12 de out. de 2009

Por que participar na manifestación do 18 de outubro?

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Razóns para nos movermos
Por que participar na manifestación do 18 de outubro?


A Mesa pola Normalización Lingüística impulsou a creación da plataforma Queremos Galego como forma de coordinar e sumar esforzos das diferentes entidades dispostas a defender o idioma que nos une como galegas e como galegos. O éxito da iniciativa está á vista, a xulgar polos apoios recibidos e polo movemento existente nas rúas. Así e todo, cómpre un esforzo final para que a mobilización do vindeiro domingo sexa, sen hipérboles nin empachos retóricos, un fito significativo na historia da recuperación da lingua galega.

Motivos para nos manifestarmos hainos como nunca se viu nestes 30 anos de etapa autonómica. Sabemos que quen está contra o galego ten poder institucional, económico e mediático, cunha capacidade enorme para lle daren a volta á realidade ao seu antollo e venderen o mundo ao revés. Mais tamén debemos lembrar que o que reivindicamos é poder utilizar e transmitir a nosa lingua, un dereito básico que inxustamente se nos nega. “Temos a razón e dicimos a verdade”, como exclamaba a semana pasada Xabier P. Docampo.

A manifestación do 18 de outubro será tamén punto de partida para novas propostas lanzadas desde a plataforma Queremos Galego. Unha das máis importantes é o impulso dunha iniciativa lexislativa popular pola garantía dos dereitos lingüísticos, para demostrarmos que existe unha presión social que defende unha verdadeira convivencia e liberdade idiomática, de relevo tanto do punto de vista cualitativo e do cuantitativo.

Coa iniciativa lexislativa manterase viva, a través dunha formulación concreta e en positivo, a resposta aos ataques contra a nosa lingua por parte do goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Garantía de dereitos

Na exposición de motivos, esta iniciativa lexislativa comeza lembrando o mandado do artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galiza, que recoñece que “a lingua propia de Galiza é o galego”. Conxugo o verbo recoñecer, porque é evidente que o galego era xa a lingua propia do noso país antes de que ningunha norma legal o ditase. Era o propio da nación mesmo cando censuraban ou queimaban libros neste idioma ou cando nas administracións non se permitía entregar formularios nel escritos.

Este mesmo artigo do Estatuto ten outra epígrafe máis que tamén é inasumíbel hoxe para a actual dirección do PP. A lei orgánica considera que, para facer efectivo o dereito a “coñecer e usar” o castelán e o galego, “os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, acadando así que ninguén sexa “discriminado por causa da lingua”.

Hai que potenciar o uso do galego, di o Estatuto en vigor. Porque é a lingua propia e porque é unha lingua discriminada desde hai séculos. Porque unha persoa só pode escoller entre dous idiomas se existe igualdade de coñecemento e nas condicións sociais á hora de realizar a escolla. Abonda con ter ollos na cara para constatar que entre galego e castelán o que existe é un desequilibro inmenso onde a parte feble é sen matices a do idioma natural de Galiza. Como expresa a iniciativa lexislativa de Queremos Galego, “a liberdade das persoas que integran a sociedade galega só poderá ser efectiva cando o Poder Público dispoña os medios no sistema educativo para que todos e todas coñezan axeitadamente o galego e a Administración estea en condicións de dispensar os seus servizos na nosa lingua”.

Propostas concretas

Nas tres décadas que leva o Estatuto en vigor, non se deron corrixido estas desigualdades, que poderían paliarse cun marco legal máis claro, onde se estabelecese a plena oficialidade do galego, como un dereito e un deber xurídico, igual que o é o español. Mais nunca nestes anos se dera unha situación de chulería e prepotencia galegófoba como a que protagonizan día tras día Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Rueda, Rafael Louzán, Carlos Negreira, Pilar Farjas, Jesús Vázquez Abad, Corina Porro, Pedro Arias, Ignacio López Chaves, Roberto Varela e todos esoutros dirixentes ou gobernantes do PP que pasarán á historia como adaís do racismo lingüístico e como enterradores frustrados da lingua galega.

Para movermos a situación, a plataforma Queremos Galego achega a través da súa iniciativa lexislativa unha serie de medidas básicas. Todas elas se basean nos consensos existentes que o PP se nega a aplicar: o Estatuto, a Lei de normalización lingüística, a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias e o Plan xeral de normalización da lingua galega. Velaquí esas propostas, que se aspira a converter en norma legal:

1) O Goberno galego, en cumprimento da obriga estabelecida no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, fará plenamente efectivos os dereitos das galegas e dos galegos a utilizaren o idioma propio do país.

2) O Goberno galego garantirá que toda a sinaléctica, información e documentación administrativa que reciban os cidadáns e as cidadás en todos os ámbitos administrativos da Xunta, ou en calquera ámbito participado por ela, incluídas todas aquelas entidades xurídicas que prestan servizos dependentes daquela, estean en galego.

3) O Goberno galego garantirá que todos os seus servizos, e os de calquera entidade participada por el, incluídas todas aquelas que os prestan dependendo da Xunta, serán prestados en galego a todos os cidadáns e cidadás. O persoal das entidades dependentes da Xunta ha tomar a iniciativa dirixíndose e manténdose en galego cara ao público, coa excepción daquelas ou daqueles que soliciten seren atendidos en castelán. Así mesmo, todos os cargos públicos e os dos organismos e entes autonómicos, sociedades públicas e institucións dela dependentes farán uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade.

4) O Goberno galego garantirá que o dereito a usar e recibir información, documentación etc na lingua propia do país non supoña ningún tipo de discriminación, demora na prestación do servizo ou deturpación lingüística por parte da Administración galega ou os seus representantes.

5) O Goberno galego adoptará as medidas necesarias para garantir o dereito a recibir o ensino en galego por parte de todo o alumnado ao menos nun 50% do horario escolar en cada curso en todas as etapas educativas, de acordo co sinalado no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Eses son os horizontes cara aos que imos na manifestación do vindeiro 18 de outubro. Sen derrotismos nin autoenganos, coa firme vontade de gañar o futuro. Lembrando que, se nós non nos movemos en defensa da nosa lingua, ninguén o fará por nós.

Um comentário:

  1. Ao mellor interésache este vídeo. Trátase do Director do Museo da Estrada que fai as declaracións que podes ver o día da manifestación de Galicia Bilingüe

    http://www.youtube.com/watch?v=he8pnfsOWsE

    ResponderExcluir