27 de jul. de 2011

O xulgado, co apoio da Fiscalía, desestimou a denuncia do xuíz decano da Coruña

O 26 de xuño de 2008 varios xornais reproducían as palabras que se poden ver na imaxe.

Como non podía ser doutro xeito, desde A Mesa pola Normalización Lingüística criticamos con dureza que un maxistrado puidese afirmar que había leis que incumpría descaradamente.

Esas declaracións do xuíz decano, Antonio Fraga Mandián, hai que enmarcalas ademais nunha denuncia que presentara o xuíz contra un veciño que pedira a documentación en galego e co topónimo oficial. Si, xa sei, canto máis se relé o comezo deste parágrafo máis parece o mundo ao revés. Non te estrañes. É o mundo ao revés.

O disparate continuou cando este maxistrado decidiu denunciarme por criticalo. Xa se sabe: Se defendemos o noso idioma, inxuriamos. Onde se viu que teñamos dereitos e que os reclamemos?

Mais o xulgado non permitiu que continuase esta inxustísima criminalización e decidiu -co apoio da Fiscalía- arquivar esa denuncia, pola cal eu tivera que comparecer o verán pasado.

Hai moitas cousas que podemos concluír deste caso. Unha, moi importante, é que a pesar de todas as campañas de difamación que padeceu A Mesa, a xustiza sempre ratificou a plena legalidade e corrección das nosas actuacións. Sempre.

E así seguiremos. Dixémolo moitas veces e dirémolo as veces que fixeren falta: Non nos calarán!

Nenhum comentário:

Postar um comentário