15 de set. de 2010

O auto do TSXG non referenda a legalidade do decretazo

Velaquí o comunicado emitido hoxe pola Mesa pola Normalización Lingüística:

A Mesa subliña que ‘o auto do TSXG non referenda a legalidade do decretazo’

A Mesa lamenta as “mentiras compulsivas” da Consellaría de Educación e estudará volver solicitar as medidas cautelares

Carlos Callón: “As vías xurídicas de oposición ao decretazo non fixeron máis que comezar”


Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2010.- A Mesa pola Normalización Lingüística lamenta que a Consellaría de Educación “continúe coa súa política de mentiras compulsivas e manipulacións”. Para a entidade que recorreu o decretazo, a Xunta “xoga a confundir a opinión pública, facendo pasar un auto por unha sentenza”. No entanto, Carlos Callón indica que “unha resolución denegando unhas medidas cautelares non fornece o decretazo de ningún verniz de legalidade” e lembra que “a historia da xustiza no Estado español está inzada de medidas cautelares denegadas que despois desembocaron en sentenzas contundentísimas”.

O presidente da Mesa sinala tamén que “en canto coñezamos o texto do auto do TSXG estudaremos recorrelo e volver solicitar estas medidas previas, pois a vía xurídica de oposición ao decretazo non fixo máis que comezar”. “Teremos que ver por que o TSXG desestima os informes das tres universidades galegas onde se conclúe que este decreto vai supor un dano irreparábel na formación dos estudantes e por iso non se posicionará sobre o fondo do asunto até dentro de dous ou tres anos”, observa. “En principio, resulta rechamante que haxa un posicionamento unánime dos expertos sinalando os danos que vai causar esta norma e que o TSXG decida non entrar en materia até emitir sentenza”.

Ademais, o portavoz da maior asociación cultural de Galiza insiste en que, tal e como conclúen os máis diversos informes xurídicos, “este decretazo conculca normas superiores, desde a Lei de normalización lingüística até a Constitución, pasando pola Lei orgánica de educación e o Estatuto”. Por iso, salienta que “non aplicar o decretazo é cumprir a Lei con maiúsculas”.

Desde A Mesa pídenlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “aparque a manipulación, a crispación e os ataques incívicos contra a lingua galega” e que “retome o camiño do consenso na defensa do noso idioma propio”. Para Callón, “é grotesco que na nota da Consellaría de Educación se chegue a dicir que o auto do TSXG ‘demostra que a normativa impulsada pola actual administración responde ás peticións da sociedade’”. “É grotesco porque nin un Tribunal entra nese tipo de consideracións e porque, ademais, o decretazo foi promulgado a pesar do rexeitamento unánime de sindicatos, asociacións de nais e pais, asociacións estudantís e movementos de renovación pedagóxica”.

Nenhum comentário:

Postar um comentário