1 de out de 2012

Só faltan vinte días


Restan só vinte días para que poidamos conseguir pasar a páxina do nefasto goberno de Alberto Núñez Feijóo e tamén para lle podermos enviar unha mensaxe clara ao seu xefe Mariano Rajoy. Son vinte días nos cales temos que traballar arduamente, tanto na rede como, sobre todo, na rúa. Cómpre que se saiba o que significou e significa esta forma de gobernar a base de mentiras, centralismo e imposición do catecismo neoliberal.

Unha páxina que cómpre divulgarmos entre toda a nosa xente (por favor, que rule nas redes sociais, nos correos electrónicos, no boca a boca!) é Feijoo2012.com.

Xa, pode parece estraño que recomende un web que teña ese nome, mais non é en absoluto un espazo propagandístico, senón un auténtico baño de realidade sobre a biografía de Feijóo, sobre a súa acción de goberno que non nos transmiten os medios de comunicación sometidos á peneira do PP, sobre os verdadeiros resultados da súa xestión, sobre a súa colección de mentiras, etc.

Só faltan vinte días e o match point pode estar en moi pouquiños votos, os que ti podes conseguir.

Adiante!


Nenhum comentário:

Postar um comentário