29 de out de 2009

Expandirmos o espírito do 18 de outubro



Dentro de moi pouco, comezarán a recollerse as sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular promovida por Queremos Galego, momento para o cal será moi necesario que nos activemos todas as persoas con sensibilidade polo idioma. Van facer falta ben de brazos.

Mentres, son moitas as actividades que podemos ir desenvolvendo no noso día a día para expandirmos o espírito do 18 de outubro. En primeiro lugar, cómprenos lembrar que é moito o que podemos conseguir a nivel individual, porque a mellor defensa que se pode facer dunha lingua é o seu uso.

Recordemos, nese mesmo camiño, que temos dereitos lingüísticos, por moito que lle pese a quen lle pesar; está na nosa man exercérmolos ou claudicarmos do seu exercicio, mais temos de ser conscientes de que é a nosa decisión facer unha outra cousa.

Ademais, a plataforma Queremos Galego continúa a reunir adhesións individuais e colectivas, a través desta ligazón. Deámoslle máis forza a este novo Nunca Máis!

Estanse a recoller tamén os últimos respaldos ao Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, que roza agora mesmo o apoio de 27.000 persoas e de 700 entidades do máis diverso tipo. Se aínda non o asinaches, podes facelo aquí. Así mesmo, se tes na casa algún prego deste manifesto ou ves que aínda podes recoller as últimas sinaturas, faino rápido e envíaas ao local da Mesa: Rúa do Vilar, 15-1º dereita, de Santiago.

Contra a arrogancia, a prepotencia e a chulería, a nosa lingua reverdece!

Um comentário: