16 de mai. de 2012

Escribamos o futuro!

Si, o futuro do galego está nas persoas que aínda non o falan, mais para recuperarmos falantes e consolidarmos espazos precisamos que os poderes públicos deixen de pórnos máis e máis dificultades cando, lexitimamente, queremos vivir no noso propio idioma no noso propio país. Para o lograr é para o que convocamos a manifestación de mañá, esa que o goberno municipal de Santiago tentou obstaculizar todo o posíbel. Que tanta barbaridade e tanta inxustiza sexan alicientes para continuarmos!

Ao longo deste día fago a carreira final de actos de cara ao Día das Letras. Pola mañá participarei en dúas conferencias de imprensa e ás oito do serán ministrarei na Biblioteca Central de Vigo o recital-conferencia "Itinerario poético pola defensa da lingua galega", con textos que van desde os decimonónicos Xoán Manuel Pintos ou Rosalía de Castro até as poetas de hoxe Alicia Fernández ou Yolanda Castaño.

Non me será posíbel, pois, participar ás 21 h en Carballo no acto de entrega do premio a artigos xornalísticos normalizadores, mais recollerá no meu nome o galardón o compañeiro Xosé Cotelo. Sinto moitísimo non poder asistir, mais anímovos a si irdes todas as persoas que puiderdes, sobre todo polo espectular que é María Xosé Silvar, Sés. Se non a escoitastes, tedes aí unha oportunidade de verdadeiro luxo!

Se non for ao longo do día de hoxe nun ou noutro sitio, verémonos mañá! Vinde coas gorxas preparadas, compas!

QUEREMOS GALEGO!






2 comentários:

  1. ¿E o boicoz a La Coz de Galicia, de Alicia ou de Malicia, onde o deixamos? Di un amigo meu dos que falan de boicoz teñen unhas reaccións sorprendentes cando a Voz di algo deles e entón presumen de que saíron nada mais e nada menos que na Voz de Galicia, o xornal de maior difusión e o mais influinte. O que evidencia que o rollito do boicoz é tan so para presionar a este medio para que escriba ao seu gusto e non ao do seu dono.

    ResponderExcluir
    Respostas
    1. O bo de teres este troll, Carlos, é que fas que esriba en galego.

      Excluir