30 de jan. de 2010

Xunta Directiva da Mesa

Esta mañá tivemos reunión da Xunta Directiva da Mesa. Aínda que non puideron asistir todos os compañeiros e compañeiras, aproveitamos para darmos unha conferencia de imprensa reclamando a dimisión dos conselleiros de Educación e Cultura, así como para tirarmos unha foto de grupo.

Aí estamos, de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Eladino Cabanelas (responsábel da Mesa no Carballiño), Elsa Quintas (responsábel da Mesa en Vigo e coordinadora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos), Carlos Outeiro (responsábel da zona de Ferrol e membro de Nais e Pais polo Ensino en Galego), Alexandre Vázquez (coordinador da Mocidade pola Normalización Lingüística), Fernando Iglesias (responsábel da Mesa en Cedeira), Luís Couto (responsábel do grupo do Deza), Susana Romero (vogal da Comisión Permanente, o órgano executivo da dirección), Iria Taibo (secretaria xeral da Mesa), quen isto escribe, Fran Rei (vicepresidente, coordinador de Zonas e coordinador da xestora de Queremos Galego) e Silvana Castro (responsábel da Mesa en Bergantiños). Foi unha mágoa que non puidésemos estar toda a xente! As e os que faltastes, xa sabedes: para a próxima, unha foto de grupo máis completa! ;)

Por outra banda, comento que hoxe ás 19.15 terei unha entrevista en Ràdio Cornellà, por se andades por Barcelona ou por se queredes ouvila a través desta ligazón.

29 de jan. de 2010

Coloquio sobre o decretazo este serán en Rois


Hoxe ás 20.30, estou convidado polo BNG de Rois para ministrar unha conferencia-coloquio (máis o segundo que o primeiro, claro) sobre o decretazo contra o galego. Será no bar As Palmeras.

É importante mantermos aceso socialmente o debate e contraste de información sobre esta agresión contra o noso idioma e o noso sistema educativo.

28 de jan. de 2010

Morreu J. D. Salinger


Acabo de saber, a través do blog de Santiago Jaureguizar, da morte de J. D. Salinger. Lin a súa grande obra O vixía no centeo cando eu comezaba a adolescencia, por fortuna o momento máis propicio para que caese nas miñas mans.

Tiñamos ese libro na casa porque era unha das lecturas obrigatorias de miña irmá na materia de lingua e literatura galega. Entre que escoitara falar marabillas desa novela e que a min nun determinado momento me deu por priorizar a lectura de textos en galego, que tanto escasearan nos anos da miña infancia, decidín comezala. Quedei prendido das súas páxinas e moitos dos seus textos acompañáronme en diferentes e importantes momentos da miña vida.

Como é sabido, un dos grandes misterios do autor é a escaseza de textos publicados, non se sabe se tamén de textos escritos, a pesar de que nos deixou agora con 91 anos. Non hai moito linlle a Harold Bloom unha sentenza severísima para explicalo. Segundo o afamado (e polémico) crítico, o silencio narrativo de Salinger deberíase a que sobre todo contempla, mais que non ten historias que contar.

Eu non concordo. Quen dubide sobre se hai historia ou non, que lea O vixía no centeo.

Os 125 galegos máis influentes

O grupo Correo Gallego situoume, como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, entre os 125 galego máis influentes, en concreto no posto 104. Penso que é a primeira vez que un dirixente desta asociación ocupa un dos postos máis destacados deste ránking anual no que se inclúen políticos, empresarias, escritores, xornalistas etc.

Esta situación paréceme especialmente salientábel despois de que A Mesa padecese tamén os ataques máis fortes dos seus 24 anos de ininterrompida historia e actividade.

Vemos, así, que a pesar das adversidades e das ofensivas, A Mesa segue aí dando a batalla, resistindo e sendo capaz de incidir máis e mellor, ampliando a súa base. Porque a chave de todo está en combinar traballo e persistencia.

Somos unha organización debilitada polo poder (cantos casos hai no mundo en que a maior asociación cultural dun país non teña axudas públicas do seu goberno?!), porén afortalada desde a súa base social.

Se agardan que calemos a boca, o que poden facer é seguir agardando.

27 de jan. de 2010

Nós (L) o ensino en galego

Velaquí o vídeo feito pola plataforma Queremos Galego para plasmar o que aconteceu nas rúas de Santiago de Compostela o pasado 21 de xaneiro.

Pola nosa lingua, nin un paso atrás!

Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro

A histórica agrupación cultural O Galo, de Compostela, acolle hoxe na súa privilexiada sede na praza de San Martiño Pinario a presentación do libro Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro.

O autor do traballo é Xoán Carlos Garrido Couceiro, un activista e pensador polo que teño especial admiración e respecto e do que vos recomendo efusivamente que leades os seus diferentes traballos.

Neste acto, que será ás 20 horas, tamén participará Bautista Álvarez e, agardo, tamén un compañeiro incansábel, que desde a discreción da sala de máquinas fai que moitos importantes proxectos colectivos poidan ir saíndo, facendo posíbel o imposíbel: Marcos Maceiras.

Se andades por Santiago este serán, vémonos alí!

25 de jan. de 2010

Acomplexados e extremistas


Transcribo a continuación, con escasas modificacións, a primeira parte da intervención que realicei no acto final da histórica manifestación para parar o decretazo contra o galego. Agora que estamos con máis forza despois desta inmensa mobilización, cómpre animar tamén a que esta semana enviemos á Xunta miles de alegacións contra este decretazo, como o modelo que propón a plataforma Queremos Galego desde a súa páxina web: www.queremosgalego.org

Bo día, compañeiros e compañeiras.

A verdade, non sei moi ben que facedes aquí. Mirade ao voso redor. Cantos "extremistas"! Canta xente "ensimismada"! Canta xente "acomplejada"! Canta xente que levantades muros a Galiza defendendo a vosa lingua! Canta xente que chegastes tristemente "coaccionados", que non sabíades ben a onde víñades! Canta xente que "coaccionastes" aos vosos compañeiros e compañeiras para que viñesen!

E, así e todo, estades aquí. A pesar desas declaracións insultantes por parte dos representantes do Goberno galego. Un goberno serio, un goberno responsábel, un goberno cívico, realmente pode facer declaracións coma estas, insultando aos que non facemos nada máis que defender o noso dereito básico a aprender a nosa lingua, o noso dereito básico a poder vivir no noso propio idioma?

Dicía aínda esta semana o conselleiro de Cultura (quen debería pór o seu cargo inmediatamente a disposición) que "la cultura gallega vive acomplejada y ensimismada". Vós credes que pode durar un día no cargo un conselleiro ou un ministro de cultura de calquera país do mundo que diga que a cultura propia non vale? Vós credes que duraría unha hora, dúas horas máis, no cargo? Iso é o que estamos a padecer!

O conselleiro de Educación tamén declaraba esta semana que co galego levantamos muros! Os acomplexados, os ensimesmados, os que levantan muros son eles; muros con toda a sociedade, que está hoxe aquí presente.

Esta semana entrevistabámonos co conselleiro de Educación. Dicíanos que toda a comunidade educativa respalda este decretazo contra o galego. Mirade ao voso redor! Hai algún sindicato que respalde este decreto? Hai algunha organización estudantil, algún movemento de renovación pedagóxica, algunha asociación de nais e pais que non estea directamente vinculada co Partido Popular, que respalde este decreto? Ninguén! Ninguén!

Pensade en calquera país do mundo, do planeta Terra, calquera, en que toda unha sociedade reclame unanimemente que unha norma non se aprobe, que non haxa nin unha soa organización sectorial que respalde esta norma. Esa norma sairía adiante? En ningún lugar do mundo! É que non gobernan pensando en Galiza, gobernan pensando no que lle van dicir na rúa Génova de Madrid!

Hoxe hai un protagonismo especial da mocidade, onde todos os informes sinalan unha caída de falantes de galego. A xeración de rapazas e rapaces de hoxe en día é a que menos utiliza o galego de forma espontánea na milenaria historia do noso país. Os datos son contundentes a ese respecto.

Agora ben, eles confúndense cando pensan que un rapaz ou unha rapaza, polo feito de non falar en galego, está en contra do noso idioma. As estudantes e os estudantes estades tendo o protagonismo desta xornada. Levantade as vosas faixas, as vosas cartolinas, as vosas bandeiras! Berrade ben alto que queremos un ensino en galego! Que non vos utilicen como escusa! "Es que a los niños hay que protegerlos de esa lengua tóxica"! Os rapaces e as rapazas, queredes, e así o demostrades, aprender no noso idioma!

O paro, como antes comentou ben o compañeiro Anxo Louzao, é practicamente unánime nas comunidades educativas no ensino público non universitario. Mais tamén hai que salientar de novo o protagonismo dos estudantes. A inmensa maioría das xuntas de delegados dos institutos do noso país posicionáronse libremente contra este decretazo e en defensa do dereito a podermos vivir no noso idioma.

Dicíao antes o compañeiro Anxo Louzao, e dicíao moi ben: No caso de non escoitaren as comunidades educativas, no caso de non escoitaren a sociedade, chamaremos á desobediencia contra este decretazo. Porque desobedecer este decreto significa obedecer o Estatuto, significa obedecer a Lei de normalización lingüística, significa obedecer a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias, significa obedecer os consensos aos que chegamos entre todas e todos.

E aí imos estar a comunidade educativa e, tamén, o conxunto da sociedade. Canta xente hoxe que non traballades no ensino pedistes horas ou collestes tamén un día das vosas vacacións para poderdes asistir a esta mobilización?

Este decreto tamén ten en contra a institucións de prestixio e centenarias, como é a Real Academia Galega. Como pode ser que a Xunta abronque ou critique unha institución como esta por emitir un ditame serio, rigoroso, independente, no cal o único "delito" que comete é non darlle a razón a este goberno?

Como é presentábel que o conselleiro de Presidencia critique a Academia dicindo "es que defiende la inmersión en gallego, defiende la inmersión lingüística"? A inmersión lingüística, señor conselleiro, é un modelo educativo.

Mais queremos facerlle unha pregunta sobre iso: En que comunidade autónoma do Estado español con lingua propia diferente do castelán, en cal non hai proxectos de inmersión lingüística? En Navarra hai, e gobernaban até non hai nada, en Cataluña hai, en Euskadi hai, nas Baleares hai; na comunidade valenciana gobernan vostedes e o 30% dos institutos imparten as súas aulas só en catalán de Valencia. Temos algún defecto de fábrica os galegos, algo que nos impida ter os mesmos dereitos que os cidadáns das outras comunidades autónomas con lingua propia? Exclamemos ben alto que non! Que temos os mesmo dereitos!

Como pode atreverse o señor Alfonso Rueda, o señor conselleiro de Presidencia deste goberno que non nos merecemos, a abroncar á Academia Galega? Un señor que ía ás manifestacións en contra da lingua galega, onde non falaban de defender o dereito de ninguén, senón de retirarnos aínda máis o dereito a podermos utilizar o noso idioma. Unha manifestación en contra do galego, a de febreiro do ano pasado, na cal Alfonso Rueda, o brazo dereito de Núñez Feijóo, ía collido da man da Falange. O mesmo señor que nomea como altos cargos a persoas que non hai moito foron en listas electorais da Falange, ese partido que xa sabemos que tanto defende "el bilingüismo" e "el trilingüismo", e ben o padecemos tantos anos no noso país!

24 de jan. de 2010

O soneto 66 de Shakespeare

No final da miña intervención na praza do Obradoiro o pasado 21 de xaneiro, citei os dous últimos versos do soneto 66 de Shakespeare. O poema é unha exhausto laio ante a inxustiza e como o poder logra colocar o mundo ao revés. Fronte a iso, amósanos un camiño de esperanza última: hai que resistir para non deixar só a quen se ama:

Tired with all these, from these would I be gone,
save that, to die, I leave my love alone.


Este soneto foi elevado a símbolo en determinados círculos culturais na resistencia contra o nazismo, até o punto de que hai quen o denominou a "Lili Marleen dos intelectuais", segundo explica nunha interesante e documentada entrada no seu blog a historiadora Rosa Sala Rose.

Déixovos aquí dúas xeniais e sobrecolledoras interpretacións dunha versión alemá deste soneto por parte do Berliner Ensamble, con música de Rufus Wainwright e dirección de Robert Wilson:





LXVI

Tired with all these, for restful death I cry,
as, to behold desert a beggar born,
and needy nothing trimm'd in jollity,
and purest faith unhappily forsworn,
and guilded honour shamefully misplaced,
and maiden virtue rudely strumpeted,
and right perfection wrongfully disgraced,
and strength by limping sway disabled,
and art made tongue-tied by authority,
and folly doctor-like controlling skill,
and simple truth miscall'd simplicity,
and captive good attending captain ill:
Tired with all these, from these would I be gone,
save that, to die, I leave my love alone.