12 de out. de 2009

Por que participar na manifestación do 18 de outubro?

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Razóns para nos movermos
Por que participar na manifestación do 18 de outubro?


A Mesa pola Normalización Lingüística impulsou a creación da plataforma Queremos Galego como forma de coordinar e sumar esforzos das diferentes entidades dispostas a defender o idioma que nos une como galegas e como galegos. O éxito da iniciativa está á vista, a xulgar polos apoios recibidos e polo movemento existente nas rúas. Así e todo, cómpre un esforzo final para que a mobilización do vindeiro domingo sexa, sen hipérboles nin empachos retóricos, un fito significativo na historia da recuperación da lingua galega.

Motivos para nos manifestarmos hainos como nunca se viu nestes 30 anos de etapa autonómica. Sabemos que quen está contra o galego ten poder institucional, económico e mediático, cunha capacidade enorme para lle daren a volta á realidade ao seu antollo e venderen o mundo ao revés. Mais tamén debemos lembrar que o que reivindicamos é poder utilizar e transmitir a nosa lingua, un dereito básico que inxustamente se nos nega. “Temos a razón e dicimos a verdade”, como exclamaba a semana pasada Xabier P. Docampo.

A manifestación do 18 de outubro será tamén punto de partida para novas propostas lanzadas desde a plataforma Queremos Galego. Unha das máis importantes é o impulso dunha iniciativa lexislativa popular pola garantía dos dereitos lingüísticos, para demostrarmos que existe unha presión social que defende unha verdadeira convivencia e liberdade idiomática, de relevo tanto do punto de vista cualitativo e do cuantitativo.

Coa iniciativa lexislativa manterase viva, a través dunha formulación concreta e en positivo, a resposta aos ataques contra a nosa lingua por parte do goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Garantía de dereitos

Na exposición de motivos, esta iniciativa lexislativa comeza lembrando o mandado do artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galiza, que recoñece que “a lingua propia de Galiza é o galego”. Conxugo o verbo recoñecer, porque é evidente que o galego era xa a lingua propia do noso país antes de que ningunha norma legal o ditase. Era o propio da nación mesmo cando censuraban ou queimaban libros neste idioma ou cando nas administracións non se permitía entregar formularios nel escritos.

Este mesmo artigo do Estatuto ten outra epígrafe máis que tamén é inasumíbel hoxe para a actual dirección do PP. A lei orgánica considera que, para facer efectivo o dereito a “coñecer e usar” o castelán e o galego, “os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, acadando así que ninguén sexa “discriminado por causa da lingua”.

Hai que potenciar o uso do galego, di o Estatuto en vigor. Porque é a lingua propia e porque é unha lingua discriminada desde hai séculos. Porque unha persoa só pode escoller entre dous idiomas se existe igualdade de coñecemento e nas condicións sociais á hora de realizar a escolla. Abonda con ter ollos na cara para constatar que entre galego e castelán o que existe é un desequilibro inmenso onde a parte feble é sen matices a do idioma natural de Galiza. Como expresa a iniciativa lexislativa de Queremos Galego, “a liberdade das persoas que integran a sociedade galega só poderá ser efectiva cando o Poder Público dispoña os medios no sistema educativo para que todos e todas coñezan axeitadamente o galego e a Administración estea en condicións de dispensar os seus servizos na nosa lingua”.

Propostas concretas

Nas tres décadas que leva o Estatuto en vigor, non se deron corrixido estas desigualdades, que poderían paliarse cun marco legal máis claro, onde se estabelecese a plena oficialidade do galego, como un dereito e un deber xurídico, igual que o é o español. Mais nunca nestes anos se dera unha situación de chulería e prepotencia galegófoba como a que protagonizan día tras día Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Rueda, Rafael Louzán, Carlos Negreira, Pilar Farjas, Jesús Vázquez Abad, Corina Porro, Pedro Arias, Ignacio López Chaves, Roberto Varela e todos esoutros dirixentes ou gobernantes do PP que pasarán á historia como adaís do racismo lingüístico e como enterradores frustrados da lingua galega.

Para movermos a situación, a plataforma Queremos Galego achega a través da súa iniciativa lexislativa unha serie de medidas básicas. Todas elas se basean nos consensos existentes que o PP se nega a aplicar: o Estatuto, a Lei de normalización lingüística, a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias e o Plan xeral de normalización da lingua galega. Velaquí esas propostas, que se aspira a converter en norma legal:

1) O Goberno galego, en cumprimento da obriga estabelecida no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, fará plenamente efectivos os dereitos das galegas e dos galegos a utilizaren o idioma propio do país.

2) O Goberno galego garantirá que toda a sinaléctica, información e documentación administrativa que reciban os cidadáns e as cidadás en todos os ámbitos administrativos da Xunta, ou en calquera ámbito participado por ela, incluídas todas aquelas entidades xurídicas que prestan servizos dependentes daquela, estean en galego.

3) O Goberno galego garantirá que todos os seus servizos, e os de calquera entidade participada por el, incluídas todas aquelas que os prestan dependendo da Xunta, serán prestados en galego a todos os cidadáns e cidadás. O persoal das entidades dependentes da Xunta ha tomar a iniciativa dirixíndose e manténdose en galego cara ao público, coa excepción daquelas ou daqueles que soliciten seren atendidos en castelán. Así mesmo, todos os cargos públicos e os dos organismos e entes autonómicos, sociedades públicas e institucións dela dependentes farán uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade.

4) O Goberno galego garantirá que o dereito a usar e recibir información, documentación etc na lingua propia do país non supoña ningún tipo de discriminación, demora na prestación do servizo ou deturpación lingüística por parte da Administración galega ou os seus representantes.

5) O Goberno galego adoptará as medidas necesarias para garantir o dereito a recibir o ensino en galego por parte de todo o alumnado ao menos nun 50% do horario escolar en cada curso en todas as etapas educativas, de acordo co sinalado no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Eses son os horizontes cara aos que imos na manifestación do vindeiro 18 de outubro. Sen derrotismos nin autoenganos, coa firme vontade de gañar o futuro. Lembrando que, se nós non nos movemos en defensa da nosa lingua, ninguén o fará por nós.

9 de out. de 2009

Disque non sei ler en castelán

Non sei se escoitastes as necias declaracións de Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, explicando que me agasallou, dentro dos habituais presentes institucionais, algún libro bilingüe, para ver se así os da Mesa lemos tamén en castelán.

Que altura na oratoria, verdade? Son os mesmos prexuízos resesos de sempre, de novo insinuados por alguén con tanto poder como autoodio: que as persoas que defendemos o galego somos cabezas de cemento, que temos un narcisismo doentío cara ao noso idioma e que nos fechamos nel, que odiamos o castelán, que non somos capaces de ler algo que non estea na nosa lingua...

Hoxe replicámoslle desde A Mesa cun comunicado. Mais estas políticas de odio contra a nosa lingua deben ter, sobre todo, resposta na mobilización da rúa. O vindeiro 18 de outubro, todas e todos a Compostela!

Na TVG

Por certo, esta é a ligazón da noticia tal e como saíu onte na TVG. Había meses que a asociación non tiña eco de ningún xeito na televisión pública de Galiza, agora tan tristemente manipulada.

7 de out. de 2009

Quen é quen no caso Gürtel en Galiza?


Este é o título dunha información ben clariña que asina o xornalista Manuel Vilas n'A Nosa Terra. Agradécese a exposición divulgativa, porque os poderosos imputados e afectados por este escándalo tentarán confundir todo o posíbel.

Xornal tamén achega o seguinte clariño cronograma dos vínculos galegos do Gürtel (clica sobre el para o ampliares):

Entrementres, a TVG mantense na súa liña de silenciar a corrupción do PP e, cando resultaría xa demasiado evidente, opta por manipular.

6 de out. de 2009

O compromiso individual na normalización do galego


Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe. Grazas ao web de Prolingua por se faceren eco.

Fartos de ceder e ceder
O compromiso individual na normalización do galego


Regueiros de esperanza percorren Galiza estes días. Non paran de abrollar xuntanzas e iniciativas en defensa do noso idioma. Aínda que a TVG nunca se faga eco (e cando digo “nunca” é “nunca”, non é que bote man da hipérbole), vemos que un día tras outro hai reunións para artellar respostas a este furibundo ataque contra a nosa lingua que encabeza Alberto Núñez Feijóo.

O compañeiro Fran Rei, vicepresidente da Mesa e esforzado coordinador da xestora de Queremos Galego, coméntame que unha vez que se puxo esta semana en funcionamento o web da plataforma, son xa 1.000 os seus adherentes individuais e van camiño das 200 as entidades integrantes. Ademais, as constitucións de Queremos Galego en cada comarca están a ter tamén unha presenza e unha viveza significativa. 95 persoas na Estrada, 75 en Ferrol, unhas 50 en Vigo e A Coruña etc etc. Como exclamaba coa súa tremenda enerxía Avelino Pousa Antelo ante os miles de manifestantes do 17 de maio: “Por xente coma vós, Galiza non morrerá, o galego non morrerá”.

Ademais da plataforma de entidades que é Queremos Galego, botan flor outras ideas e outras agrupacións irmás. Así mesmo, as organizacións sensíbeis colocan a situación da lingua nos primeiros puntos das súas ordes do día, conscientes do momento na verdade histórico e decisivo. As agresións son diarias e non son só simbólicas, mais os ventos frescos de resistencia tamén braman cargadiños de esperanza.

Este sábado participei na presentación dunha destoutras propostas: Prolingua. Os medios de comunicación que noticiaron o evento estimaban que na xuntanza nacional habería unhas 250 persoas. Eu penso que máis, aínda que non é cousa de discutir agora por números. O caso é que en todas estas xuntanzas que se están a convocar para defender o idioma, igual que o veremos na manifestación do vindeiro 18 de outubro, a participación está a ser ben relevante, non só dun punto de vista cualitativo, senón tamén do cuantitativo. Xa vedes. Agardaban un pobo abúlico e submiso e encóntranse con pescozos firmes e olladas en fite.

O compromiso individual

Na presentación de Prolingua, houbo discursos verdadeiramente memorábeis, dirixidos como unha frecha certeira ao corazón do monstro da galegofobia, ao centro do problema. Ademais, e fronte a quen quere presentar unhas entidades que defenden a lingua como más e outras como boas, ou mesmo como incompatíbeis unhas coas outras, a realidade é que o discurso deste sábado é o mesmiño que nos une a todas e todos os que preocupados polo galego. E o que non é menos importante: sinaláronse propostas de acción para axotar o perigo do testemuñalismo.

Agustín Fernández Paz foi, con certeza, moi crítico coas políticas lingüísticas aplicadas nesta etapa autonómica, ás veces caracterizadas pola desidia e moitas outras, como agora, pola insidia. “Fomos burlados pola teoría do amodiño”, exclamou, ao tempo que reclamou rebeldía fronte á consideración das usuarias e dos usuarios de galego como cidadáns de segunda. O exemplo que puxo é inmellorábel: o caso de Rosa Parks, a estadounidense negra que padeceu prisión por non abandonar o seu asento para que puidese acomodarse un racista cu branco, tal e como marcaba a inxusta e antidemocrática lei vixente. Ela declarou que o fixo porque “estaba farta de ceder e ceder”. Canto temos que aprender dun xesto coma ese!

Claro que as linguas son fenómenos sociais e colectivos. Unha obra de arte creada por un pobo, que describiu nalgún momento Castelao. Mais tamén é certo que os falantes, como tales, temos dereitos individuais que podemos e debemos reclamar. As persoas que queremos vivir en galego non somos sempre abondo conscientes do poder que temos, da nosa capacidade para incidir de verdade se non renunciamos a usar o noso idioma con normalidade e a pronunciar estas catro sinxelas palabras acompañadas dun sorriso: “por favor, en galego”.

Usar é defender

Hai anos, desde diferentes entidades, divulgouse un decálogo de defensa do galego baseado nun texto elaborado polo profesor Tilbert D. Stegmann, da Universidade de Frankfurt. En 2008, A Mesa pola Normalización Lingüística volveuno pór en circulación como proposta para difundir sobre todo nos centros de ensino. Hoxe continúa a ser plenamente útil e funcional.

Velaquí as súas propostas, que convido a asumir e practicar:

  1. Fala en galego sempre que poidas. Coa familia, cos amigos e amigas etc. Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende aínda que até o de agora lles falases en castelán.
  2. Respecta a aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa.
  3. Diríxete en galego a todos e todas: na rúa, por teléfono, no centro de ensino, no traballo. Verás que te entenden. Continúalles a falar en galego, aínda que che respondan noutro idioma.
  4. Ás persoas que coñezas que entenden o galego coloquial, mais mostran curiosidade por algún termo que ignoran, explícalles o significado desas palabras, axudándoas a ampliar o vocabulario. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, axúdalle e demóstralle que valoras o seu comportamento.
  5. Respecta as diferenzas locais da lingua. Coñece as particularidades de cada zona. Esta é a riqueza do galego, como a de todas as linguas.
  6. Toma a decisión de escribir todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o teu nome en galego. Fai mudar os teus papeis, impresos, rótulos etc. Sería ben triste que por aforrar uns pequenísimos gastos deixásemos de contribuír á expansión do noso idioma.
  7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua.
  8. Exixe de todos, mesmo das institucións máis rutineiras, que che escriban en galego. Faino amabelmente. Non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. Déixaos de lado, ignóraos.
  9. Se tes como lingua familiar o castelán, interésate pola nosa lingua. Loita contra a inxustiza fomentada durante tantos anos. Toda a represión dunha lingua é un acto de barbarie. E sobre todo tenta falala e escribila, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso.
  10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasar a falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, comeza por usalo cos descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para ilo introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, “sen rompelo nin lixalo”, iso si que deteriora o idioma.

Todos estes consellos, que non mandamentos, podemos sintetizalos en dous. En primeiro lugar, darmos o paso de falar en galego sempre, con normalidade. Cambiar de lingua porque presupomos que non nos van entender ou porque é cortesía cun descoñecido é un puro prexuízo.

En segundo lugar, aínda que non menos importante, cómprenos dar o paso de solicitar atención e información neste idioma, como un dereito que debería darse por sentado. Non é só por defender a lingua, senón tamén porque é un dereito básico, un requisito para a convivencia en igualdade, sen cidadáns e cidadás de segunda por razón de lingua.

Non temos que achicarnos nin pedir perdón por querer vivir no noso propio idioma no seu territorio histórico, xenuíno, orixinal, natural e propio. Abondou xa de ceder e ceder.

[Na fotografía, Rosa Parks.]

4 de out. de 2009

Na morte de Mercedes Sosa

Claro que os seus grandes anos foron moito antes de que eu soubese dela, mais é unha cantora que me acompañou en grandes e especiais momentos da miña adolescencia. A súa obra segue aquí, claro, e con ela segue a vida, porque a vida toda é un canto:

2 de out. de 2009

Entrevista no xornal Certo


Certo, o Xornal Virtual do Barbanza, publica hoxe unha entrevista comigo, que axuda a dar a coñecer o labor da Mesa e a importante convocatoria de manifestación para o vindeiro 18 de outubro. Moitas grazas.

Podedes consultala aquí.