Mostrando postagens com marcador Rubén Cela. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Rubén Cela. Mostrar todas as postagens

24 de mar. de 2011

Pola paz


Collo estas tres elocuentes fotografías do blogue de Rubén Cela, que inclúe tamén na súa páxina outras instantáneas que amosan á perfección a hipocrisía dos pacificadores a bombazos.

Lembrade que hoxe hai concentracións convocadas nas sete cidades, Foz e Vilagarcía. Movámonos contra a guerra, contra o imperialismo.

30 de jun. de 2009

O feche do programa Entendo e a homofobia do PP


En novembro de 2008, a Dirección Xeral de Xuventude do bipartito, encabezada polo nacionalista Rubén Cela, puxo en andamento o programa Entendo, para dar asistencia xurídica, médica e psicolóxica ao colectivo de lésbicas, gais, bisexuais e transexuais.

Nunha carta ao director en Xornal de Galicia de hai uns días, advertíase dunha grave decisión gobernamental de Núñez Feijóo que debe ter resposta social. Resulta que unha das primeiras medidas adoptadas pola Dirección Xeral de Xuventude do PP foi fechar o programa Entendo, aínda que ás caladas, sen anuncialo en ningures. Como ben di a autora da carta ao director, "non por esperado deixa de resultar frustrante que o Executivo da actual Xunta actúe dun xeito tan retrógrado e hipócrita", xa que "unha alta porcentaxe de votantes e contribuíntes foron deixados sen as prestacións e asistencia que anteriormente recibían".

Parece que, nestes momentos, só o espazo web do programa Entendo continúa operativo. Curiosamente, mentres redixo estas liñas, nesa páxina fálase da "Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar", do anterior goberno.

O seguinte que poden tentar desmantelar desde o PP, tamén ás caladas e seguramente máis levándoos a un declinio constante que a un feche dun día para outro, son os centros Quérote, que tamén puxo en marcha esa área xestionada polo BNG na anterior lexislatura.

Propoño inundar de correos-e ao presidente da Xunta (presidente@xunta.es) cunha redacción máis ou menos como esta, que podedes copiar e colar ou mudar segundo o voso criterio:

Señor presidente:

Diríxome a vostede para lle manifestar a miña preocupación polos retrocesos que se están a producir baixo o seu mandato no referente aos dereitos do colectivo LGBT (lésbicas, gais, bisexuais e transexuais). Non podo máis que lamentar que nos seus primeiros cen días como presidente só levase a cabo políticas para desprotexer aínda máis este colectivo de cidadáns e cidadás, camiñando no sentido contrario ao que avanza o resto do mundo.

Ademais de ser esta a primeira vez nos últimos catros anos que o Goberno galego non celebra oficialmente o Día do Orgullo, acabo de saber que unha das primeiras medidas da Dirección Xeral de Xuventude foi fechar o programa Entendo, sen dar explicacións de ningún tipo. Reclámolle que este proxecto que daba unha necesaria asistencia xurídica, médica e psicolóxica ao colectivo LGBT se retome e sexa reforzado.

Quero tamén manifestarlle a miña preocupación polo futuro dos centros Quérote, un servizo útil e moi ben recibido polo inmensa maioría da sociedade, que se puxo en andamento nos últimos anos. Sería lamentábel que, por presións ultracatólicas, esta rede de centros fose fechada, sometida a unha reformulación moralista ou diminuída na súa capacidade de atención e acción.

Agradecéndolle a súa resposta e que tome en conta ás miñas reclamacións, despídome con cumprimentos cordiais.

28 de jan. de 2009

Apoloxía da prostitución?

Levar a unha conferencia a unha muller que no seu día exerceu a prostitución, para falar de calquera tema, é "apoloxía da prostitución"? A verdade, paréceme bastante fóra de lugar tal idea, por non dicir unha condenábel persecución ad mulierem.

Cómpre ter presente que, á marxe do debate sobre a legalización/abolición da prostitución, tanto os organizadores como os asistentes sinalan que en ningún momento se falou diso en todas as xornadas. Como se pode explicar entón tal denuncia, realizada sen tan sequera informarse previamente, sen asistir para ver o que alí se dicía?

En Facebook creouse un grupo para "denunciar a denuncia", cun texto bastante contundente, co que concordo:

A ultra-moralista presidenta de Alecrín, Ana Míguez, acava de denunciar à Vicepresidência da Junta de Galiza por apologia da prostituiçom. O motivo, as jornadas 'sexuando', nas que foi invitada a escritora, ex-prostituta e activista polos direitos das trabalhadoras sexuais, Valerie Tasso. (...)

Entendemos que posiçons como as defendidas por Alecrín partem dumha visom profundamente conservadora do feminismo, da sexualidade e da prostituiçom, que em nada ajuda à luita contra a explotaçom e o tráfico sexual, e que em nada ajuda à luita polos direitos das trabalhadoras sexuais.

Apostamos por fórmulas de protecçom social e de auto-organizaçom frente à explotaçom e o tráfico sexual das pessoas trabalhadoras sexuais-migrantes, à margem de prejuícos morais patriarcais que nada tenhem a ver co [que] nós entendemos por feminismo.

Nom à explotaçom e ao tráfico sexual!
Nom aos CIES (cárceres de internamento de migrantes)
Nom à expulssom das sem papéis!
Si aos direitos das trabalhadoras sexuais migrantes!
Direito ao próprio corpo!
Pola despenalizaçom e o reconhecimento de direitos!

23 de jan. de 2009

Palestina: o xenocidio continúa


Recoméndovos encarecidamente o artigo do Eduardo Galeano que desde a CIG traduciron para o galego, so o título "Operación Chumbo Impune". Cada liña convida á reflexión.

O director Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Xunta, Rubén Cela, escribiu un outro artigo, publicado en Vieiros, que reflexiona sobre a situación actual en Palestina. Hai un parágrafo que na miña opinión é especialmente importante:

Palestina non é hoxe simplemente o nome dunha nación ou dun conflito pasaxeiro ou puntual, é a metáfora dun sistema político e económico hexemónico no planeta, onde a violencia, a ocupación e a opresión son consubstanciais ao mesmo. A diferenza é que as cloacas dese sistema en Israel están na superficie.

Que opinades?

5 de jan. de 2009

Adhirámonos ao boicote a Israel

O artigo desta semana en Galicia Hoxe, "Boicote a Israel", céntrase nas posibilidades de reaccionarmos desde Galiza contra o masacre de Palestina.

Desmontar a propaganda de guerra, solidarizármonos a través das mobilizacións, exixirlle ao Estado español que non autorice a venda de armas a Israel e apoiar a campaña de boicote aos produtos deste país e das empresas que fagan negocios alí. Coido que estes son os principais camiños que podemos seguir.

Algunhas das grandes marcas afectadas son Nanas, Alcampo, Carrefour, Coca-Cola, Danone, Motorola, L'Oreal, Nestlé, Nokia, Calvin Klein e Jonhson & Jonhson. Aquí tedes unha listaxe completa.

Ademais, podemos estar atentos/as para non mercarmos produtos fabricados en Israel. Son sobretodo froitas e verduras, viños, cosméticos e materiais agrícolas. Recoñécense a través da cifra 729 na parte de diante do código de barras.

2 de jan. de 2009

Hawai - Gaza

Recoméndovos o artigo de Rubén Cela en GzNación sobre a situación en Palestina e as vacacións de Barack H. Obama.

José Saramago escribiu tamén no seu caderno un texto sobre o conto que o futuro presidente dos USA lle podería relatar ás súas fillas nestas noites hawaianas.

(A fotografía que poño aquí tirouna Rubén Cela na pasada terza feira, na concentración de apoio a Palestina na praza do Toural de Santiago.)