Mostrando postagens com marcador Rosa Vilas. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Rosa Vilas. Mostrar todas as postagens

31 de out. de 2009

"A éste no lo quiero"


Isto foi o que dixo a directora da TVG, Rosa Vilas, para que un cámara deixase de cubrir os actos do presidente da Xunta. Os motivos, segundo unha sentenza do xulgado número 1 de Santiago, foron que este traballador "resultaba molesto (...) non só pola súa posición sindical (...) senón por motivos de ideoloxía".

Que os tribunais constaten e ordenen rectificar unha limpeza ideolóxica nun medio público é unha noticia que debería facernos saltar todas as alarmas. Mais os principais xornais, radios e televisións de Galiza nin lle dan relevo ou mesmo a pasan como unha nova secundaria e efémera, que non dá máis de si. Narcóticos Núñez Feijóo súrtenos de anestesias potentes para que non lle deamos a importancia que teñen a feitos tan significativos coma este.

Falabamos non hai moito aquí da actitude doutro cámara da TVG. Ese cámara que provocou para tentar conseguir imaxes dunha mobilización violenta e que obtivo, ao seu pesar, a cívica contestación dos berros de "Televisión, manipulación!" A resposta dos manifestantes de Queremos Galego pasará aos anais da defensa da dignidade deste país.

Mais que a actitude dalgúns non nos faga confundir os nosos obxectivos e a nosa visión do que está a acontecer. Nós non estamos contra a RTVG nin contra os seus traballadores e as súas traballadoras. Estamos con. Estamos para defender e apoiar a profesionalidade, o rigor, o servizo público, nun obxectivo compartido pola inmensa maioría do cadro de persoal dunha radio e dunha televisión que queremos públicas, dignificadas e críbeis; temos a disposición de defendelas con uñas e dentes.