30 de set. de 2010

Presentacións de En castellano no hay problema en Marín e Ourense

Mañá, un de outubro, é a presentación do libriño En castellano no hay problema en Marín, organizado polas dinámicas compañeiras e compañeiros de Queremos Galego da zona. Acompañaranme no evento Tino Iglesias, pola plataforma, e Xosé Manuel Moo, por Edicións Xerais. Será ás 20.30 h no Museo Manuel Torres de Marín.

Con este acto recomeza a xira de presentacións deste volume, que estivo aparcada nas últimas semanas. É necesario falarmos da situación da lingua galega e, sobre todo, actuarmos. Se este libro pode ser unha boa escusa para o facermos, pois adiante!

Deixo aquí tamén unhas fotografías do que foi o evento de presentación en Ourense o pasado 27 de maio. A Livraria Torga acolleunos para a ocasión nun acto moi cálido. Na mesa estiveron tamén Susana García (coordinadora da Mesa en Ourense), Isabel Pérez (concelleira de Cultura en Ourense e actual candidata á alcaldía polo BNG), Iván Area (na altura, vicerreitor en funcións da Universidade de Vigo) e Manuel Bragado (director de Edicións Xerais), que expuxeron sólidos argumentos para continuarmos nesta loita cívica na defensa do noso idioma propio.

As fotografías que reproduzo a continuación son da autoría de Jorge MdelaCalle:







28 de set. de 2010

Maiorías e minorías

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:


Maiorías e minorías
Unha visión retorta da democracia


Ao compañeiro Francisco Romaní, que se nos foi hai pouco, mais que nos lega o exemplo da súa simpatía, da súa entrega polos desfavorecidos e o seu compromiso patriótico

Tras o Consello da Xunta, a Alberto Núñez Feijóo preguntáronlle pola súa opinión sobre o tremendo desfase entre a cantidade de familias que responderon "Galego" no sobre de matrícula da educación infantil nas cidades (arredor do 40%) e a cantidade de nenas e nenos que nestes lugares van ter neste curso o ensino no idioma de Galiza (o 12%). A resposta do presidente foi, máis unha vez, que as maiorías deciden sobre as minorías.

Para alén doutras consideracións, o xefe do Goberno galego segue a mentir cando fala dunha inexistente opción de escolla das familias sobre a lingua da educación dos seus nenos e nenas nos primeiros anos. É radicalmente falso. Trátase dunha mentira deplorábel.

O que el e o seu partido tentan vender como un hipotético "dereito de opción" concrétase nunha pregunta no sobre de matrícula sobre cal é o idioma familiar. Quen responde non sabe (en ningures se informa diso!) que o que está a facer na realidade é votar pola lingua que quere que sexa a de uso normal na aula da súa filla ou fillo. En fin, que se escolle sen saber que se está a escoller nin as dimensións da escolla. Un calote en toda regra co que se pretende varrer o galego nas cidades, evitando que as familias falantes de castelán poidan chegar a solicitar o ensino en galego para os seus pequenos, como ten acontecido no pasado, mesmo no tan castelanizado centro de Vigo.

Mais imaxinemos por un momento que a realidade non é esta, senón o mátrix propagandístico de Núñez Feijóo: que os pais votaron, sumáronse os resultados e fixéronse as distribucións. Sería nese caso xusto e democrático que un 60% da poboación decidise erradicar a lingua que formalmente solicitou o outro 40%? Sería así máis xusto e democrático que máis do 75% das familias que optaron por un dos idiomas non visen atendida a súa petición? A que el chama minoría, a parte da sociedade que fai uso normal da lingua propia do país, pasa a carecer de dereitos? Tan mao é ser galega, ser galego, que mesmo o gobernante que nos considera unha minoría na nosa propia terra nos nega os mínimos dereitos que a nivel internacional se lle recoñecen ás minorías? Que concepción democrática é esa? Que sociedade se constrúe con eses vimbios?

Alberto Núñez Feijóo bota man dos conceptos "maioría" e "minoría" con moita frecuencia e sempre dunha postura de demagoxia belicosa. A idea central é que, xa que o seu partido detenta a maioría absoluta no Parlamento galego, ten capacidade ilimitada e plenipotenciaria para adoptar calquera medida, calquera. É esta unha visión retorta e perversa da democracia, non só discursivamente senón tamén pola vía dos feitos, pois nega a diversidade intrínseca da sociedade; mesmo nega o pluripartidismo, xa que as outras opcións políticas que non son "a maioría", as adxectivadas como "minoritarias", carecerían de lexitimidade e validez para defenderen as súas propostas. Repárese, sobre isto, no que o presidente do PP de Galiza defende nos seus discursos a respecto do nacionalismo galego.

No que di respecto á lingua galega, Feijóo considera que tamén conta co visto e prace social para asfixiala, xa que el gañou as eleccións autonómicas. Mais estamos de novo ante un discurso mentirán.

En primeiro lugar, porque o PP conta coa maioría absoluta na Cámara galega por só un escano: 38 deste partido fronte a 37 da oposición (25 do PSOE + 12 do BNG). Visto así, trátase dunha maioría moi exigua, pola mínima. Que o 50% da poboación goberne, con agresividade e prepotencia, contra o outro 50% non semella un bo camiño para ninguén.

Ademais, se sumarmos os sufraxios individuais, o voto persoal e intransferíbel de cada cidadá ou cidadán, o resultado é que, a suma de PSOE e BNG é de 5.000 apoios por riba do partido gobernante. En fin, que se a xornada das autonómicas a tivermos que considerar como un referendo, cousa que ás veces defenden desde a dereita, deberían recoñecer que ese referendo o perderon. Cal sería, aí, a "maioría" e a "minoría"?

Mais, de acordo, ninguén o cuestiona, o PP conta coa forza suficiente para gobernar nesta lexislatura, de acordo coas actuais regras do xogo. Porén, canto ten de verdade que o desmantelamento da oficialidade do galego que están a practicar a levaban no programa no programa electoral? Onde?! Eu procuro con detemento e insistencia e non encontro ningún documento (nin discurso) onde dixesen, por exemplo, que ían prohibir a docencia en galego de Matemáticas, Física e Química ou Tecnoloxía. Tampouco por ningures figura que varrerían a lingua de Galiza da educación infantil nas cidades. Se isto non o prometeron, cal é o respaldo da maioría á que tanto apelan?

[A ilustración é autoría de Estévez.]

26 de set. de 2010

Ti non es ti e sábelo

Dous poemas do libro Pronomes, do Antón Lopo:

AS LEIS DA MECÁNICA

A felicidade é un magma de cicatrices
a forza que vixila os nenos para que non laten a clase.
É si, como os ollos basculantes das bonecas.


AZUL

AMO e escravo
acordan complexos mecanismos de excitación
e reordenan personalidades fraudulentas.
Gritan e os seus gritos son gritos de dor,
anque nada semellante á dor exista
no último das súas bocas.
A dor pactada,
a dor que descanda os cárceres,
a dor que rompe a herencia das circunstancias,
a dor que borra as carexas maternas,
os preceptos de uso recto e mimético,
esa dor é unha espiral que desgarra a carne
como un tirarrollas
e derriba en espacios íntimos
que ninguén pisou e nunca intuiu.
Ti non es ti e sábelo.

25 de set. de 2010

Países pequeniños

Estou en Barcelona esta fin de semana. Síntoo como o feche dunha etapa, que durou os tres últimos anos, na cal visitei con relativa frecuencia a capital de Cataluña.

Penso que eu non aturaría vivir aquí un tempo longo, mais en cada unha destas pequenas estadías sempre foi lindo ver a cantidade de amor polo seu "pequeno" país, que tamén nos amosa camiños posíbeis para o noso.



El meu país és tan petit
que quan el sol se'n va a dormir
mai no està prou segur d'haver-lo vist.
Diuen les velles sàvies
que és per això que torna.
Potser sí que exageren,
tant se val! és així com m'agrada a mi
i no en sabria dir res més.
Canto i sempre em sabré
malalt d'amor pel meu país.

El meu país és tan petit
que des de dalt d'un campanar
sempre es pot veure el campanar veí.
Diuen que els poblets tenen por,
tenen por de sentir-se sols,
tenen por de ser massa grans,
tant se val! és així com m'agrada a mi
i no en sabria dir res més.
Canto i sempre em sabré
malalt d'amor pel meu país.

El meu país és tan petit
que sempre cap dintre del cor
si és que la vida et porta lluny d'aquí
i ens fem contrabandistes,
mentre no descobreixin
detectors pels secrets del cor.
I és així, és així com m'agrada a mi
i no en sabria dir res més.
Canto i sempre em sabré
malalt d'amor pel meu país.

El meu país és tan petit
que quan el sol se'n va a adormir
mai no està prou segur d'haver-lo vist.

Se o Vicente Risco, cando era alguén, escoitase a canción de Llach e alguén a quixese aplicar a Galiza, talvez replicaría con aquela fermosa sentenza: "ti dis que Galiza é moi pequena, eu digo que Galiza é un mundo; pode ser pequena en extensión, mais en entidade e fondura, é inmensa".

24 de set. de 2010

Ana Kiro

Hoxe faleceu Ana Kiro, despois dunha longa doenza contra a que batallou con afouteza. Para min, como para tantísimas outras persoas, foi un dos primeiros contactos coa música en galego.

Na miña casa recórdase sempre que miña irmá María do Mar comezou a cantar a partir das súas casetes. Mar e mais eu tamén lembramos de cote a pequena aventura infantil na que conseguíramos un autógrafo seu, aproveitando que viñera actuar ás festas de Ribeira.

Á parte dese día, penso que só falei con ela directamente nos días previos á saída do Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego. Fora ese un texto que se promovera como resposta desde a Galiza ao tan agresivo como hiperpublicitado "Manifiesto por la lengua común". Viu a proposta de documento e axiña aceptou aparecer publicamente apoiando esta causa, nun momento no que os ataques contra o noso idioma estaban a aumentar de forma exponencial. Grazas!

Hai un par de anos, fixen unha montaxe co seu divertido tema "Pídechas o corpo", póndolle as imaxes dun coñecido vídeo da Beyonce. Aquí a deixo de novo, a xeito de pequena homenaxe á artista:


Pídechas o corpo
Cargado por camacato

Eu camiño pola lingua, e ti?


Baixo o lema Eu camiño pola LINGUA, e ti? a plataforma QUEREMOS GALEGO! de Ourense, a Asociación Xuvenil Amencer e a Concellaría de Voluntariado do Concello de Ourense organizan un Camiño de Santiago de reivindicación e fomento do noso idioma.

Este é o texto explicativo da actividade:

Somos un grupo de persoas de todas as idades, profesións, intereses, afeccións… que temos unha cousa en común: queremos galego nas aulas, na administración, nas empresas, nos xulgados, nos medios de comunicación; cos pais, cos fillos, cos amigos, cos compañeiros de traballo; para vivir, para sentir, para soñar…
E, neste ano xacobeo, tamén queremos que o galego estea no Camiño de Santiago. Por este motivo imos facer o Camiño pola lingua.
Acompáñanos. Camiñaremos pola Vía da Prata, ruta mozárabe, os días 10, 17, 24 e 31 de outubro. Se non podes vir ás catro xornadas apúntate para as que poidas.
Ao rematar cada etapa plantaremos unha árbore cunha mensaxe que sexa testemuño da nosa peregrinación e leremos un manifesto en catro partes, que se completará ao chegar a Compostela.


Estas indicacións son para Ourense, mais dan unha idea tamén do punto de encontro en cada lugar, que é bo concretar a través dos contactos que aparecen ao final:

Primeira etapa. Domingo 10 de outubro
Ourense-Tamallancos-Cea. 24 km (aprox.)
Saímos camiñando ás 8:00 da mañá da parada de autobuses do Parque de San Lázaro de Ourense. Ao chegar xantaremos en Cea e, arredor das 17:00 h, un autobús traeranos de volta a Ourense.

Segunda etapa. Domingo 17 de outubro
Cea-Castro Dozón-Botos (Lalín). 26 km (aprox.)
Un autobús sae ás 8:00 da parada de autobuses do Parque de San Lázaro (Ourense) para levarnos a Cea. Desde alí, continuaremos o camiño ata chegar a Lalín. Ao rematar de xantar voltamos a Ourense en autobús.

Terceira etapa. Domingo 24 de outubro
Lalín-Silleda-Bandeira-Ponte Ulla. 24 km (aprox.)
Un autobús sae ás 8:00 da parada de autobuses do Parque de San Lázaro (Ourense) para levarnos a Lalín e, ao rematar o xantar, recolleranos en Ponte Ulla para voltar a Ourense.

Cuarta etapa. Domingo 31 de outubro
Ponte Ulla-Lestedo-Santiago. 24 km (aprox.)
O autobús que nos levará a Ponte Ulla sae ás 8:00 da parada de autobuses do Parque de San Lázaro (Ourense) e, ao xantar, recolleranos en Santiago.

Inscrición
Podes inscribirte para cada etapa até a mañá da sexta feira (venres) anterior a cada unha, nos números de teléfono: 988 218 123 ou 639 519 242. Tamén no enderezo electrónico amencer@amencer.org
O prezo de inscrición son 5 euros e inclúe todas as etapas. Para estudantes e parad@s é de balde.
Trae o teu equipamento e o teu xantar e bebida. O equipamento axeitado é o seguinte: calzado cómodo (o ideal é de goretex) que non sexa novo (pódese levar calzado de reposto por se manca), dobre calcetín, roupa cómoda, gorra (non viseira), chuvasqueiro por se chove. Nunha mochila pequena cómpre meter o xantar e bebida. Todo isto debe estar dentro dunha bolsa de plástico por se a mochila non é impermeábel. Tampouco esquezas a protección para o sol.

23 de set. de 2010

50%?

Déixovos aquí o vídeo da conferencia de imprensa que a Plataforma Queremos Galego impartiu esta mesma semana:



A noticia saíu así na TVG:

'agalega.info


Ademais de varios representantes de entidades que conforman a plataforma, estivo tamén connosco Margarita Ledo Andión, unha das portavoces de Queremos Galego e unha muller admirábel en moitos sentidos, desde a súa obra artística e académica até o seu compromiso incansábel e próximo.