12 de out de 2012

Protesta contra a manipulación informativa da CRTVG!

Enviemos todas e todos un texto como o que se indica a acontinuación ao enderezo dx@crtvg.es, pertencente ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. A proposta provén dunha campaña presentada hoxe pola Mesa.

Prezado señor Sánchez Izquierdo:

O pasado día dez de outubro, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un informe sobre a situación do ensino en galego na educación infantil das nosas cidades. Segundo este relatorio, que en ningún momento foi negado polo Goberno galego, nos últimos anos produciuse unha caída en picado do uso do noso idioma: só 3% deses centros declaran impartir na lingua de Galiza, o cal resulta a porcentaxe máis baixa da nosa historia autonómica e tamén moitísimo máis baixa que en ningunha outra comunidade autonóma con idioma propio diferente do español.

Estes datos saíron en todos os medios de comunicación de Galiza e en varios de fóra do noso país, porén foron censurados nos informativos da Radio Galega e da TVG, igual que se censura ou manipula todo posicionamento que sexa diverxente ás teses do Partido Popular (en todo o ano 2012, por exemplo, a TVG só cubriu unha única conferencia de imprensa da Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza). É rechamante que tanto o mesmo día 10 de outubro como o 11 de outubro, a pesar de que censurasen esta información, si servisen de megafonía a declaracións de José Ignacio Wert como de Alberto Núñez Feijóo sobre a lingua do ensino en Cataluña.

Nun momento como o actual, en que a nosa nación se encontra en plena campaña electoral, é máis importante que nunca que a sociedade galega poida contar cunha información diversa, plural e veraz nos medios públicos autonómicos. Reclámolle por todo iso que tome as medidas precisas para garantir esa diversidade, pluralidade e veracidade e que, como primeiro e significativo exemplo desa mudanza, pase a ofrecer o debido espazo nos informativos a este estudo sobre a caída do ensino no noso idioma na educación infantil debido ao goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Cumprimentos cordiais,





Nenhum comentário:

Postar um comentário