Mostrando postagens com marcador Tilbert D. Stegmann. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Tilbert D. Stegmann. Mostrar todas as postagens

2 de mai. de 2011

Dez pasos para revitalizarmos o galego

Velaquí a miña colaboración desta semana no diario Galicia Hoxe:

Dez pasos

A plataforma Queremos Galego, despois do exitoso acto nacional deste sábado na sala Capitol de Santiago de Compostela, prepara xa as concentracións expansivas que se van desenvolver o día 17 de maio por toda Galiza. Nesa xornada poranse os focos sobre todo nos ataques contra o noso idioma que está a realizar o actual Goberno da Xunta, aínda que tamén no protagonismo que deberían ter os concellos á hora de revitalizar o noso idioma.

Cómpre que todas as persoas con sensibilidade lingüística nos movamos para que todas estas concentracións sexan un incontestábel éxito. Debemos ser conscientes de que nos encontramos nun momento de encrucillada para o noso idioma e que de nós dependerá que tome o camiño da vida e non o da súa residualización.

A denuncia ou advertencia sobre a responsabilidade dos poderes públicos non debe facernos esquecer que todas e todos temos tamén unha responsabilidade individual co noso idioma; que todas e todos podemos facer moito para que a lingua de Galiza se incorpore a todos os ámbitos da sociedade e goce dunha moito mellor saúde.

Con ese obxectivo de retomar e afianzar o papel individual no proceso de normalización chegará dentro de poucas semanas ás librarías o volume Como defenderes os teus dereitos lingüísticos,unha obra pensada como un manual práctico, mesmo como un manual de autoxuda para as persoas que, lexitimamente, queremos vivir en galego en Galiza.

Seguindo a mesma liña que percorro nese volume de próxima aparición, quero hoxe presentar unha serie de breves consellos ou pautas baixo o nome de "Dez pasos para revitalizarmos o galego". Este decálogo ten como base unha proposta realizada por Tilbert D. Stegmann, á cal xa fixen referencia noutro artigo desta sección e que tamén está incluída no meu libro En castellano no hay problema (Edicións Xerais, 2010). Porén, modifiqueino con algunhas ideas que recollín do “Hexàleg per sobreviure” escrito por Lluis Gon Saga para o caso catalán e adapteino libremente para a situación actual en que nos encontramos en Galiza no ano 2011. Velaquí os dez puntos, útiles para que os divulguemos e para que os practiquemos:

Dez pasos para revitalizarmos o galego

1. Fala en galego con todo o mundo: coa familia, coas amizades, coa xente que encontres pola rúa... Fai o propósito de te comunicares en galego sempre, mesmo con aquelas persoas coas que até o de agora falaches en castelán.

2. Respecta aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa. Non lle digas á xente que lingua debe falar. Abonda con que deixes que os feitos falen por ti.

3. Mantente fiel ao idioma galego. Continúa a utilizalo, aínda que che respondan noutra lingua. Se de verdade a persoa coa que estás a falar non te comprende e tes que mudar a outro idioma, faracho saber.

4. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, a mellor forma de lle demostrares que valoras o seu comportamento é continuando a falar en galego con normalidade. Un eloxio exaxerado ou festexar diante doutra xente que esa persoa comezou a falar en galego pode causar vergoña e facer que axiña se abandone o galego. A normalidade é o maior afago.

5. Toma a decisión de escribires todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos, cartas, etc. en galego. Escolle a opción de galego no teu caixeiro automático, no telemóbel, nas redes sociais de internet, etc.

6. Se for o caso, galeguiza o teu nome e restaura o teu apelido. Pídelle a todo o mundo que te chame así e escríbelle a institucións e empresas para que se dirixan a ti coa nova forma oficial do teu nome e apelidos.

7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua. Apoia os produtos e servizos que usan o galego na publicidade, etiquetaxe, atención ao público, etc. Forma parte plena da comunidade lingüística galega!

8. Exixe de todas as administracións e empresas de que sexas clienta ou cliente que che escriban en galego. Faino amabelmente. Nunca esquezas no teu día a día solicitar que a documentación vinculada coa túa vida estea en galego, mais non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. A eses déixaos de lado, ignóraos.

9. Se tes como lingua habitual o castelán e aínda non te ves capaz de falar en galego de forma frecuente, interésate pola lingua de Galiza. Loita contra as inxustizas que padece quen quere vivir en galego en Galiza, pois a represión dunha lingua é un acto de barbarie. Comeza escollendo o galego como idioma no teu caixeiro, nas túas redes sociais, no teu telemóbel, etc. E, o máis importante, tenta falalo e escribilo, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso. Non te cortes! Verás que, se te soltas, es capaz de falar en galego moito mellor do que imaxinas!

10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasares a usar o galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, podes comezar falándoo con descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para o ires introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, "sen rompelo nin lixalo", iso si que deteriora o idioma. Lembra que para falar un idioma ben, primeiro hai que falalo mal e que a lingua que non se fala é a lingua que morre.

6 de out. de 2009

O compromiso individual na normalización do galego


Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe. Grazas ao web de Prolingua por se faceren eco.

Fartos de ceder e ceder
O compromiso individual na normalización do galego


Regueiros de esperanza percorren Galiza estes días. Non paran de abrollar xuntanzas e iniciativas en defensa do noso idioma. Aínda que a TVG nunca se faga eco (e cando digo “nunca” é “nunca”, non é que bote man da hipérbole), vemos que un día tras outro hai reunións para artellar respostas a este furibundo ataque contra a nosa lingua que encabeza Alberto Núñez Feijóo.

O compañeiro Fran Rei, vicepresidente da Mesa e esforzado coordinador da xestora de Queremos Galego, coméntame que unha vez que se puxo esta semana en funcionamento o web da plataforma, son xa 1.000 os seus adherentes individuais e van camiño das 200 as entidades integrantes. Ademais, as constitucións de Queremos Galego en cada comarca están a ter tamén unha presenza e unha viveza significativa. 95 persoas na Estrada, 75 en Ferrol, unhas 50 en Vigo e A Coruña etc etc. Como exclamaba coa súa tremenda enerxía Avelino Pousa Antelo ante os miles de manifestantes do 17 de maio: “Por xente coma vós, Galiza non morrerá, o galego non morrerá”.

Ademais da plataforma de entidades que é Queremos Galego, botan flor outras ideas e outras agrupacións irmás. Así mesmo, as organizacións sensíbeis colocan a situación da lingua nos primeiros puntos das súas ordes do día, conscientes do momento na verdade histórico e decisivo. As agresións son diarias e non son só simbólicas, mais os ventos frescos de resistencia tamén braman cargadiños de esperanza.

Este sábado participei na presentación dunha destoutras propostas: Prolingua. Os medios de comunicación que noticiaron o evento estimaban que na xuntanza nacional habería unhas 250 persoas. Eu penso que máis, aínda que non é cousa de discutir agora por números. O caso é que en todas estas xuntanzas que se están a convocar para defender o idioma, igual que o veremos na manifestación do vindeiro 18 de outubro, a participación está a ser ben relevante, non só dun punto de vista cualitativo, senón tamén do cuantitativo. Xa vedes. Agardaban un pobo abúlico e submiso e encóntranse con pescozos firmes e olladas en fite.

O compromiso individual

Na presentación de Prolingua, houbo discursos verdadeiramente memorábeis, dirixidos como unha frecha certeira ao corazón do monstro da galegofobia, ao centro do problema. Ademais, e fronte a quen quere presentar unhas entidades que defenden a lingua como más e outras como boas, ou mesmo como incompatíbeis unhas coas outras, a realidade é que o discurso deste sábado é o mesmiño que nos une a todas e todos os que preocupados polo galego. E o que non é menos importante: sinaláronse propostas de acción para axotar o perigo do testemuñalismo.

Agustín Fernández Paz foi, con certeza, moi crítico coas políticas lingüísticas aplicadas nesta etapa autonómica, ás veces caracterizadas pola desidia e moitas outras, como agora, pola insidia. “Fomos burlados pola teoría do amodiño”, exclamou, ao tempo que reclamou rebeldía fronte á consideración das usuarias e dos usuarios de galego como cidadáns de segunda. O exemplo que puxo é inmellorábel: o caso de Rosa Parks, a estadounidense negra que padeceu prisión por non abandonar o seu asento para que puidese acomodarse un racista cu branco, tal e como marcaba a inxusta e antidemocrática lei vixente. Ela declarou que o fixo porque “estaba farta de ceder e ceder”. Canto temos que aprender dun xesto coma ese!

Claro que as linguas son fenómenos sociais e colectivos. Unha obra de arte creada por un pobo, que describiu nalgún momento Castelao. Mais tamén é certo que os falantes, como tales, temos dereitos individuais que podemos e debemos reclamar. As persoas que queremos vivir en galego non somos sempre abondo conscientes do poder que temos, da nosa capacidade para incidir de verdade se non renunciamos a usar o noso idioma con normalidade e a pronunciar estas catro sinxelas palabras acompañadas dun sorriso: “por favor, en galego”.

Usar é defender

Hai anos, desde diferentes entidades, divulgouse un decálogo de defensa do galego baseado nun texto elaborado polo profesor Tilbert D. Stegmann, da Universidade de Frankfurt. En 2008, A Mesa pola Normalización Lingüística volveuno pór en circulación como proposta para difundir sobre todo nos centros de ensino. Hoxe continúa a ser plenamente útil e funcional.

Velaquí as súas propostas, que convido a asumir e practicar:

  1. Fala en galego sempre que poidas. Coa familia, cos amigos e amigas etc. Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende aínda que até o de agora lles falases en castelán.
  2. Respecta a aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa.
  3. Diríxete en galego a todos e todas: na rúa, por teléfono, no centro de ensino, no traballo. Verás que te entenden. Continúalles a falar en galego, aínda que che respondan noutro idioma.
  4. Ás persoas que coñezas que entenden o galego coloquial, mais mostran curiosidade por algún termo que ignoran, explícalles o significado desas palabras, axudándoas a ampliar o vocabulario. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, axúdalle e demóstralle que valoras o seu comportamento.
  5. Respecta as diferenzas locais da lingua. Coñece as particularidades de cada zona. Esta é a riqueza do galego, como a de todas as linguas.
  6. Toma a decisión de escribir todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o teu nome en galego. Fai mudar os teus papeis, impresos, rótulos etc. Sería ben triste que por aforrar uns pequenísimos gastos deixásemos de contribuír á expansión do noso idioma.
  7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua.
  8. Exixe de todos, mesmo das institucións máis rutineiras, que che escriban en galego. Faino amabelmente. Non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. Déixaos de lado, ignóraos.
  9. Se tes como lingua familiar o castelán, interésate pola nosa lingua. Loita contra a inxustiza fomentada durante tantos anos. Toda a represión dunha lingua é un acto de barbarie. E sobre todo tenta falala e escribila, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso.
  10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasar a falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, comeza por usalo cos descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para ilo introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, “sen rompelo nin lixalo”, iso si que deteriora o idioma.

Todos estes consellos, que non mandamentos, podemos sintetizalos en dous. En primeiro lugar, darmos o paso de falar en galego sempre, con normalidade. Cambiar de lingua porque presupomos que non nos van entender ou porque é cortesía cun descoñecido é un puro prexuízo.

En segundo lugar, aínda que non menos importante, cómprenos dar o paso de solicitar atención e información neste idioma, como un dereito que debería darse por sentado. Non é só por defender a lingua, senón tamén porque é un dereito básico, un requisito para a convivencia en igualdade, sen cidadáns e cidadás de segunda por razón de lingua.

Non temos que achicarnos nin pedir perdón por querer vivir no noso propio idioma no seu territorio histórico, xenuíno, orixinal, natural e propio. Abondou xa de ceder e ceder.

[Na fotografía, Rosa Parks.]