17 de ago de 2010

O exemplo de Alexandre Bóveda

Tradución do alegato de Alexandre Bóveda no xuízo sumarísimo que o condenaría a morte en 1936 polas súas ideas de nacionalista galego:

A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente, como pode amar un fillo a súa nai. Xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa até alén da miña morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañábel debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e faría máis se puidese. Se non podo até me gustaría morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado, se o tribunal, en conciencia, xulga que debo selo.

E este agarimo –permítaseme a única palabra galega no idioma que falei sempre– que lle teño á Terra Sagrada na que tiven a sorte de nacer, non me obriga a sentir ningún odio a España, á que, por dereito, pertenzo. Só combatín os seus erros, e, ás veces, as súas crueldades políticas para coa miña Galiza idolatrada. Máis nada.
Por certo, a historia do que aconteceu coa bandeira coa que quixo ser enterrado paga a pena de se ler. Recoméndovos para iso o libro Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, de Xerardo Álvarez Gallego.

Um comentário:

  1. enterneceume a palabra agarimo metida nun discurso coma ese...

    Dí Castelao: "(...)a miña imaxinación viu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza. Pero no de Pontevedra viu unha labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do espírito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non perteñece á Historia senón á Tradición, en arume de lenda».

    ResponderExcluir