Esta fotografía publícaa hoxe a Voz de Galicia da edición da Barbanza e Muros-Noia para ilustrar unha ampla entrevista de María Xosé Blanco sobre a saída do libro Amigos e sodomitas (que se presenta hoxe ás 19 h en Ribeira) e tamén sobre a situación do noso idioma.A igrexa que aparece detrás é a de San Paio de Carreira, a onde acudía meu pai cando era pequerrecho, xa que naceu no lugar de Laxes. Escollín ese espazo non só por esas vinculacións afectivas e familiares, senón tamén porque un dos capítulos do libro está dedicado á advocación dese mártir galego.
Se andardes hoxe por Ribeira, xa sabedes que hai numerosos actos para celebrarmos e reivindicarmos o Día do Orgullo LGTB. Poucos concellos do mundo das dimensións desta vila teñen un programa tan amplo! Xa sabedes: os actos comezan ás 16 h na Taberna do Riaso e estenderanse até as 3 da mañá na festa no aparcadoiro da UAD en Coroso.