Mostrando postagens com marcador Carlos Vello. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Carlos Vello. Mostrar todas as postagens

6 de nov. de 2011

Por certo, o galego é oficial

Un par de horas antes de que comezase a campaña electoral presentamos en Lugo o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Aí estamos na fotiño, de esquerda a dereita, Carlos Vello (pola Mesa de Lugo), eu e Antón Bao (tenente alcalde de Lugo).

Falamos de moitas cousas, nun diálogo moi interesante con xente que se encontra con problemas para poder usar o seu idioma no SERGAS, na educación das súas pequenas e dos seus pequenos, nos servizos de autobuses, etc. As mulleres e os homes que non se resignan son quen lograrán un futuro diferente.

Tamén comentamos un pouquiño a situación do galego na Administración central, que continúa a funcionar como se o noso idioma non fose oficial. Mirade se non como está a cousa na Axencia Tributaria, nas subdelegacións do goberno, no Instituto Nacional da Seguridade Social, etc., etc. Trinta anos despois, aínda hai que lembrar que o galego existe e que, aínda que non se note aínda en tantísimas cousas, disque é oficial.

Xa que existimos, votemos tamén lembrando a nosa existencia.

3 de nov. de 2011

En galego, de por vida


Dentro dun pouquiño saio para Lugo, onde toca hoxe a presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. A cita é ás 20 h no centro Uxío Novoneyra, con Antón Bao, Carlos Vello e quen quixerdes ou puiderdes.

Trataremos no acto varias iniciativas prácticas para sementarmos, no noso día a día, un futuro diferente para o noso idioma. Entre elas, tamén teremos ben presente a última campaña do Concello de Lugo, á cal corresponde esta imaxe. En galego, de por vida!

28 de out. de 2011

Presentacións en Lugo e nas Pontes de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

Desde A Mesa enviamos hoxe un comunicado aos medios valorando a situación da Liña do Galego, que está sempre aberta para tramitar queixas, consultas ou parabéns sobre a situación dos nosos dereitos lingüísticos.

Nunca esquezades que A Mesa funciona para este tipo de cousas e que, a pesar das súas limitacións, podedes contar con ela cando vos encontredes cun problema para usar ou recibir información no noso idioma, cando non saibades con que amparo contades para os vosos dereitos ou cando vexades algún adianto que cómpre que todas e todos coñezamos.

A experiencia da Liña do Galego e, en xeral, a da Mesa está moi presente nas páxinas do manual práctico Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, sobre o cal falaremos a semana vindeira en Lugo e nas Pontes. Por se puiderdes ou quixerdes, anotade isto na vosa axenda:

Presentación en Lugo
Quinta feira (xoves) 3 de novembro ás 20 h.
C. S. Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros, 1).
Coa compaña de Antón Bao (Tenente de Alcalde de Lugo) e Carlos Vello (pola Mesa da Zona).

Presentación nas Pontes
Sexta feira (venres) 4 de novembro ás 20.30 h.
Biblioteca Municipal das Pontes.
Coa compaña de Mónica da Silva (responsábel da Mesa nas Pontes).

Continuamos!

2 de abr. de 2011

De Cedeira ás Pontes, pasando por Lugo e Ordes



Non pensedes que este é un este é un itinerario estraño despois de saír de Bande, non. Son unicamente dúas das últimas presentacións do libro En castellano no hay problema e dúas das próximas.

Na fotografía de arriba, temos unha imaxe de minutos antes de comezarmos coa ateigado acto de Lugo. A instantánea de abaixo pertence ao acto en que comentamos en Cedeira esta obriña, para aí pórmos en común visións sobre a situación do noso idioma e súas alternativas de futuro.

Grazas a Marica Campo, a Fernando Iglesias, a Carlos Vello, a Paz Díaz Pazos, a Cancio, a Ruco e, en xeral, a toda a xente que fixo posíbel ou participou destes actos. Danme ganas de darvos abrazos moi fortes a cada un!

Dous dos próximos actos serán en Ordes, o día 12 de abril, e nas Pontes, o 28 tamén deste mes. Iremos falando máis sobre eles.

27 de mar. de 2011

Case 40 presentacións e nin medio segundo na TVG


Hai xa uns meses que ando percorrendo o país para falar sobre a situación do idioma tendo como escusa a presentación do libro En castellano no hay problema. Mañá, 28 de marzo, será a vez da cidade de Lugo, ás 20 h no Centro Uxío Novoneyra, coa compaña de Marica Campo e Carlos Vello. Sobra dicir que estades convidadas e convidados.

Con esta, son xa case corenta o total de actos de presentación desta obra. Dependendo da zona, costuma haber máis ou menos eco mediático, que serve sempre para divulgar a mensaxe normalizadora.

Porén, en todo este tempo houbo unha ausencia moi notoria: para a TVG -a diferenza doutras televisións, hei de salientar- este libro non existe. Ben sabedes que non o digo por ningunha ridícula veleidade persoal, que ten aínda menos sentido nun libro destas características, senón porque non teño pensado ficar calado ante estoutro exemplo de censura por parte da televisión pública das lexítimas opinións discordantes co PP e mesmo dos libros en galego.

Quero subliñar isto último: o escurecemento que padecen en xeral os libros en galego. O meu non é nin o único caso, nin moito menos o máis grave. Nin tan sequera un dos medianamente graves. É, só, outro exemplo máis para sumar a unha ampla nómina.

Se ides á páxina onde se penduran os informativos da TVG, poderedes ver as noticias sobre os títulos de Eduardo Mendoza, Agustín Fernández Mallo, Javier Sierra, Susana Fortes, etc. Cito estes autores non porque sexa negativa a súa presenza, senón porque esta contrasta coa absoluta ausencia de información sobre as novidades editoriais de, por exemplo, Manuel Rivas, Marcos S. Calveiro, Jaureguizar ou Teresa Moure, os cales, cun pouco de fortuna, poden aparecer nos engavetados programas culturais da TVG2. Dá para pensar, non si?

11 de mar. de 2011

Próximas presentacións de En castellano no hay problema


Hoxe, 11 de marzo
En Padrón, con Sara Seco.
20.30 h, A Casa do Patín (Porto Fondo da Vila, 4).

18 de marzo
En Cedeira, con Fernando Iglesias.
19.30 h, Palacete Municipal (avda. Castelao, s/n).

28 de marzo
En Lugo, con Marica Campo e Carlos Vello.
20 h, no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros, 1A).

7 de abril
En Ordes, en lugar e hora por concretar.

8 de abril
Nas Pontes, en lugar e hora por concretar.

29 de abril
En Boiro, en lugar e hora por concretar.

Adiante coa lingua galega!