7 de abr. de 2011

A cabeza non para

A pesar deste bochorno tan impropio de abril e que me ten a cabeciña algo cansa, a intensa actividade destes días está a ser do máis interesante e enerxizante. Onte compartín visións sobre a situación do noso idioma e as alternativas de futuro con dous nutridos grupos de mozas e mozos de Sarria. Vin orgullo, inquedanza e ganas de saber.

Hoxe ao mediodía foi a vez dunha conferencia á que me convidaron estudantes de xornalismo da USC. Sentín moito non ter máis tempo para seguirmos falando e confrontando ideas. O diálogo final sacou á luz moitísimas cousas interesantes, grazas a unha posta en común das diferentes opinións que cada persoa ten na realidade.

E agora estou a piques de entrar na gravación dun debate para Televigo, que se emitirá esta noite. Será sobre a situación do galego no sistema educativo.

A miña cansativa axenda vaime facer imposíbel asistir este sábado ao acto que se desenvolverá en Celanova "En defensa do poleiro". Por favor, dádelle arroupo todas as persoas a quen vos sexa posíbel.

Continuamos!

6 de abr. de 2011

Aínda sobre a manipulación informativa da RTVG



A entrada que escribín un par de horas despois do telexornal do pasado domingo, pondo un exemplo das altas cotas de manipulación informativa a que chega a RTVG baixo o goberno de Núñez Feijóo, tivo nestes tres días un total de 6.500 consultas.

Porén, tal nivel de propaganda do partido do goberno abrindo un informativo da televisión pública non tivo case repercusión, alén de nas redes sociais Chúzame e Menéame, un artigo en Xornal e unha nova na portada de Galicia Confidencial. Dá para reflexionar que o que debería ser un escándalo pase como unha anécdota na maioría dos medios.

Polo lado bo podemos concluír que o feito de que haxa tantas visitas a esta nova en tres días tamén amosa que hai moita xente con ansias de poder obter unha información alternativa e con ganas de ter tamén presenza nos nosos medios públicos. Porque a sociedade galega non é monolítica, senón plural, diversa. Temos que andar ese camiño.

5 de abr. de 2011

A Xunta deixou 700 millóns de euros sen executar en 2010

Non debe pasar desapercibida a denuncia realizada por Guillerme Vázquez a pasada fin de semana: a Xunta de Galiza deixou sen executar (sen utilizar, vaia) do seu orzamento dispoñíbel para o ano pasado case 700 millóns de euros; en concreto, 694 millóns. Dese total, 379 millóns estaban consignados para gasto produtivo (obra e investimentos públicos) e outros 314 en apoio aos sectores económicos.

Pensade no grave aumento do paro en Galiza, na situación do sistema educativo, da sanidade pública, de como se van fechando ou reducindo servizos públicos e conquistas sociais coa escusa da crise, de como aumentan as cifras de nenas e nenos en familias no limiar da pobreza e volvede a ver a cifra: 694 millóns de euros.

E iso que Alberto Núñez Feijóo presume de ser un bo xestor, que se non...!

4 de abr. de 2011

Menos mal que nos queda Portugal

Velaquí a colaboración desta semana en Galicia Hoxe:


Menos mal que nos queda Portugal
Aproveitemos a nosa pertenza ao sistema galego-portugués!


Unha das peculiaridades máis importantes de Galiza a respecto dos outros territorios do Estado español con idioma propio diferente do castelán é a súa pertenza a un sistema lingüístico máis amplo: o galego-portugués.

O portugués, que na actualidade falan 250 millóns de persoas como idioma inicial e outros 20 millóns de persoas como segunda lingua, ten a súa orixe histórica en Galiza e no norte do actual Portugal, estendéndose despois cara ao sur e cara a outros lugares do mundo. Na forza demográfica, económica e cultural do portugués (sobre todo en Portugal e no Brasil) está unha das grandes potencialidades para avanzarmos na normalización do galego. Mais, até o de agora, non a estivemos a aproveitar.

Unha idea moi repetida que todas e todos aprendemos é que “galego e portugués naceron do mesmo tronco común, mais separáronse”. Tanto se insiste nas diferenzas e tan pouco se incide en todo o que aínda une as falas ao norte ao sur do río Miño que parece que todo o relacionado co mundo lusófono nos é alleo. Repítese o que nos separa, esquécese o que nos une. E esquécese, con iso, todo o útil que é o que nos une.

Se pertencemos a un determinado sistema lingüístico que ten unha situación normalizada e o apoio de grandes estados como Portugal e o Brasil, por que non aproveitamos esa oportunidade? Non nos empobrecemos lingüística e culturalmente virándolle as costas? Non nos pechamos as portas a oportunidades de desenvolvemento tamén económico?

Coas actuais innovacións tecnolóxicas, é posíbel conseguirmos, por exemplo, ver un filme dobrado ou lexendado en portugués ou comprar en portugués libros que na Galiza non se dan traducido ao galego. O mesmo acontece tamén con programas informáticos que non dan opción de galego.

Non hai dúbida de que, sobre todo en produtos de circulación masiva, cómpre que a sociedade galega demande que se recoñeza a súa personalidade propia e que o galego figure como opción. Porén, naqueles casos en que aínda non é así, que facemos? Non sería lóxico que acudísemos a outras versións do noso sistema lingüístico, como o portugués de Portugal ou o portugués do Brasil, en troca de nos abastecermos continuadamente a través da lingua española e dos seus circuítos culturais?

Rachemos tamén aquí coas inercias. A próxima novidade editorial que non haxa en galego, adquirámola en portugués! O próximo filme no cal poidamos escoller lingua, optemos por velo en portugués, a falta de galego! E así cun amplo etcétera. O contrario é irmos afortalando a situación de Galiza como un mero apéndice da cultura española.

Todo isto é para alén das disputas ortográficas, que se deben asumir tamén como un debate académico que é normal que exista en calquera lingua viva.

Comprender cunha fluidez alta calquera texto en portugués é factíbel cunha aprendizaxe de moi pouco tempo. Se aínda precisamos dedicarlle un tempo, dediquémosllo. Coñecendo mellor o portugués melloraremos ao mesmo tempo o noso galego e consolidaremos a nosa pertenza ao noso propio sistema lingüístico.

Na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias tamén se estabelece a obriga para o Estado español de adoptar un acordo bilateral con Portugal para fomentar a interrelación con Galiza, especialmente nas áreas de cultura e educación; mais aínda nada se fixo.

Desde a Xunta de Galiza tampouco se traballou para que se poidan recibir no noso país as radios e televisións portuguesas (é unha obriga sinalada pola Carta, que o Parlamento galego tamén apoiou por unanimidade). Resta tamén moitísimo por facer no ámbito da introdución da aprendizaxe do estándar portugués nos centros de ensino. Mentres escribo estas liñas, hai algunha provincia andaluza que, por si soa, lle gaña a Galiza en máis institutos que ofrecen o portugués como materia optativa.

Como conseguirmos que haxa portugués no instituto?

Nestes momentos, só as escolas oficiais de idiomas teñen profesorado específico de portugués; nos institutos, fanse cargo decote docentes da materia de lingua e literatura galega.

Se houber profesorado disposto, este debe solicitar que se inclúa a disciplina como “segunda lingua estranxeira” para a oferta educativa do curso seguinte. A proposta realizarase na Comisión de Coordinación Pedagóxica, para que despois se inclúa no Proxecto Educativo do Centro e se aprobe no Consello Escolar.

A segunda lingua estranxeira é obrigatoria en 1º e 2º da ESO e optativa en 3º e 4º da ESO e no Bacharelato. Desde a Associação de Docentes de Português na Galiza aconsellan que se inicie a oferta no primeiro curso de cada etapa e que se vaia ampliando progresivamente aos anos seguintes.

Se non somos docentes mais pertencemos á comunidade educativa, sempre podemos interesarnos pola posibilidade de que se ministre portugués. Lembremos que, ademais dos beneficios para a nosa cultura propia, ter coñecementos acreditados de portugués, co seu (contraditorio, mais así é) carácter de “lingua estranxeira”, abre moitas portas. Cun igual número de horas de dedicación, poderase alcanzar un nivel moi superior que en calquera outro idioma.

Ás veces en Portugal respóndennos en español

A maioría da poboación portuguesa vive tamén de costas á historia e á cultura de Galiza. Ademais, cando portuguesas e portugueses veñen de visita ao noso país, observan que a maioría dos rótulos, documentos, etc., están en castelán. Por se for pouco, é moi frecuente que sexan atendidos tamén nesta lingua, dentro deste esquema de ocultación do galego que fai que, “por educación”, non se use o noso idioma coa xente descoñecida.

Cando esteamos en Portugal e se dirixan a nós en castelán, expliquemos con amabilidade que poden falarnos en portugués “à vontade”, “pois nós somos galegos”. É aconsellábel que transmitamos que o motivo de que comprendamos e falemos así é a nosa orixe galega.

Veremos que a maioría da xente descoñece a nosa realidade (igual que a maioría das galegos e galegas descoñecen a realidade portuguesa), mais que tamén haberá algunhas e algúns que si saberán que a lingua que agora se usa en Lisboa se fala, desde moitos séculos antes, en Mondoñedo, Allariz, Boiro, Tui ou Ferrol. Que nos coñezamos mellor é un obxectivo en que aínda temos moito para sachar.

A TVG abre o telexornal indicando que o PP é "Un proxecto de futuro para Galicia"



Por favor, clicade nesta ligazón e mirade o primeiro rótulo do telexornal deste pasado serán. O informativo abre cun repaso en imaxes aos candidatos e candidatas do PP ás municipais e un burdo lema propagandístico que non ten ningunha información noticiábel.

Ademais da secundarización da nosa realidade política e da infravaloración constante da cultura galega, estamos ante uns informativos degradados á condición de boletín do partido gobernante.

Como cidadán, a nivel individual, vou enviar unha queixa ao Valedor do Pobo. Porque isto é demasiado.

[Actualización 12.48 h: Subín unha captura da imaxe do telexornal que fixo o usuario gukydjr de Menéame. Moitas grazas!]

[Actualización 13.54 h. Inclúo a imaxe pendurada por Galicia Confidencial, co lema propagandístico situado baixo Alberto Núñez Feijóo, Corina Porro e Carlos Negreira. Non sei por que o meu computador non me deixaba hoxe facer capturas...]

3 de abr. de 2011

Pedro e Muño: 950 anos

Ide anotando nas vosas axendas o seguinte evento que non vos podedes perder.

O 13 de abril ás 19 h na cafetaría Arias Nunes de Santiago (rúa do Vilar, 13), un grupo de poetas congregaranse para que non pase desapercibido o 950 aniversario da unión institucional entre os homes Pedro Díaz e Muño Vandilaz.

O lema da convocatoria é "Pedro e Muño: 950 anos. En todos os días e noites, para sempre. In totos dies et noctes in omne tempus vel tempora". O lema é unha cita literal do documento en que figura a súa unión, que vén a ser a institucionalización da relación entre dous homes máis antiga que conservamos en Galiza e unha das máis antigas de Europa. Mais, ollo, como digo sempre, o feito de que se conserve non quere dicir que sexa a máis antiga que existiu: é evidentísimo que iso non foi así.

Ficades convidadas e convidados! Gañemos a batalla da memoria, para coñecermos o pasado de xeito máis fidedigno e tamén para construírmos un futuro mellor!

2 de abr. de 2011

De Cedeira ás Pontes, pasando por Lugo e Ordes



Non pensedes que este é un este é un itinerario estraño despois de saír de Bande, non. Son unicamente dúas das últimas presentacións do libro En castellano no hay problema e dúas das próximas.

Na fotografía de arriba, temos unha imaxe de minutos antes de comezarmos coa ateigado acto de Lugo. A instantánea de abaixo pertence ao acto en que comentamos en Cedeira esta obriña, para aí pórmos en común visións sobre a situación do noso idioma e súas alternativas de futuro.

Grazas a Marica Campo, a Fernando Iglesias, a Carlos Vello, a Paz Díaz Pazos, a Cancio, a Ruco e, en xeral, a toda a xente que fixo posíbel ou participou destes actos. Danme ganas de darvos abrazos moi fortes a cada un!

Dous dos próximos actos serán en Ordes, o día 12 de abril, e nas Pontes, o 28 tamén deste mes. Iremos falando máis sobre eles.

1 de abr. de 2011

Por que o Consello da Cultura Galega dedica un congreso ao centenario de Álvaro Cunqueiro e non ao de Ricardo Carvalho Calero


Enviei para o Congreso sobre Álvaro Cunqueiro que organiza o Consello da Cultura Galega unha proposta de comunicación que leva o título "Por que o Consello da Cultura Galega dedica un congreso ao centenario de Álvaro Cunqueiro e non ao de Ricardo Carvalho Calero e outras reflexións sobre as canonizacións". Aínda que hoxe sexa o un de abril, non é brincadeira. Penso que é necesario deterse seriamente sobre a cuestión.

No ano 2010 a cultura galega viviu dúas importantes efemérides que non foron atendidas polas institucións culturais do país: o 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro (considerada a autora central do sistema literario galego) e o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero (primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega na USC, primeiro novelista en galego no posguerra, escritor prolífico, historiador fundamental da literatura galega contemporánea, activista da normalización, etc.). A pesar do descoido oficial, si houbo movementos culturais populares que conseguiron que esas datas non pasasen desapercibidas.

Faise obrigado preguntar por que, porén, esas mesmas institucións culturais deciden en 2011 organizar actos de homenaxe polo segundo centenario de Xoán Manuel Pintos, así como un amplo programa por volta da vida e obra de Álvaro Cunqueiro. É o mesmo 2011 en que “esquecen” que se podería festexar tamén o 125 aniversario do nacemento de Daniel Castelao.

Cales son os criterios actuantes para decidir quen e como se homenaxea desde as institucións culturais? Como están constituídas estas institucións para que se produzan tales escollas? Cal foi a construción da imaxe de Álvaro Cunqueiro ao longo da autonomía, fronte á de Daniel Castelao, Rosalía de Castro ou Ricardo Carvalho Calero para que se privilexie a súa figura a nivel oficial? Que papel xoga(ro)n nisto a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a administración autonómica e, mesmo, as proxeccións curriculares do sistema educativo?