21 de mai. de 2012

Fai teu o galego!

 Reproduzo a continuación o artigo con que recibín o Premio de Artigos Normalizadores 2012, promovido polo Concello de Carballo. Podedes lelo tamén nas versións dixitais de Sermos Galiza, La Opinión de A Coruña, Praza Pública, Tempos Dixital, Que Pasa Na Costa ou no web da Mesa.


 


Fai teu o galego!

Falar en galego en Galiza habería de ser tan doado como botarse a hablar en castellano en Segovia ou to speak english en Manchester. Porén, é sabido que as cousas non son tan sinxelas e que para falar o idioma de Galiza na propia terra hai unha serie de dificultades a maiores.

A pesar dos obstáculos, hai un método infalíbel que che permitirá ser capaz de falar un bo galego, con corrección, fluidez e comodidade. Velaquí a regra de ouro para o conseguires, mesmo moito antes do que imaxinas: “Fálao!”

A falar apréndese falando. É o máis sinxelo e, tamén, o máis complicado. Se non te soltas, de nada serve que tentes aprender no papel. Mesmo hai xente que ten cursos de galego e que nunca o utiliza. É como ter o carné de conducir e non sacar o carro do garaxe.

Xa sei que non é o mesmo dar este paso de vez segundo cales sexan as túas circunstancias. Será máis doado, claro, se no teu contorno escoitas bastante o galego que se non é así. No entanto, tampouco te confundas. Moitas veces non escoitas moito falar en galego porque ti non o usas. Dito en positivo: Desde que fales en galego, comezarás a escoitalo moito máis ao teu redor.

Selecciona o momento, próximo no tempo, en que te soltes a usalo. É como cando te vas lanzar á auga. Se te paras a meditar moito, o salto máis sinxeliño parecerache complicadísimo. Bótate!

Se non tes hábito de falar en galego, talvez ao principio te sintas como cando escoitas a túa voz gravada e parece que non fose a túa. Quizais te preguntes se vas perder matices, claridade ou fluidez. Ten pacienciña: é todo cuestión de hábito e, en moito menos tempo do que agora che parece, non lle verás ningunha incomodidade, senón ao contrario. Tampouco teñas medo aos erros. Coa práctica has cometer menos e ademais... Temos dereito a equivocarnos! Nunca esquezamos que eses nosos erros lle dan nova vida ao galego.

Sentires seguridade coa lingua dependerá da túa capacidade para creares oportunidades para a falares. Podes facer unha listaxe das persoas con quen supós que che será máis doado. O habitual é sentirmos menos vergoña para pasar a falar un novo idioma con persoas que non coñeciamos de antes. Ou talvez para ti non sexa un tema de persoas senón de ámbitos? Pénsao e toma a decisión de a ires introducindo desde xa alí onde o vexas máis fácil. Nesa liña, podes iniciar en galego as novas relacións. Aproveita os chamados espazos de transición: do instituto á universidade; un novo traballo; algunha viaxe...

Do que non cabe dúbida é de que falando en galego terás outra experiencia diferente de Galiza e do mundo. Porque un idioma non é só un vehículo de comunicación, senón tamén un xeito de entendermos, de nos relacionarmos co medio, de recibirmos tradición e historia, etc.

O futuro do galego está nas mans de quen aínda non o fala. O galego é de quen o quixer. Tamén pode ser teu, tivéselo ou non como primeiro idioma. Faino teu!

Nenhum comentário:

Postar um comentário