27 de out. de 2009

As reaccións do PP á manifestación do 18 de outubro e a proposta de trilingüismo


Hai moitos textos de interese que se están a publicar sobre a situación do noso idioma. Hoxe quero recomendarvos a lectura de tres destes artigos:

- "Caamaño irrita a Feijóo".- Unha ben interesante análise política por parte de Anxo Lugilde, con algúns datos descoñecidos para a maioría, como o documento interno elaborado polo PP para avaliar a manifestación do 18 de outubro e o debate sobre o tema no seu comité de dirección.

- "Obsesións trilingües".- A profesora de tradución, activista e celebrada escritora María Reimóndez podería dicilo máis alto, porén non máis claro: "Que con estes señores parece que o único destino desexado por calquera galega ou galego é emigrar, tal obsesión teñen primeiro co castelán que vale para falar fóra de Galicia e logo co inglés, que vale para falar aínda máis fóra. E para falar dentro, que é onde polo menos eu quero vivir?"

- "Incompetentes en tres linguas... e en matemáticas".- Alba Nogueira, igual que Reimóndez, desmonta a propaganda do trilingüismo. "A verdade que é un problema que a poboación galega non se atope preparada para dar o salto e utilizar o inglés nas súas relacións diarias", ironiza para desenmascarar que o que fai esta Xunta é "utilizar o inglés para conseguir que o galego tan só represente un terzo do horario docente".

Sobra dicir que tanto María Reimóndez como Alba Nogueira falan un inglés fluído, ben lonxe da ignorancia supina (e má educación) que exhibiu o actual presidente da Xunta nas preguntas que lle fixo neste idioma hai uns meses un reporteiro de televisión.

Nenhum comentário:

Postar um comentário