31 de out de 2009

"A éste no lo quiero"


Isto foi o que dixo a directora da TVG, Rosa Vilas, para que un cámara deixase de cubrir os actos do presidente da Xunta. Os motivos, segundo unha sentenza do xulgado número 1 de Santiago, foron que este traballador "resultaba molesto (...) non só pola súa posición sindical (...) senón por motivos de ideoloxía".

Que os tribunais constaten e ordenen rectificar unha limpeza ideolóxica nun medio público é unha noticia que debería facernos saltar todas as alarmas. Mais os principais xornais, radios e televisións de Galiza nin lle dan relevo ou mesmo a pasan como unha nova secundaria e efémera, que non dá máis de si. Narcóticos Núñez Feijóo súrtenos de anestesias potentes para que non lle deamos a importancia que teñen a feitos tan significativos coma este.

Falabamos non hai moito aquí da actitude doutro cámara da TVG. Ese cámara que provocou para tentar conseguir imaxes dunha mobilización violenta e que obtivo, ao seu pesar, a cívica contestación dos berros de "Televisión, manipulación!" A resposta dos manifestantes de Queremos Galego pasará aos anais da defensa da dignidade deste país.

Mais que a actitude dalgúns non nos faga confundir os nosos obxectivos e a nosa visión do que está a acontecer. Nós non estamos contra a RTVG nin contra os seus traballadores e as súas traballadoras. Estamos con. Estamos para defender e apoiar a profesionalidade, o rigor, o servizo público, nun obxectivo compartido pola inmensa maioría do cadro de persoal dunha radio e dunha televisión que queremos públicas, dignificadas e críbeis; temos a disposición de defendelas con uñas e dentes.

2 comentários:

  1. Captaches perfectamente o terrible paradoxo entre os dous cámaras, dúas actitudes completametne opostas: a do que é "molesto" para o poder, e do que insulta e provoca ó pobo. Cal é enaltecido pola televisión pública? Desgraciadamente o segundo, convertíndoo en vítima improvisada dun inesperado vodevil: o dos "radicais" manifestantes e os "pobriños" xornalistas (como se ós meus compañeiros non lles choveran ameazas, cando non agresións, e non simples berros, en todo o mundo e en situacións bastante máis perigosas... eu mesmo debería ser indemnizado porque me romperon os lentes, non por manifestantes, senón por unha baqueta mal disparada nun cncerto... xD). E de paso, aplaudido polo Colexio "Profesional" de Xornalistas, que eleva a anécdota a outra categoría, nun exercizo infame de vitimismo e manipulación corporativista qeu a min como xornalista, e sbre todo como cidadán, me dá noxo... Non o sei a ciencia certa, pero pregúntome se emitiron un comunicado similar cando o de Xosé Couso, ou coa LOU, ou co Prestige, ou con tantos outros episodios...

    Como ves eu estou divulgando o contido da nosa reivindicación (non só galegofalantes, senón castelán-parlantes coma eu que non queremos que nos tomen por parvos) en outras canles tamén por fóra de Galiza, así o frívolo fotolog ;), que é (no meu caso) máis visitado por xente de fóra, e que así pode decatarse simplemente de que SI hai un problema, pero non o que lles venden os medios...
    www.fotolog.com/mr_m0z/88294747

    ;)

    ResponderExcluir
  2. Tamén divulgando no blog da xente de Ourense:

    www.kesar.org/moz/519151

    ResponderExcluir