4 de jul. de 2011

Catro meses despois

Catro meses e poucos días despois de comezar as xestións, poderase facer a presentación en Madrid do libro En castellano no hay problema. Claro que, para iso, houbo que desistir na tentativa de que cedese un espazo a Casa de Galiza, que é a Delegación da Xunta en Madrid.

O 18 de maio pasado xa comentaba neste blogue a surrealista chamada que fixera para tentar avanzar nas xestións, coa tremenda resposta de que non ían dar autorización até que o delegado da Xunta na capital do Estado, José Ramón Ónega, terminase de ler o libro, que previamente lle houbo que enviar. Pasaron as semanas desde esa chamada; pasaron catro meses desde que houbo o primeiro contacto para realizar esa actividade, mais o volume aínda non superou a censura previa. A semana pasada aínda queimei os últimos cartuchos antes de denunciar esta situación publicamente, mais Ramón Jiménez, da Delegación da Xunta, volveume a negar ese espazo público.

Por iso, as persoas que esteades mañá por Madrid e queirades participar no acto, poderedes achegarvos ao Centro Galego da rúa Carretas, nº 14, 3º andar. Será ás 19.30 h coa compaña do deputado Francisco Jorquera.

Mais a cousa non termina aquí. O persoal da Delegación da Xunta en Madrid négase a atender en galego mesmo a quen llo solicita explicitamente. Por iso, A Mesa realiza o convite de chamar á Casa de Galiza, ao número 91 595 42 00, e solicitar que nos respondan en galego, lingua propia e oficial da Administración autonómica.

3 de jul. de 2011

Jo que sóc més català...

Chámanse Els Catarres e esta é a súa versión de Romeo e Xulieta:

Combinamos mañá ás 20 h no Toural!

Lembra que esta segunda feira (luns) ás 20 h se vai realizar unha concentración en defensa do galego nos medios de comunicación. O acto fecharao Miguel Anxo Fernán Vello coa lectura dun manifesto.

Non faltes! Movámonos en defensa do noso idioma!

Por outra banda, deixo aquí o vídeo da presentación do ilusionante proxecto Sermos Galiza. Tampouco faltemos á hora de lle dar apoio e alento!

2 de jul. de 2011

Conde Roa ten obrigas

Xerardo Conde Roa (eu agora úsolle o nome en galego porque esa foi a súa opción na campaña electoral) xa é alcalde de Compostela. Pode continuar polo camiño dos exabruptos e os excesos verbais diversos ou pode corrixir algo a súa actitude e procurar consensos e puntos de encontro.

O seu discurso de toma de posesión non é un bo indicio. Non só polo demagóxico ou -aínda peor- irracional dalgúns contidos, senón pola escolla nada inocente do seu continente: case nada en lingua galega.

Por iso hoxe desde A Mesa lle recordamos ao novo alcalde de Santiago de Compostela que ten obrigas e que agardamos que as cumpra. Tamén lle lembramos que o uso normal do noso idioma por parte do mandatario compostelán ten unha longa tradición en democracia, que se remonta cando menos ao derradeiro alcalde republicano da capital de Galiza, o nacionalista Ánxel Casal.

Entrevista na Voz da Barbanza e presentación en Ribeira, dentro dos actos do Orgullo

Esta fotografía publícaa hoxe a Voz de Galicia da edición da Barbanza e Muros-Noia para ilustrar unha ampla entrevista de María Xosé Blanco sobre a saída do libro Amigos e sodomitas (que se presenta hoxe ás 19 h en Ribeira) e tamén sobre a situación do noso idioma.

A igrexa que aparece detrás é a de San Paio de Carreira, a onde acudía meu pai cando era pequerrecho, xa que naceu no lugar de Laxes. Escollín ese espazo non só por esas vinculacións afectivas e familiares, senón tamén porque un dos capítulos do libro está dedicado á advocación dese mártir galego.

Se andardes hoxe por Ribeira, xa sabedes que hai numerosos actos para celebrarmos e reivindicarmos o Día do Orgullo LGTB. Poucos concellos do mundo das dimensións desta vila teñen un programa tan amplo! Xa sabedes: os actos comezan ás 16 h na Taberna do Riaso e estenderanse até as 3 da mañá na festa no aparcadoiro da UAD en Coroso.

1 de jul. de 2011

Recuperemos a ilusión!


Eu xa levaba o día de hoxe máis animado porque vou asistir á cea que organizan as compañeiras e compañeiros de Queremos Galego de Marín, sempre en disposición de daren guerra sen perder o sorriso. Abofé que as ganas e o entusiasmo se contaxian.

Mais a xornada, a pesar de ziguezagueante nos compromisos, xa se alegrou de vez coa aparición de Sermos Galiza, un proxecto para un espazo de comunicación galego e en galego que cómpre apoiarmos con todas as nosas forzas.

Neste mesmo camiño vai tamén a concentración que convocou A Mesa para a vindeira segunda feira (luns) 4 de xullo en defensa do galego nos medios de comunicación. Será ás 20 h na praza do Toural de Compostela. Asistamos e divulguémola!

30 de jun. de 2011

A derradeira presentación de En castellano no hay problema

Se non vistes a maxistral intervención de Francisco Jorquera no Debate do Estado, por favor non a perdades:



Despois de lle dardes ao play, comprenderedes que é para min unha satisfacción que Francisco Jorquera me apadriñe a presentación en Madrid do libro En castellano no hay problema. Será a vindeira terza feira (martes) 5 de xullo ás 19.30 h no Centro Galego de Madrid (Carretas, 14, 3º andar).

En poucos días contarei por aquí o tortuoso proceso para pedir un lugar onde poder realizar este acto na capital do Estado. Finalmente, faise no Centro Galego pagando eu a sala, despois dunha negativa de meses da Casa de Galiza que depende da Xunta para acoller a presentación desta obra.

Se andardes por Madrid ou coñecedes xente que estea por aló e lle puider interesar, por favor non deixedes de convidalos ou convidalas. Por exemplo, a través do facebook, onde se creou este evento.

Esta presentación será a derradeira da "xira" de En castellano no hay problema. Derradeira/o, como sabedes, é un adxectivo que hai que utilizar con tento en galego para non confundir con último; por desgraza, esta semana tivemos que botar man del máis do desexábel. Neste último caso, non é por nada triste, senón porque hai que dar paso a novos proxectos. Porén, quero matizar que será a derradeira cando menos "en solitario", pois no libro En castellano no hay problema penso que se conteñen algúns textos que axudan a comprender e socializar de onde veñen e cal é o sentido dos ataques contra o galego que estamos a padecer nestes momentos, polo que continuará a ser unha referencia nos vindeiros actos públicos en que teña que falar do idioma de noso.

O pronunciamento oficial da Real Academia Galega sobre o peche de Galicia Hoxe

Un pronunciamento oficial moi necesario e moi útil. É bo que se coñeza masivamente!

O peche de medios de comunicación, un empobrecemento colectivo


Perante o peche de Galicia Hoxe, xornal de información xeral, escrito na súa integridade no idioma galego, a Real Academia Galega considérase na obriga de expor ante a opinión pública e as institucións de Galicia unha chamada de inquietude, alerta e responsabilidade:

1. O devandito peche de Galicia Hoxe non é un feito illado, senón que vén precedido da desaparición doutros medios do espazo de comunicación en galego, sinaladamente o xornal dixital Vieiros e as revistas A Peneira e A Nosa Terra, de información xeral. Todos eles, algúns dos poucos e principais vimbios que termaban dun espazo de comunicación na lingua propia de Galicia.

2. Estamos, pois, ante algo máis que un síntoma preocupante ou que un "dano colateral" producido como efecto da crise económica. A concorrencia de peches ten a dimensión dun devalo brutal, dunha catástrofe no espazo da comunicación, que afecta á supervivencia e espallamento do idioma de Galicia, que limita a imprescindíbel pluralidade nunha sociedade democrática, que supón unha perda empresarial e empobrece e pon en precario, aínda máis, a situación dos profesionais e traballadores no eido xornalístico.

3. Os bens e medios de comunicación son un elemento basilar no uso público dunha lingua e a historia da normalización do galego a través dos xornais ofrécenos unha cartografía na que nos situar no mundo. Porque os medios de comunicación son un baremo decisivo para medir o estado xeral dunha sociedade, do seu apagamento ou da saída á luz. Cando un xornal se silencia, cando son varios os que se acalan, é a sociedade e o país enteiro o que pode ficar ermo, sumido nun foxo histórico anacrónico, sen pulso de liberdade.

4. As institucións públicas, e nomeadamente o Goberno galego, non poden quedar pasivas ante este devalo, que ten tan graves consecuencias en todos os eidos, no futuro lingüístico e cultural, mais tamén no social, empresarial e dos dereitos democráticos. O Goberno galego, co resto das institucións políticas, non pode adiar máis as súas responsabilidades. Ten que desenvolver e regular de xeito transparente as obrigas que se derivan do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística e do Plan xeral de normalización da lingua galega, que declara explicitamente como un dos seus obxectivos o de iniciar un proceso de incremento anual e constante do uso do galego nos medios de comunicación públicos e privados que supere a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural. As prestacións, a publicidade, as subscricións, e outros recursos públicos, deben distribuírse con rigor e xustiza, de xeito claro e con supervisión de organismos independentes, tendo en conta sempre, como un valor engadido, o apoio ao uso do idioma galego. Por ser unha esixencia legal democrática, ao estar nunha desigualdade de condicións históricas.

5. A RAG, tal como fixo no 2001, co texto "Propostas da Real Academia Galega ao Goberno e mais ao Parlamento de Galicia", elaborará un novo informe que afonde nas causas e posíbeis solucións ante o devalo do espazo da comunicación en Galicia.

A Coruña, 30 de xuño de 2011