24 de nov de 2014

Música para a segunda feira: Apenino



Fascíname o tema "Conversa ultramarina" de Apenino, baseado na obra homónima de Lois Pereiro.


22 de nov de 2014

Nanowrimo 2015


Non finalizou o mes, porén si finalizou xa a miña experiencia Nanowrimo. A tentativa serviume para lle dar para adiante... a outros proxectos. Así que non son pesimista. Non fixen o Nanowrimo en 2014, vouno marcando na axenda para 2015 :)

17 de nov de 2014

Música para a segunda feira: Guadi Galego

Na miña casa converteuse nunha especie de banda sonora dos últimos días. Tanto é así que paseando por Santiago vin unha das que aparece no vídeo e case lle pido un autógrafo :)

Supoño que xa o ouviríades quen pasades por aquí, pois só en Youtube xa vai a máis de 5.000 visitas por día:


9 de nov de 2014

"É nove de novembro". Artigo para Sermos Galiza


Aínda que os medios españois se empeñen en caricaturizalo como "el desafío de Artur Mas", o amplísimo movemento social que fixo posíbel a consulta independentista está encabezado por dúas mulleres: Muriel Casals, a presidenta de Òmnium Cultural, e Carme Forcadell, a presidenta da Assemblea Nacional Català. Elas amósannos, de novo, que se conxuga en feminino a parte da humanidade que marca o paso da ousadía, que se atreve a viaxar cara a horizontes que os cálculos a curto prazo nunca deixarían enxergar. Iso é así malia os focos se deteren sobre todo no protagonismo político daquela parte da humanidade que ten máis pelos na cara.

Mais vou pararme noutras cuestións. Supoño que as persoas que estades a ler estes parágrafos xa vistes o spot en que diferentes personalidade públicas catalás chaman ao voto para hoxe. Refírome, si, a ese en que alzan a fotografía dunha persoa falecida e exclaman "Votaré per tu", até que xa no final unha nai afirma que participará pola crianciña que ten nos brazos. É un país en andamento, con memoria e con futuro.

Nese vídeo, Carme Forcadell di que votará por Martí Gasull. El foi un dos promotores, nos comezos da década de 90, da Plataforma per la Llengua, asociación irmá da nosa Mesa. Martí imprimiulle a esa nova entidade un pulo xenuinamente creativo, inconformista e dinámico que incidiu moito no progreso social da lingua catalá nos últimos tempos. Porén tamén debemos saber da súa fonda solidariedade, o seu apoio e a súa disposición xenerosa a axudar á causa galega naquilo que estivo na súa man. Comprendede por iso que me emocionase un pouco ao ver a súa fotografía.

Cando Martí Gasull morreu nun accidente de alpinismo aos 43 anos, en setembro de 2012, apareceron unha chea de comentarios nas redes sociais e nalgúns blogues felicitándose polo falecemento e insultándoo. A maioría -mesmo talvez a totalidade- dos que así atouzaban non o coñecían nin de referencias, só acababan de saber que un defensor do catalán morrera e iso era motivo suficiente para lanzaren os seus hurras infames e noxentos.

Non vou reproducir ningunha desas covardías, mais son exemplos desa intolerancia gravísima, consentida polo poder sen ningún tipo de consecuencia, que explica por que cada vez máis catalás e cataláns se decataron de que conquistar o respecto colectivo que merecen pasa por conquistar a soberanía que, como nación, de seu lles corresponde. Porque, non o esquezamos, os primeiros independentistas son os que se empeñan en negar a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional dos territorios que, de forma tan xerarquizada, conforman o Estado español.

5 de nov de 2014

Mañá, acto en Viveiro sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

O Colectivo Pensamento e Sementeira convidoume a falar mañá na Sala da Biblioteca Municipal en Viveiro sobre os trucos que se conteñen no libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Velaquí tamén a ligazón ao evento no Facebook.

Anímovos desde xa a que tomedes nota tamén dos actos próximos que se desenvolverán dentro dese ciclo con Sés, Lois Diéguez e Felipe Senén.

Continuamos!

3 de nov de 2014

Atravesar o fantasma, esta semana na Radio Galega

Esta semana o Diario Cultural da Radio Galega emitirá cada día un poema do libro Atravesar o fantasma, que me pediron que escollese e recitase eu mesmo. Espero que gustedes da selección, do recitado e, claro, deste libro que é tan especial para min.

1 de nov de 2014

Nanowrimo

 

Xa ouvira falar hai uns anos do proxecto Nanowrimo, que é o acróstico de National Novel Writing Month, ou sexa, o Mes Nacional de Escribir Romances (permitídeme que diferencie romance de novela, como sería propio do noso ámbito lingüístico, a diferenza do que fai o español, que os da RAG nos propoñen mimetizar acho que sen moito sentidiño).

Desde 1999 realízase un certame, primeiro a nivel anglosaxón e despois xa en moitas linguas e culturas, que consiste en autoimporse o reto de escribir un romance dun mínimo de 50.000 palabras ao longo de todo o mes de novembro. Non hai máis premio nin recoñecemento que saber que terminaches, aínda que for só para gardar dito romance nun caixón ou para tratar iso que conseguiches como un rascuño do cal se puider sacar algo mellor traballándoo máis en profundidade nos meses seguintes.

Este ano voume autoimpor a participación e tentarei xuntar cada día do mes eses 1.667 vocábulos que fan falta para conseguir o obxectivo. Contarei por aquí se dou logrado rabuñar o tempo e como vai saíndo a cousa :)