21 de mar. de 2015

Un mapa das e dos poetas da Galiza de hoxe

Precioso xeito de festexar o Día da Poesía este traballón de Noelia Gómez: un mapa de poetas galegas e galegos de hoxe, ordenados polo seu lugar de nacemento.

Na frechiña que a min me toca, na miña querida Ribeira, saio recitando un poema que finalmente non desembocou no título que alí insinúo (a gravación é de 2010, de aí a diferenza), senón no libro Atravesar o fantasma.

Non vos fai pensar o xeito que teñen de se distribuír os puntos pola xeografía galega? Tristemente, se a orde for polo lugar onde moran e non polo da nacenza, todos os botonciños estarían aínda moito menos dispersos.

As gravacións, como podedes ver, son froito doutro traballón constante: o da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

20 de mar. de 2015

Unha entrevista na tele sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

O serán da vindeira terza feira, 24 de marzo, a televisión local de Compostela Correo TV emitirá unha entrevista sobre o poemario Atravesar o fantasma. Hai dous anos e pouco, nese mesmo espazo, tivera esta conversa co xornalista Carlos Roma sobre o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que daquela estaba a dar os seus primeirísimos pasos:


18 de mar. de 2015

Non podo vivir en galego, mais aspiro a iso

Este foi o titular da entrevista que me fixo o Diario de Pontevedra o ano pasado. Falo dos meus libros de defensa do idioma (sobre todo, de Como defenderes os teus dereitos lingüístico e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez), da actividade da Mesa, das discriminacións a que nos vemos sometidas as persoas que queremos vivir no noso idioma... Mais tamén respondo un rápido inquérito sobre algunhas cuestións máis persoas. Se vos interesar, podédela consultar completa clicando nesta fotografía:


16 de mar. de 2015

"Ou tes feridas, ou non tes vida"

http://montsedopico.com/entrevistas/carlos-callon-non-hai-forma-de-vivir-sen-feridas-ou-tes-feridas-ou-non-tes-vida/
A xornalista Montse Dopico publica no seu portal M_ esta conversa arredor de Atravesar o fantasma.

As entrevistas e os encontros sobre o libro lévanme a un certo traballo de elaboración por volta dos significantes que van no poemario en negro sobre branco, e tamén arredor dos que van simplemente en branco. Este labor de delimitación de novos anacos de real que se atoutiñan nos versos fai que nesta ocasión dea algunhas respostas novas e matizadamente diferentes.

14 de mar. de 2015

A crónica de Manuel Bragado e o "teatro sen aplausos quebrando o diván"

Entre o traballón que realiza Manuel Bragado como editor está o de publicar no seu blogue, o decano Brétemas, crónicas sobre a maioría dos actos en que participa. Velaquí a que escribiu arredor da conversa sobre psicanálise, poesía e vida de Atravesar o fantasma. Permitídime antes que, tamén desde esta miña paxiniña, reitere o agradecemento e os abrazos para cada unha das persoas que ateigastes a libraría Couceiro nese serán en que tantos actos había na capital galega. Agora si vai a crónica ;)

Onte 1262: "Atravesar o fantasma"

Encheuse onte o terceiro andar da Libraría Couceiro de Santiago no acto de presentación de Atravesar o fantasma, o primeiro libro de poemas de Carlos Callón. Comezou o acto coa estrea do videopoema «O desexo está na pantalla», unha peza audiovisual de minuto e medio sobre un poema do libro, dirixida por Alberte Paz Calo e Alba Romero Diéguez, interpretada por Antón Blanco Casás e Luis Miguel Gendre. Interviu despois Fran Conde, profesor da Facultade de Filosofía, que leu un texto composto con versos dos poemas de Atravesar o fantasma. Confesou que o libro lle gustara moito. «Non sei se os poemas de Carlos son optimistas ou pesimistas, mais sei que están cheos de madurez. Servíronme de espello, porque comparten o enigma do diván, o enigma do corpo do outro en forma de sete.» «Este libro é como pasar polo teatro sen aplausos quebrando o diván, que é unha forma de definir a psicanálise.» «Un libro que toma conciencia da pulsión da morte en freudiano, do goce en lacaniano, e das tentacións suicidas en calloniano.» «A psicanálise coma experiencia para literaturizar o medo, para buscar as palabras que faltan.» «No libro o desexo é o baleiro entre as liñas.» «"O lobo constrúe casas e destrúe soños", quizais sexa o verso que mellor o define» apuntou Fran Conde para despois rematar o seu discurso dicindo que «este é un libro cheo de espellos, un lugar onde buscar a propia identidade, que sabemos está na propia procura, que non é outra cousa que a psicanálise.»
A seguir interviu a xornalista Montse Dopico que antes de comezar a conversa co autor cualificou o libro de activista, «forma parte dunha tendencia da literatura galega actual da afirmación do político dende o íntimo», «Un libro que reivindica o dereito á diferenza. Carlos Callón quere ser un activista do desexo e perseguilo». Na súa primeira intervención Callón defendeu a escritura de elexías. «Hai unha frase de Lacan que debería imprimirse en camisolas: "Un só pode sentirse culpable de non seguir o desexo". Eu a poesía que desexo escribir é esta, a pesar de que poeta a quen lle pasei no seu momento algúns destes poemas díxome que “escribir elexías é unha patraña”. Eu penso que chorarmos polas nosas propias perdas é algo indispensable.»
Cando Dopico preguntou sobre as pulsións de vida e de morte que atravesaban todo o libro, Callón afirmou que «todos os meus libros teñen vontade comunicativa, quizais coa excepción do primeiro, sobre a poesía galega de Lorenzo Varela. Este tamén. Son consciente que ten niveis de lectura e o que comprenda cada lector ben entendido está.» «En todo caso son consciente de que “Atravesar o fantasma”, o título do libro,  é un concepto lacaniano. Todo o texto está transido de Lacan.»
Preguntado por Dopico sobre a súa reivindicación dunha sexualidade disidente, Callón confesou que «a miña experiencia homosexual hai vinte anos é moi diferente á dos meus alumnos. Para entender esta mudanza foi radical o caso de Jesús Vázquez “o Bo”. No libro hai poemas daquela época que lembran que non hai eros sen tánatos, tanto para a homosexualidade coma para a heterosexualidade. Eu conto dende min, falo de min, mesmo cando o fago de forma incosciente. Quero que o libro se lea como un poema que fala de min e dende min.» «Non hai eros sen tánatos, continuar vivo é continuar ferido», lembrou facendo referencia ao derradeiro poema dun libro onde as cifras teñen importancia: «35 poemas cando cumprín 35 anos, cinco partes con sete poemas cada unha.» Rematou Callón a súa derradeira intervención dicindo: «unha das mensaxes do libro é a de recoñecermos as fendas, as faltas e que sen ferida non hai vida. Mellor é sabermos e recoñecermos que non hai vida sen ferida.»

12 de mar. de 2015

Da Coruña a Compostela, dunha escrita a outra escrita

Hoxe preséntase en Santiago o poemario Atravesar o fantasma, ás 20.30 h na libraría Couceiro. Nos comezos da semana pasada, ese mesmo título foi tema de conversa na Coruña, nun serán que resultou moi especial. "Entrañábel", dixo unha das presentes. Con certeza, para min foino, e tamén inesquecíbel, aínda que non podo máis que desculparme con toda a xente que non deu entrado na libraría que tan xentilmente nos acolleu.

No acto deste serán contarei coa compaña de Fran Conde (profesor de filosofía na USC e socio da Escola Lacaniana de Psicanálise), Montse Dopico (xornalista cultural, por exemplo no seu portal M_, e voraz lectora) e Manuel Bragado (director de edicións Xerais e unha das persoas que máis sabe en Galiza do mundo do libro, talvez a que máis).

Tamén estarán a directora e o director Alberto Paz Calo e Alba Romero, quen, xunto aos actores Antón Blanco Casás e Miguel Gendre, fixeron posíbel o videopoema "O desexo está na pantalla", que alí se estreará.

Vémonos ás oito e media?