemos a nosa mensaxe na propia manifestación. Agradecín e agradezo o consello, mais tal e como lle retruquei nese momento, malamente poderemos transmitir a nosa mensaxe se se negan a recollela ou a terxiversan.
Onde está a pluralidade informativa da TVG cando se silencian todos os actos realizados pola plataforma Queremos Galego en todo o país? Houbo ducias de eventos en cidades e vilas das que nada se dixo na televisión autonómica, que só falou da existencia da plataforma no telexornal mediodía do 15 de outubro. Reparemos por exemplo na súa presentación nacional o pasado 30 de setembro, que tivo eco en practicamente todos os medios de Galiza excepto na TVG.
Chama a atención tamén que os responsábeis de informativos fagan da necesidade virtude e se xustifiquen argumentando que cubriron a manifestación. É que alguén cre que sería presentábel que a TVG non cubrise a maior mobilización da historia en defensa do galego e unha das tres maiores manifestacións dos últimos 30 anos? Non falamos da censura burda dos tempos de Fraga Iribarne, senón dunha manipulación máis intelixente e sibilina, mellorada tras a metedura de zoca das primeiras medidas informativas coas que se estreou Núñez Feijóo. Cubrírona, vaia se non. Mais reparemos en como.
Por favor, ide á páxina agalega.info, repasade o telexornal do día e procurade se nalgún momento se din os motivos da convocatoria. Só se poñen as críticas contra o goberno da Xunta na boca dos líderes do PSOE galego e do BNG, como se eles quixesen aproveitarse arteiramente da mobilización; no meu caso, como presidente da Mesa e, nese día, portavoz das entidades que conforman Queremos Galego, quitaron as miñas declaracións con máis chicha informativa porque ían como dardos contra o presidente da Xunta. O resto das radios e televisións foi o que recolleron. Ademais, reparade, tras as dúas noticias da manifestación saíron tres coa versión crítica do PP sobre a mesma. Unha vergoña á que hai que sumar a estratexia informativa do día seguinte, coas insinuacións de que non foi unha mobilización pacífica.
Precisamos e merecemos unha RTVG que informe de forma veraz e plural, que estea ao servizo da sociedade galega, da súa cohesión e da súa prosperidade. Que cumpra, pois, coas razóns polas que foi creada.
25 de out. de 2009
Pola dignificación da RTVG

Estou a escribir o artigo que publico cada segunda feira en Galicia Hoxe. O tema desta semana será a rexeitábel perda de credibilidade e dignidade da RTVG. Centrareime nos espazos informativos, que deron lugar a unha importante e necesaria polémica na última semana, aínda que esta involución afecta tamén ao resto da grella.
Non sei se sabedes que se puxo en andamento un blog de cívico combate sobre esta cuestión, que ten o expresivo subtítulo de "Non a unha nova Telemadrid!". Un dos promotores é Xabier Pérez Igrexas, que publicou un moi recomendábel texto sobre o silenciamento e manipulación da manifestación do 18 de outubro, que podedes ler en GzNación. No seu blog tamén ten máis datos e análises sobre a cuestión.
Merecemos e precisamos unha radio e televisión públicas que estean ao servizo da información, cohesión e prosperidade da sociedade galega.
Assinar:
Postagens (Atom)