27 de mar. de 2011

Case 40 presentacións e nin medio segundo na TVG


Hai xa uns meses que ando percorrendo o país para falar sobre a situación do idioma tendo como escusa a presentación do libro En castellano no hay problema. Mañá, 28 de marzo, será a vez da cidade de Lugo, ás 20 h no Centro Uxío Novoneyra, coa compaña de Marica Campo e Carlos Vello. Sobra dicir que estades convidadas e convidados.

Con esta, son xa case corenta o total de actos de presentación desta obra. Dependendo da zona, costuma haber máis ou menos eco mediático, que serve sempre para divulgar a mensaxe normalizadora.

Porén, en todo este tempo houbo unha ausencia moi notoria: para a TVG -a diferenza doutras televisións, hei de salientar- este libro non existe. Ben sabedes que non o digo por ningunha ridícula veleidade persoal, que ten aínda menos sentido nun libro destas características, senón porque non teño pensado ficar calado ante estoutro exemplo de censura por parte da televisión pública das lexítimas opinións discordantes co PP e mesmo dos libros en galego.

Quero subliñar isto último: o escurecemento que padecen en xeral os libros en galego. O meu non é nin o único caso, nin moito menos o máis grave. Nin tan sequera un dos medianamente graves. É, só, outro exemplo máis para sumar a unha ampla nómina.

Se ides á páxina onde se penduran os informativos da TVG, poderedes ver as noticias sobre os títulos de Eduardo Mendoza, Agustín Fernández Mallo, Javier Sierra, Susana Fortes, etc. Cito estes autores non porque sexa negativa a súa presenza, senón porque esta contrasta coa absoluta ausencia de información sobre as novidades editoriais de, por exemplo, Manuel Rivas, Marcos S. Calveiro, Jaureguizar ou Teresa Moure, os cales, cun pouco de fortuna, poden aparecer nos engavetados programas culturais da TVG2. Dá para pensar, non si?

7 comentários:

  1. Xa o dicía Curros:

    "¿Coidabas outra caricia
    obter da que obtemos todos,
    dos críticos de Galicia?
    Pois, meu amante, vai vendo...
    -e Añón amosoume un frade
    que ía os meus ósos roendo."

    ResponderExcluir
  2. Isto que estamops a viver neste país noso é un lixo monumental, unha república bananeira na que o PP e o opus campan ao seu antollo collidiños da man. Non sei que poderiamos facer para quitar esta lousa de enriba. Non sei.

    ResponderExcluir
  3. Non teñen espazo para falar da cultura galega, os que gobernan a Xunta necesitan a Galega para mostrarnos o ben que gobernan, as cousas que fan polos galegos, o bos que son eles e os malos que son todos os demais. Aos telexonais só lles falta a música do NO-DO, o contido vén sendo parecido, daquela estabamos no Franquismo e agora no Feixismo.
    Bicos

    ResponderExcluir
  4. Anónimo: Encántame eses versos de Curros! Canta razón tiña!

    TQV e Dilaida: É, si, unha situación lamentábel, mais, como ben sabedes, o que non podemos facer baixo ningún concepto é ficar calados. Como pouco, non llelo imos deixar fácil ;)

    ResponderExcluir
  5. Canto che paga a Mesa, mes tras mes? Pensas traballar algunha vez na túa vida?

    ResponderExcluir
  6. Anónimo: Traballo mes tras mes. A acusación é tan ridícula como a difamación que se pretende agochar tras a pregunta.

    Cobro como profesor de secundaria, un soldo de case 1.800 euros ao mes. Falta que a Xunta comece a pagarme o segundo trienio e o primeiro sexenio como funcionario de carreira, que me adebeda desde hai algo máis dun ano.

    A Mesa compénsame parcialmente -dentro dos seus problemas de liquidez- os gastos derivados da actividade como tal presidente da asociación.

    Algunha pregunta máis?

    ResponderExcluir