6 de out de 2009

O compromiso individual na normalización do galego


Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe. Grazas ao web de Prolingua por se faceren eco.

Fartos de ceder e ceder
O compromiso individual na normalización do galego


Regueiros de esperanza percorren Galiza estes días. Non paran de abrollar xuntanzas e iniciativas en defensa do noso idioma. Aínda que a TVG nunca se faga eco (e cando digo “nunca” é “nunca”, non é que bote man da hipérbole), vemos que un día tras outro hai reunións para artellar respostas a este furibundo ataque contra a nosa lingua que encabeza Alberto Núñez Feijóo.

O compañeiro Fran Rei, vicepresidente da Mesa e esforzado coordinador da xestora de Queremos Galego, coméntame que unha vez que se puxo esta semana en funcionamento o web da plataforma, son xa 1.000 os seus adherentes individuais e van camiño das 200 as entidades integrantes. Ademais, as constitucións de Queremos Galego en cada comarca están a ter tamén unha presenza e unha viveza significativa. 95 persoas na Estrada, 75 en Ferrol, unhas 50 en Vigo e A Coruña etc etc. Como exclamaba coa súa tremenda enerxía Avelino Pousa Antelo ante os miles de manifestantes do 17 de maio: “Por xente coma vós, Galiza non morrerá, o galego non morrerá”.

Ademais da plataforma de entidades que é Queremos Galego, botan flor outras ideas e outras agrupacións irmás. Así mesmo, as organizacións sensíbeis colocan a situación da lingua nos primeiros puntos das súas ordes do día, conscientes do momento na verdade histórico e decisivo. As agresións son diarias e non son só simbólicas, mais os ventos frescos de resistencia tamén braman cargadiños de esperanza.

Este sábado participei na presentación dunha destoutras propostas: Prolingua. Os medios de comunicación que noticiaron o evento estimaban que na xuntanza nacional habería unhas 250 persoas. Eu penso que máis, aínda que non é cousa de discutir agora por números. O caso é que en todas estas xuntanzas que se están a convocar para defender o idioma, igual que o veremos na manifestación do vindeiro 18 de outubro, a participación está a ser ben relevante, non só dun punto de vista cualitativo, senón tamén do cuantitativo. Xa vedes. Agardaban un pobo abúlico e submiso e encóntranse con pescozos firmes e olladas en fite.

O compromiso individual

Na presentación de Prolingua, houbo discursos verdadeiramente memorábeis, dirixidos como unha frecha certeira ao corazón do monstro da galegofobia, ao centro do problema. Ademais, e fronte a quen quere presentar unhas entidades que defenden a lingua como más e outras como boas, ou mesmo como incompatíbeis unhas coas outras, a realidade é que o discurso deste sábado é o mesmiño que nos une a todas e todos os que preocupados polo galego. E o que non é menos importante: sinaláronse propostas de acción para axotar o perigo do testemuñalismo.

Agustín Fernández Paz foi, con certeza, moi crítico coas políticas lingüísticas aplicadas nesta etapa autonómica, ás veces caracterizadas pola desidia e moitas outras, como agora, pola insidia. “Fomos burlados pola teoría do amodiño”, exclamou, ao tempo que reclamou rebeldía fronte á consideración das usuarias e dos usuarios de galego como cidadáns de segunda. O exemplo que puxo é inmellorábel: o caso de Rosa Parks, a estadounidense negra que padeceu prisión por non abandonar o seu asento para que puidese acomodarse un racista cu branco, tal e como marcaba a inxusta e antidemocrática lei vixente. Ela declarou que o fixo porque “estaba farta de ceder e ceder”. Canto temos que aprender dun xesto coma ese!

Claro que as linguas son fenómenos sociais e colectivos. Unha obra de arte creada por un pobo, que describiu nalgún momento Castelao. Mais tamén é certo que os falantes, como tales, temos dereitos individuais que podemos e debemos reclamar. As persoas que queremos vivir en galego non somos sempre abondo conscientes do poder que temos, da nosa capacidade para incidir de verdade se non renunciamos a usar o noso idioma con normalidade e a pronunciar estas catro sinxelas palabras acompañadas dun sorriso: “por favor, en galego”.

Usar é defender

Hai anos, desde diferentes entidades, divulgouse un decálogo de defensa do galego baseado nun texto elaborado polo profesor Tilbert D. Stegmann, da Universidade de Frankfurt. En 2008, A Mesa pola Normalización Lingüística volveuno pór en circulación como proposta para difundir sobre todo nos centros de ensino. Hoxe continúa a ser plenamente útil e funcional.

Velaquí as súas propostas, que convido a asumir e practicar:

  1. Fala en galego sempre que poidas. Coa familia, cos amigos e amigas etc. Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende aínda que até o de agora lles falases en castelán.
  2. Respecta a aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa.
  3. Diríxete en galego a todos e todas: na rúa, por teléfono, no centro de ensino, no traballo. Verás que te entenden. Continúalles a falar en galego, aínda que che respondan noutro idioma.
  4. Ás persoas que coñezas que entenden o galego coloquial, mais mostran curiosidade por algún termo que ignoran, explícalles o significado desas palabras, axudándoas a ampliar o vocabulario. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, axúdalle e demóstralle que valoras o seu comportamento.
  5. Respecta as diferenzas locais da lingua. Coñece as particularidades de cada zona. Esta é a riqueza do galego, como a de todas as linguas.
  6. Toma a decisión de escribir todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o teu nome en galego. Fai mudar os teus papeis, impresos, rótulos etc. Sería ben triste que por aforrar uns pequenísimos gastos deixásemos de contribuír á expansión do noso idioma.
  7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua.
  8. Exixe de todos, mesmo das institucións máis rutineiras, que che escriban en galego. Faino amabelmente. Non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. Déixaos de lado, ignóraos.
  9. Se tes como lingua familiar o castelán, interésate pola nosa lingua. Loita contra a inxustiza fomentada durante tantos anos. Toda a represión dunha lingua é un acto de barbarie. E sobre todo tenta falala e escribila, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso.
  10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasar a falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, comeza por usalo cos descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para ilo introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, “sen rompelo nin lixalo”, iso si que deteriora o idioma.

Todos estes consellos, que non mandamentos, podemos sintetizalos en dous. En primeiro lugar, darmos o paso de falar en galego sempre, con normalidade. Cambiar de lingua porque presupomos que non nos van entender ou porque é cortesía cun descoñecido é un puro prexuízo.

En segundo lugar, aínda que non menos importante, cómprenos dar o paso de solicitar atención e información neste idioma, como un dereito que debería darse por sentado. Non é só por defender a lingua, senón tamén porque é un dereito básico, un requisito para a convivencia en igualdade, sen cidadáns e cidadás de segunda por razón de lingua.

Non temos que achicarnos nin pedir perdón por querer vivir no noso propio idioma no seu territorio histórico, xenuíno, orixinal, natural e propio. Abondou xa de ceder e ceder.

[Na fotografía, Rosa Parks.]

6 comentários:

  1. a tua defensa do galego argue o mesmo que os que defenden a liberdade de uxio e xiana
    (non poden dicir que son terroristas)o teu problema de fondo argumental é o mesmo.
    deronche moito bulo ahí atras, encontraches un bo chupe e aprendiches a facer sofismo demagoxico barato
    Todos os da tua matrácula ( que só queres impoñer...)caracterizanse por o mal que vos foi na escola sempre
    non é verdade Carlos?

    ResponderExcluir
  2. A dúbida de sempre. Manter comentarios de trolls, como o anterior, ou eliminalos porque non contribúen a nada, nin tan sequera ao debate? De momento mantéñoos.

    En calquera caso, prezado anónimo, cando queiras déixoche ver o meu expediente :D

    ResponderExcluir
  3. Reconoce el dueño de este foro el derecho d eun ciudadano gallego a ser como él, esto es, bilingüe potencial pero de facto monolingüe... pero en castellano?


    Porque ésa e sla cuestión: que la organización que vd dirige considera como "ataque al gallego" toda medida que respete los derechos de los que quieren vivir según ese decálogo, pero sustituyendo galego por castelán


    En resumen: ¿

    qué derechos para los castellanohablantes, entonces? los mismos que para los gallegohablantes

    ResponderExcluir
  4. Por favor, en castellano = por favor, en galego

    ResponderExcluir
  5. Obligación de saber castellano = dereito de saber galego? Son os mesmos dereitos?

    Se queredes igualdade, hai que partir de aí.

    ResponderExcluir
  6. Obriga de saber castelán, que non se traduce en nada para os moitos galegofalantes que non son competentes en castelán = Obriga de aprender galego e ser competente nel para todos os que estudan en Galicia.

    A obriga de saber galego, de establecela e vixiala, implicaría crear unha aduana lingüística para xente que viñera a vivir e censarse en Galicia dende outras partes de España.


    Significa que, p.ex., unha muller maior catalana tería que aprender e examinarse de galego pra vivir en GZ?

    Qué debería significar unha obriga de saber galego semellante á do castelán?

    ResponderExcluir