2 de fev de 2011

Cousas de actualidade: da lingua ao pensionazo

Deixo aquí algunhas ligazóns e informacións que me parecen de interese:

1) O artigo que hoxe publica Pilar García Negro en Xornal de Galicia, comentando as últimas declaracións do actor Luís Tosar: "A importancia de chamarse galego".

2) Entre o Goberno vasco (lembremos: sustentado por un acordo do PSOE co PP) e un departamento público do Iparralde (zona euskaldún no sur do Estado francés) acaban de asinar un convenio polo que van investir 1,6 millóns de euros neste ano 2011 ao impulso da lingua vasca neste territorio. A comunidade autónoma vasca pon un terzo dese diñeiro, 470.000 euros. Compárese coa evolución dos orzamentos (e a distribución das partidas deses orzamentos) da política lingüística en Galiza e lémbrese que no Iparralde hai dez veces menos habitantes que no noso país. En comparación, aquí hai políticas oficiais de ataque á lingua, de freo á posibilidade da normalización da mesma, que mesmo non se ven en zonas do xacobino Estado francés.

3) Este cadro que tomo do blog Cousas de Imeneo, e que el colleu destoutro web, é todo un baño de realismo sobre o pensionazo:


4) A valoración de Antón Dobao sobre a Lei Sinde merece lerse con atención, sobre todo vindo dun recoñecido escritor e dun dos nosos mellores cineastas. Extracto un dos seus parágrafos:

De todos os campos culturais e artísticos, o audiovisual é probablemente o máis peculiar. Cando alguén descarga unha produción audiovisual española —ou galega, se é que existe tal categoría máis aló dalgunha anomalía incómoda— toma para si unha pequena parte dun produto que xa pagou tamén cos seus impostos. Porque de aí proceden, dos impostos, as imprescindibles subvencións do Ministerio e da Consellería de Cultura ou da TVG, sen as cales probablemente non habería demasiada produción audiovisual. Se cadra, Gerardo Herrero cre ser xusto cando irado e tronante esixe que cada usuario pague repetidamente por un mesmo produto, non só mediante os seus impostos, senón de todas as outras formas imaxinables. Se cadra oculta por descoñecemento ou despiste que leva acumulados bastantes centos de miles de euros de subvencións públicas da Xunta de Galicia e da TVG para realizar un mangado de películas. Ou sexa, diñeiro público cun único destino: o lucro privado. O sistema de negocio audiovisual que defende Herrero non só asenta os seus pés de lama nun alicerce inxusto e inxustificable, senón que desde unha posición ultracapitalista despreza o valor cultural, de uso, dos produtos audiovisuais, de todos, ao tempo que se fundamenta nunha práctica indigna: o diñeiro público como xerador non de riqueza social e cultural, senón de lucro privado. O espolio reiterado como norma.
5) Interesante a noticia de Xornal en que nos indican que o presidente da Xunta estivo fóra de Galiza máis da metade de xaneiro. Salientan as súas vacacións de dez días no Brasil, nas cales, irresponsabelmente, non delegou en ninguén as funcións presidenciais. A súa desaparición pública fixo que, por exemplo, durante 48 horas cruciais para o futuro dos aforros galegos non houbese nin unha declaración súa -o mínimo que se pode pedir- sobre o que vai acontecer coa caixa galega.

6) Recomendo vivamente este artigo de Iria Taibo, que demostra co seu exemplo que sen reivindicacións non hai conquistas.

7) A Concellaría de Turismo e Deportes de Lugo négase a usar o galego nas informacións que divulga a través do seu facebook e mesmo borra as mensaxes de quen llo solicita, como se non existisen. As noticias sobre como os pais poden conseguir praza nas escolas municipais, a programación cultural do Concello, os cursos de natación... Todo se publicita exclusivamente en castelán.

Na única resposta que conseguín que me desen, antes de me borraren as dúas mensaxes que escribín, é que o fan porque así os entende máis xente. É lamentábel tal resposta por parte dunha Administración, que ten a obriga de usar e promover o noso idioma. Máis lamentábel é -mesmo roza a má educación- que se desatendan e eliminen as mensaxes que lle desagradan, a pesar de seren educadas, correctas e defenderen algo xusto e legal. Anímovos a que transmitades as vosas queixas a través do seu taboleiro no facebook ou no correo-e deportes@concellodelugo.org

Forza!

2 comentários:

  1. O Estado español está a piques de conquistar o "Everest" do aculturización e do ultraliberalismo.

    ResponderExcluir