30 de out de 2009

Manifestacións preventivas

Unha das ideas forza coa que os dirixentes do PP pretenden deslexitimar as mobilizacións na defensa da nosa lingua é cualificándoas de "manifestacións preventivas". Repiten, cun descaro mentireiro que abruma, que a actual Xunta non tomou ningunha medida en contra do galego. Os voceiros mediáticos transmiten a idea e o anestésico actúa, en maior ou menor grao.

Tanto quen dirixe estas políticas nocivas (Alberto Núñez Feijóo) como quen executa (Anxo Lorenzo, e uso o verbo executar en dúas das súas acepcións) reiteraron iso da "manifestación preventiva" en varias ocasións, tanto para a mobilización do 17 de maio como para a do 18 de outubro. Núñez Feijóo, que foi alto cargo dos gobernos de Aznar, nunca tivera ningunha crítica contra a que el e os do seu partido chamaban "guerra preventiva" en Iraq, esa en que nos meteu o PP e que ocasionou máis de 1.300.000 mortos. De verdade será peor unha manifestación preventiva que unha guerra preventiva?

Mais que tamén continúen a botar man de discursos adormecedores é, no fondo, un bo sinal. Decátanse de que as políticas agresivas que están a levar a cabo contra o idioma que nos une como galegas e galegos teñen contestación social. É, por iso, labor das persoas sensibilizadas romper a mordaza comunicativa e explicar o que están a facer co noso idioma e achegar máis xente a esta causa xusta.

Nel Vidal, presidente da CTNL, desenvolve nun pedagóxico artigo o pouco que teñen de preventivo a restra de medidas galegófobas adoptadas polo PP no ensino, na administración, nos medios de comunicación públicos, nas novas tecnoloxías, no mercado editorial etc.

Polo demais, se queredes ver un presidente da Xunta mentindo, podedes darlle ao play a este vídeo de youtube, correspondente a unha entrevista no programa El gato al agua, de Intereconomía, coñecido pola súa credibilidade e pluralidade (modo retranca on):

6 comentários:

  1. E incrible, pero esa canle de INTERECONOMIA de onde sae, pregúntome? Do Neolítico ou do Mesolítico?E o presentador...hommo antecessor ese? O meu médico tenme prohibido ver estes programas
    -especialmente o do "mais se perdeu en Cuba" que, por certo, tan xenialmente Retratou O Gran Wyoming cunha cámara oculta falsa-.Unha cousa é ter certa VISION CONSERVADORA, e outra é traspasa-los límites do respeto aos seres humanos como fan estes telepredicadores que non dubidan en chamar enfermos aos gays e ao momento poñerse a vender un aparello raio láser contra a calvicie. ¡Que vergoña para os xornalistas profesionais!

    ResponderExcluir
  2. Este comentário foi removido pelo autor.

    ResponderExcluir
  3. Sr. ( por chamralle dalgún xeito ), e que vostede ainda non se enteirou, mire, a suma total de votos entre Psoe e mailo BNG, suman 5.75.. de votos MÁIS que o PP , como siga a mentir, a lle medrar máis o naríz , e o de La Gaceta, lémbrame a un diario que había en Euzkadi, e que lle chamában(ou lle chaman), " La Gaceta del Norte " ,por suposto era do réxime , ¿terá algo que ver , ou rexurde outra vez o feixismo ? , franquista claro , xa da máis que arrepio, boa noite

    ResponderExcluir
  4. Borrei o comentario porque me dei conta que tiña un erro ortográfico deses que fan doer a cabeza.
    En resume, agora non lembro o que puña, pero que si, que é un mentireiro.
    Bicos

    ResponderExcluir
  5. Non sei se viches (vistes) un vídeo que subín no seu día ó facebook, no que se "informaba" da manifa... (non podo copiar e pegar o enlace, non me deixa o código do blog).
    "El masón Caamaño ha participado en una manifestación de independentistas gallegos contra el bilingüismo", rezaba a impecábel dición da presentadora ao tempo que se vían imaxes dos "radicais" coas pancartas e demais instrumentos "instigadores" á rebelión... Esa era a información, entre comiñas, de Intereconomía... Dá arrepío ver como se manipula a realidade ata límites vergoñentos, incribles pero certos, e vendo isto, non sen certa incredulidade, un non se extraña de que xordan en outras zonas de España certo sentimento xenófobo...
    A min particularmente me produce vergoña como xornalista, como galego e ata como castelán-parlante que son de toda a vida... Que ninguén diga que o galego está discriminado nin que son manifestacións preventivas... nin que a de Camaño foi unha actitude lamentábel... a min me pareceu valente... e o deste grupo de "comunicación" non ten nome...

    ResponderExcluir
  6. Acabo de darme conta... "La Junta de Galicia"... xD

    ResponderExcluir