Mostrando postagens com marcador Ánxel Casal. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Ánxel Casal. Mostrar todas as postagens

5 de fev. de 2015

Atravesar o fantasma, nomeado para os premios Ánxel Casal


A Asociación Galega de Editores entrega uns galardóns co que considera o mellor da produción editorial en galego do ano pasado e que levan o nome da pedra basilar da edición no noso idioma: Ánxel Casal.

Estou agradecido e honrado por escolleren Atravesar o fantasma entre as obras finalistas para o galardón da mellor obra de poesía ou teatro de 2014, xunto con estoutros magníficos traballos: Onde nunca é mañá de Manuel Álvarez Torneiro, Anamnese de Eli Ríos, Dun lago escuro de Marta Dacosta e Os privilexios dos sonámbulos de Pablo Bouza. Que me sitúen con tal elenco xa é un premiazo!

Grazas, moitas grazas, pola acollida!

23 de fev. de 2012

Señor alcalde, queremos galego!

Esta mañá estiven cun grupo de catro veciñas de Compostela nadas fóra de Galiza. Dúas proceden da Bretaña, unha da Arxentina e outra de Cataluña, mais as catro saben falar en galego, deféndeno e queren que o alcalde de Santiago tamén o utilice.

Aproveitamos a data de hoxe por ser tamén un 23 de febreiro cando, en 1936, Ánxel Casal fixo historia para o noso idioma: foi o primeiro alcalde contemporáneo que falou en galego nun acto institucional; ademais, comezou a usalo nada máis ser elixido para o cargo e nun momento en que a lingua de Galiza aínda non tiña ningún recoñecemento xurídico.

Oxalá non só Xerardo Conde Roa, senón todas as alcaldesas e alcaldes da Galiza de hoxe, tomen exemplo do compromiso ético e cívico de Ánxel Casal.

22 de fev. de 2012

Os alcaldes democráticos de Compostela falaron en galego desde Ánxel Casal

Ya en la presidencia el nuevo Alcalde pronuncia en gallego unas breves palabras agradeciendo el honor que con el cargo recibía y anunciando la imparcialidad con que lo ejercería.
Así recolle a acta do Concello de Santiago de Compostela o momento en que, por vez primeira na Idade Contemporánea, un alcalde fixo uso institucional e solemne do idioma propio de Galiza. Era o 23 de febreiro de 1936 e a nosa lingua aínda estaba proscrita de calquera uso oficial, motivo polo que xestos coma este cobran aínda unha maior importancia.

O alcalde nacionalista de Santiago de Compostela en 1936, asasinado poucos meses despois polos insurrectos, iniciou así unha tradición que tería continuidade décadas máis tarde. Todos os alcaldes democráticos da capital de Galiza usaron o idioma do país no exercicio dos seus cargos. Mellor dito, isto foi así até Xerardo Conde Roa, que na actualidade despreza o galego de xeito consciente e meditado, mesmo en actos protocolarios onde os representantes doutras institucións si o usan.

Por ese motivo, mañá pola mañá estarei cun grupo de veciñas e veciños de Compostela que lle van pedir ao alcalde que use a lingua galega. Non lle poderemos trasladar a petición directamente porque, a pesar de que ten a solicitude de entrevista entregada por rexistro desde hai meses, non quere nin recibirnos. Rechamante proceder de quen xa tivo tempo para intercambiar opinións e complicidades cunha entidade que ten como único e lamentábel motivo da súa existencia atacar o galego.

As veciñas e os veciños con quen estarei mañá, ademais de faceren entrega dun escrito, deixarán tamén o seu propio testemuño de vida: son persoas procedentes de fóra de Galiza (Arxentina, Francia, Cataluña...), mais que saben galego, queren usalo e consideran que o alcalde de Compostela tamén debería dar exemplo na defensa do noso. Non é tanto pedir!

17 de ago. de 2011

Recordemos o xenocidio franquista



Hoxe é o Día da Galiza Mártir, que non ten a conmemoración oficial que debería en todo o país, só coa excepción do realizado por algunhas institucións municipais e polo asociacionismo de base (ese que non está representado no Consello da Cultura).

Fanse este 17 de agosto os 75 anos do fusilamento de Alexandre Bóveda por nacionalista. Esta sexta será tamén o aniversario polo asasinato polo mesmo motivo de Ánxel Casal, que se conmemorará ás 12.30 h na rúa do Vilar, 15, de Compostela, diante de onde ten o seu local actual A Mesa pola Normalización Lingüística. Aliás, na miña vila, Ribeira, tamén se recordará o xenocidio franquista este sábado 20 ás 20.30 h na rúa Alexandre Bóveda.

Un dos apoios centrais polos que o fascismo puido acometer este masacre e se asentou en Galiza e no conxunto do Estado veulle da xerarquía eclesiástica e do Vaticano, como ben o retrata Luís Seoane nos debuxos que encabezan esta entrada.

Sería un bo xesto que Joseph Ratzinger aproveitase a suntuosa reunión católica en Madrid destes días para examinar as barbaridades de que foi responsábel a xerarquía eclesiástica no Estado español, pedir perdón e amosar un propósito de emenda. Actuar doutro xeito sería ir contra o corazón mesmo das mensaxes de Xesús Cristo que conteñen os Evanxeos.

2 de jul. de 2011

Conde Roa ten obrigas

Xerardo Conde Roa (eu agora úsolle o nome en galego porque esa foi a súa opción na campaña electoral) xa é alcalde de Compostela. Pode continuar polo camiño dos exabruptos e os excesos verbais diversos ou pode corrixir algo a súa actitude e procurar consensos e puntos de encontro.

O seu discurso de toma de posesión non é un bo indicio. Non só polo demagóxico ou -aínda peor- irracional dalgúns contidos, senón pola escolla nada inocente do seu continente: case nada en lingua galega.

Por iso hoxe desde A Mesa lle recordamos ao novo alcalde de Santiago de Compostela que ten obrigas e que agardamos que as cumpra. Tamén lle lembramos que o uso normal do noso idioma por parte do mandatario compostelán ten unha longa tradición en democracia, que se remonta cando menos ao derradeiro alcalde republicano da capital de Galiza, o nacionalista Ánxel Casal.