2 de jul de 2011

Conde Roa ten obrigas

Xerardo Conde Roa (eu agora úsolle o nome en galego porque esa foi a súa opción na campaña electoral) xa é alcalde de Compostela. Pode continuar polo camiño dos exabruptos e os excesos verbais diversos ou pode corrixir algo a súa actitude e procurar consensos e puntos de encontro.

O seu discurso de toma de posesión non é un bo indicio. Non só polo demagóxico ou -aínda peor- irracional dalgúns contidos, senón pola escolla nada inocente do seu continente: case nada en lingua galega.

Por iso hoxe desde A Mesa lle recordamos ao novo alcalde de Santiago de Compostela que ten obrigas e que agardamos que as cumpra. Tamén lle lembramos que o uso normal do noso idioma por parte do mandatario compostelán ten unha longa tradición en democracia, que se remonta cando menos ao derradeiro alcalde republicano da capital de Galiza, o nacionalista Ánxel Casal.

5 comentários:

  1. Amigo Carlos, son amigo das cousas claras e o chocolate, espeso. Ou o que é o mesmo, camiñar sempre coa verdade por diante.
    Paréceme moi ben e subscribo que o señor Conde Roa, como alcalde do Concello de Santiago, debería usar máis o galego, pero é unha mágoa que lle pida iso a este alcalde do PP e mirase para outro lado, cando como na lexislatura pasada o señor Losada e o señor Caballero, os dous do PSOE e gobernado con apoio do BNG, nin vostede nin o citado partido, lles refrescasen esa obriga.
    Son estas cousas, mesmo como agora asinar seis mil galegos e galegas un manifesto pola desaparición de Galicia Hoxe, cando se pechou é porque non vendía nin 300 exemplares. Descoñezo se a Mesa estaba subscrita, pero o BNG dende logo non.
    Perdoe que non asine, pero hai moito "buitre" solto.

    ResponderExcluir
  2. O BNG mercaba o Galicia Hoxe a diario; para ser máis exactos, dous exemplares diarios.

    ResponderExcluir
  3. Que asco me das carlitos

    ResponderExcluir
  4. Xa sen entrar nos super argumentos do comentario precendente (acho que non paga moito a pena), simplemente quixera aclararlle ao primeiro anónimo (polo que comenta, "obrigado" a exercer como tal) o seguinte:
    Como responsábel da Mesa na zona da Coruña que fun ao longo dos últimos anos (coincidindo, por tanto, coa etapa do goberno de coalición PSOE-BNG en María Pita) pódoche asegurar que A Mesa non mirou para outro lado nin deixou de facer o seu traballo: aí están como proba as constantes denuncias públicas (remitidas tamén a cada unha das concellarías correspondentes) cada vez que unha campaña ou iniciativa municipal excluíu o uso da lingua galega (por desgraza, demasiadas veces); a constante presión feita para a restauración do rueiro urbano e da microtoponimia propia dentro do municipio da Coruña; o uso do galego e a fin da toponimia deturpada na megafonía da estación de autobuses; as propostas para o uso do galego na Compañía de Tranvías, e un longo etcétera. Se non se fixo máis foi, sinxelamente, porque a nosa capacidade é a que é e a implicación no traballo debe ser maior e máis constante, pois desde un grupo pequeno de persoas poden facerse moitas cousas, mais non todas as cousas. O que non podo admitir é que se diga que "se mirou para outro lado", porque non é verdade e é unha valoración moi inxusta para as persoas que si estivemos a traballar.
    Coñezo menos de perto o traballo desenvolvido polas compañeiras e compañeiros da Mesa en Vigo, mais cónstame ben o seu compromiso e, por iso, a súa consciencia de que nesta lexislatura pasada as cousas se puideron facer no tocante á nosa lingua mellor do que se fixeron. Si sei que no caso concreto do señor Caballero mandáronselle varias cartas e solicitáronselle varias entrevistas para "refrescarlle" as súas obrigas. Nunca respondeu. Se non nos quere recibir, haberalle que preguntar a el. Desde A Mesa fixemos e facemos o noso traballo -o mellor que podemos, o mellor que sabemos. Posibelmente con moitos erros. Para iso é imprescindíbel que quen ten propostas concretas para mellorar as eivas nolas faga chegar e, por que non, que colabore connosco no día a día do funcionamento da Mesa. Todas as mans son benvidas!

    ResponderExcluir
  5. Concordo punto por punto co sinalado por Fran Rei. Ao que el sinala aínda poderiamos pór máis exemplos.

    Sobre o de asinar ou non, alá cada un. Quen non asina é porque non se fai responsábel do que di sen dicir.

    Sobre o apoio a Galicia Hoxe, pouco máis teño para dicir. Se alguén pensa que non apostaba por ese diario, que consulte o arquivo deste blogue. Era o que faltaba!

    Sobre o do terceiro anónimo tampouco digo nada máis que: Grazas por te pasares! ;)

    ResponderExcluir