4 de abr de 2011

Menos mal que nos queda Portugal

Velaquí a colaboración desta semana en Galicia Hoxe:


Menos mal que nos queda Portugal
Aproveitemos a nosa pertenza ao sistema galego-portugués!


Unha das peculiaridades máis importantes de Galiza a respecto dos outros territorios do Estado español con idioma propio diferente do castelán é a súa pertenza a un sistema lingüístico máis amplo: o galego-portugués.

O portugués, que na actualidade falan 250 millóns de persoas como idioma inicial e outros 20 millóns de persoas como segunda lingua, ten a súa orixe histórica en Galiza e no norte do actual Portugal, estendéndose despois cara ao sur e cara a outros lugares do mundo. Na forza demográfica, económica e cultural do portugués (sobre todo en Portugal e no Brasil) está unha das grandes potencialidades para avanzarmos na normalización do galego. Mais, até o de agora, non a estivemos a aproveitar.

Unha idea moi repetida que todas e todos aprendemos é que “galego e portugués naceron do mesmo tronco común, mais separáronse”. Tanto se insiste nas diferenzas e tan pouco se incide en todo o que aínda une as falas ao norte ao sur do río Miño que parece que todo o relacionado co mundo lusófono nos é alleo. Repítese o que nos separa, esquécese o que nos une. E esquécese, con iso, todo o útil que é o que nos une.

Se pertencemos a un determinado sistema lingüístico que ten unha situación normalizada e o apoio de grandes estados como Portugal e o Brasil, por que non aproveitamos esa oportunidade? Non nos empobrecemos lingüística e culturalmente virándolle as costas? Non nos pechamos as portas a oportunidades de desenvolvemento tamén económico?

Coas actuais innovacións tecnolóxicas, é posíbel conseguirmos, por exemplo, ver un filme dobrado ou lexendado en portugués ou comprar en portugués libros que na Galiza non se dan traducido ao galego. O mesmo acontece tamén con programas informáticos que non dan opción de galego.

Non hai dúbida de que, sobre todo en produtos de circulación masiva, cómpre que a sociedade galega demande que se recoñeza a súa personalidade propia e que o galego figure como opción. Porén, naqueles casos en que aínda non é así, que facemos? Non sería lóxico que acudísemos a outras versións do noso sistema lingüístico, como o portugués de Portugal ou o portugués do Brasil, en troca de nos abastecermos continuadamente a través da lingua española e dos seus circuítos culturais?

Rachemos tamén aquí coas inercias. A próxima novidade editorial que non haxa en galego, adquirámola en portugués! O próximo filme no cal poidamos escoller lingua, optemos por velo en portugués, a falta de galego! E así cun amplo etcétera. O contrario é irmos afortalando a situación de Galiza como un mero apéndice da cultura española.

Todo isto é para alén das disputas ortográficas, que se deben asumir tamén como un debate académico que é normal que exista en calquera lingua viva.

Comprender cunha fluidez alta calquera texto en portugués é factíbel cunha aprendizaxe de moi pouco tempo. Se aínda precisamos dedicarlle un tempo, dediquémosllo. Coñecendo mellor o portugués melloraremos ao mesmo tempo o noso galego e consolidaremos a nosa pertenza ao noso propio sistema lingüístico.

Na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias tamén se estabelece a obriga para o Estado español de adoptar un acordo bilateral con Portugal para fomentar a interrelación con Galiza, especialmente nas áreas de cultura e educación; mais aínda nada se fixo.

Desde a Xunta de Galiza tampouco se traballou para que se poidan recibir no noso país as radios e televisións portuguesas (é unha obriga sinalada pola Carta, que o Parlamento galego tamén apoiou por unanimidade). Resta tamén moitísimo por facer no ámbito da introdución da aprendizaxe do estándar portugués nos centros de ensino. Mentres escribo estas liñas, hai algunha provincia andaluza que, por si soa, lle gaña a Galiza en máis institutos que ofrecen o portugués como materia optativa.

Como conseguirmos que haxa portugués no instituto?

Nestes momentos, só as escolas oficiais de idiomas teñen profesorado específico de portugués; nos institutos, fanse cargo decote docentes da materia de lingua e literatura galega.

Se houber profesorado disposto, este debe solicitar que se inclúa a disciplina como “segunda lingua estranxeira” para a oferta educativa do curso seguinte. A proposta realizarase na Comisión de Coordinación Pedagóxica, para que despois se inclúa no Proxecto Educativo do Centro e se aprobe no Consello Escolar.

A segunda lingua estranxeira é obrigatoria en 1º e 2º da ESO e optativa en 3º e 4º da ESO e no Bacharelato. Desde a Associação de Docentes de Português na Galiza aconsellan que se inicie a oferta no primeiro curso de cada etapa e que se vaia ampliando progresivamente aos anos seguintes.

Se non somos docentes mais pertencemos á comunidade educativa, sempre podemos interesarnos pola posibilidade de que se ministre portugués. Lembremos que, ademais dos beneficios para a nosa cultura propia, ter coñecementos acreditados de portugués, co seu (contraditorio, mais así é) carácter de “lingua estranxeira”, abre moitas portas. Cun igual número de horas de dedicación, poderase alcanzar un nivel moi superior que en calquera outro idioma.

Ás veces en Portugal respóndennos en español

A maioría da poboación portuguesa vive tamén de costas á historia e á cultura de Galiza. Ademais, cando portuguesas e portugueses veñen de visita ao noso país, observan que a maioría dos rótulos, documentos, etc., están en castelán. Por se for pouco, é moi frecuente que sexan atendidos tamén nesta lingua, dentro deste esquema de ocultación do galego que fai que, “por educación”, non se use o noso idioma coa xente descoñecida.

Cando esteamos en Portugal e se dirixan a nós en castelán, expliquemos con amabilidade que poden falarnos en portugués “à vontade”, “pois nós somos galegos”. É aconsellábel que transmitamos que o motivo de que comprendamos e falemos así é a nosa orixe galega.

Veremos que a maioría da xente descoñece a nosa realidade (igual que a maioría das galegos e galegas descoñecen a realidade portuguesa), mais que tamén haberá algunhas e algúns que si saberán que a lingua que agora se usa en Lisboa se fala, desde moitos séculos antes, en Mondoñedo, Allariz, Boiro, Tui ou Ferrol. Que nos coñezamos mellor é un obxectivo en que aínda temos moito para sachar.

3 comentários:

  1. Cando non atopo algo na Galipedia, procuro na Wikipédia en portugués antes que en español; alén de máis fiábel e rica esta na miña lingua.
    Un saúdo

    ResponderExcluir
  2. Se calhar, que os galegos vissem o seu idioma escrito dum jeito semelhante ao resto das línguas do seu sistema linguístico ia ajudar em grande medida a superar esta situaçom de estrangeirizaçom do português na nossa terra... Para quando umha defesa desde a MNL pola versom reintegrada do galego?
    Umha aperta.

    ResponderExcluir