7 de fev. de 2011

Podería atenderme en galego?

Velaquí o artigo publicado esta semana en Galicia Hoxe:



Podería atenderme en galego?
Que as administracións usen a nosa lingua depende de ti!


O galego, ademais de ter recoñecido o carácter estatutario de “lingua propia” de Galiza (que supón o mandato concreto de potencialo), é idioma oficial das administracións situadas en Galiza. É oficial de todas: da estatal, da autonómica e das locais.

Isto quere dicir que coa Xunta, coas universidades, cos concellos e deputacións, coas empresas públicas, cos órganos da administración central con delegación en Galiza, temos dereito a:
  • Falarmos en galego.
  • Entregarmos escritos en galego.
  • Que respondan en galego aos nosos escritos.
  • Que os formularios estean en galego.
  • Que a publicidade sexa en galego.
  • Que a páxina web estea en galego.
  • Que a sinalización das dependencias administrativas con sede en Galiza estea en galego.
  • Que a traballadora ou o traballador nos atenda e nos responda en galego.

Hai un marco legal que lle dá soporte a estes dereitos (por moito que poida lamentalo o actual presidente da Xunta!). Por iso, unha actitude de reclamación individual firme, persistente e intelixente terá resultados moi efectivos.

A atención oral

Esta semana imos centrarnos no último dos dereitos antes relacionados. Todas as persoas deberiamos ser atendidas oralmente en galego en calquera administración (o Concello, a Axencia Tributaria, etc.) ou empresa pública (RENFE, Correos, etc.), tanto se estamos presencialmente como se realizamos as xestións a través do teléfono.

No caso de non nos atenderen de inicio no noso idioma, o mellor que podemos facer é... solicitalo explicitamente: “Por favor, podería atenderme en galego?”

Esta solicitude pode acompañarse dun sorriso franco, pois na maioría dos casos se non se nos responde en galego non é por ningunha actitude contraria ao galego, senón por inercia ou, mesmo, por descoñecemento de que existe tal obriga na atención á cidadanía. Por propia experiencia, sei que en moitas administracións abonda con facer a solicitude para que se mude a lingua sen ningún tipo de problema.

Se for oportuno, podemos recordar que se trata dun dereito amparado pola lexislación. Abonda con indicarmos iso e non é necesario lembrarmos cales son as normas en concreto, mais, por se foren de axuda, son estas:

a) Art. 6.1 da Lei 3/83, de normalización lingüística: “Os cidadáns teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma”.

b) Art. 54.11 da Lei 7/07, do estatuto do empregado público: Os empregados públicos “garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio”. Penso que é importante que isto fique claro, aínda que sexa á custa de repetilo: o Estatuto Básico do Empregado Público afecta ao conxunto do persoal funcionario e laboral que está ao servizo das Administracións, como a Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas, das entidades locais, universidades públicas, así como os organismos, axencias e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes de calquera das Administracións.

Se a traballadora ou o traballador da Administración ou da empresa pública pasa a falarnos en galego, pódese agradecerlle a súa amabilidade cando finalicemos a xestión.

Porén, se mesmo despois de o solicitarmos non podemos continuar recibindo a atención no noso idioma, o mellor é non entrarmos en discusións de ningún tipo nin perdermos os nervios ou o tempo. Trátase simplemente dun dereito e de que hai que aplicar a lei.

Ás veces poderemos encontrarnos con casos en que, por facermos a solicitude, teremos que escoitar cousas do tipo “¿Y por qué quieres que te atienda en gallego?” ou mesmo “¡Ya vienen los del Bloque!”. Non caiamos na trampa. Non imos a esa administración ou entidade pública para debatermos sobre as nosas preferencias ideolóxicas, relixiosas, lingüísticas ou culturais. Imos para realizarmos unha xestión, a que for, e temos o dereito a realizala en galego e recibindo atención en galego. Os dereitos non se discuten: exércense. Se nos enfadamos, seremos os primeiros prexudicados, pois contribuirá a queimarnos.

Unha opción neste caso é solicitarmos que nos atenda outro traballador ou outra traballadora que si saiba galego. Se isto non for posíbel ou implicar tempo de agarda ou algunha outra dificultade, talvez o mellor será continuar coa xestión e, posteriormente, realizar unha queixa por escrito na Administración ou empresa correspondente.

No caso de que houber unha atención deficiente ou un trato humillante por realizarmos a solicitude, na queixa debe especificarse que non só non nos atenderon en galego, senón tamén describirmos con brevidade o acontecido: Se tivemos que agardar máis tempo do debido, cal foi a resposta, etc. No escrito de queixa é bo que procuremos a concisión e a efectividade: Vaiamos ao punto que queiramos subliñar e pidamos resposta por escrito.

É recomendábel que, a maiores, encamiñemos a nosa queixa á Mesa pola Normalización Lingüística, á Secretaría Xeral de Política Lingüística e ao Valedor do Pobo, para que fique constancia do acontecido e fagan o posíbel para solucionala. Podemos utilizar o correo electrónico ou as súas páxinas web, gañando así en axilidade:

a) A Mesa pola Normalización Lingüística.- É unha entidade cidadá, coa consabidas limitacións humanas e económicas, mais daralle máis eco e máis forza á nosa queixa. Os correos de contacto son amesa@amesanl.org ou linhadogalego@amesanl.org

b) Secretaría Xeral de Política Lingüística.- É o departamento do Goberno galego que ten como finalidade promover o idioma da Galiza e defender os dereitos lingüísticos. É sabido que o seu funcionamento actual deixa moito que desexar, mais ten obriga de tramitar e responder a nosa queixa: sxpl.secretaria@xunta.es

c) Valedor do Pobo (se a entidade é do ámbito local ou autonómico) ou Defensor del Pueblo (se é para a Administración do Estado ou entidades estatais).- Tamén teñen a obriga de tramitar e de responder a nosa queixa. No caso do Valedor, o escrito enviarémola a rexistro@valedordopobo.com e, no do Defensor, podemos dirixilo desde a súa páxina web: www.defensordelpueblo.es

Que se use o galego depende de nós! Que se use o galego depende de ti!

6 comentários:

  1. Eu teño pedido que me atendan en galego na Xunta e, máis dunha vez, a resposta foi... "Yo el gallego no te lo hablo, ¿eh?" ao que ás veces se engadía un "no tengo porqué".

    ResponderExcluir
  2. Pois si que teñen!

    A próxima vez, a ver que tal cos conselliños que aquí van ;)

    ResponderExcluir
  3. Eu non son galegofalante de cotío -vivín lonxe de Galicia case que toda a vida-- pero por razóns culturais, cando teño que acudir á Administración o falo.
    Na miña opinión, a actitude aculturizadora que polo xeral é norma nas institucións esixe compromisos coa finalidade de rachar coa evidente intención dunha porcentaxe moi elevada de funcionarios e responsabeis públicos que mesmo parecen estar coordinados para esnaquizar a lingua.
    Á marxe das ideoloxías e da política, é unha vergonza que a cultura "moleste".

    ResponderExcluir
  4. no verán pasado, estaba en Compostela e tiven que ir ao hospital por unha inflamación do ollo; eu falaba galego (tentaba de falar galego, porque había só un mes que o estudaba, pero non sabía unha palabra de castelán e a única esperanza de resolve-lo meu problema era tentar de explicarme na única lingua de España que coñecia) e o médico contestábame sempre en castelán. A cousa parecíame un pouco rara e cando a contei aos meus compañeiros dixeronme que podía ser ou porque, sendo eu estranxeiro, parecíalle máis educado ao médico falarme en castelán (pero iso non o entendo: como pode ser non educado falar a lingua oficial de Galicia?) ou porque eu falaba mal galego (por suposto será asi, pero pensei que se un español en Italia tenase de falar a miña lingua teria en conta polo menos o esforzo). é un problema de ideoloxia ou de prexuízos; hai días, nun congreso de filoloxia románica, un rapaz da Bélxica me preguntaba, con gran sorpresa, porque eu seguía escribindo artigos en italiano, xa que o italiano non sirve para nada e é "une langue de caractère décoratif"!

    ResponderExcluir
  5. Moi bo meu! Eu son funcionario e sei que cando lles digo de boas maneiras e sen alterarme, que sei cales son os motivos polos que lles podo iniciar un espediente disciplinario a instanca de parte, logo mudan de parecer e non fai falla anoxarse con eles. Nin tan sequera se eles se anoxan pola minha petición.
    E o caso de Fabio será outro dos moitos que contarei aos valenciáns que fican pampos co "caso galego".

    ResponderExcluir
    Respostas
    1. Eu son funcionario e con experiencia en expedientes disciplinarios.
      Asegúroche que non hai base ningunha para esixir a un funcionario que fale en galego, é máis, sería inconstitucional.
      O que si ten obriga o funcionario é de entenderte.

      Tampouco se inician os expedientes disciplinarios a instancia de parte. Supoño que queres decir, a través dunha denuncia.

      En definitiva, non confundamos:

      Todo cidadán ten dereito a dirixirte en galego, por escrito ou falando, súas relacións coa administración.

      A administración nos seus escritos emprega o galego pois actúa como organización.

      O empregado público ten a obriga de coñecer o galego para satisfacer o teu dereito de utilizar o galego, terá que entender o galego para atender ao cidadán pero non a obriga de utilizar o galego.

      O cidadán non ten dereito a que lle respondan en galego.Iso é unha lenda urbana que leva a moita xente a chegar en plan prepotente a un mostrador e a facer o ridículo poñéndose en plan señorito fronte a un traballador que ao mellor sabe dez veces máis galego que o listillo de turno.

      Excluir