16 de out de 2009

Mobilizarnos polo galego?



Hoxe publiquei no diario De Luns a Venres o seguinte artigo, chamando a participar na manifestación deste domingo. Tamén podes consultalo neste pdf, na páxina 8.

Mobilizarnos polo galego?

Este domingo, ás 12 do mediodía, sae da Alameda de Santiago unha manifestación convocada por Queremos Galego, para a cal chegarán autobuses desde diferentes puntos do país. Esta plataforma cidadá, que impulsou A Mesa pola Normalización Lingüística e que conta xa co apoio de 500 entidades do máis diverso tipo, chama á mobilización porque nos enfrontamos a un momento de verdade crucial para a lingua de Galiza.

O idioma do país, que partía dunha discriminación secular, en ocasións mesmo cruenta, iniciou despois da ditadura un proceso de restauración que a actual Xunta quere paralizar e desandar. O Goberno presidido por Feijóo está a desmantelar os cativos logros conseguidos nestes 30 anos no ensino, na Administración, nos medios de comunicación, etc. De feito, é a primeira vez en toda a etapa democrática que un Goberno autonómico anda ás patadas coa lingua propia.

Moverémonos este domingo porque a ninguén lle fai dano que se garanta o dereito a poder vivir en galego. Porque é inxusto que a lingua propia do país se manteña como unha estranxeira na propia patria. Porque, con independencia da lingua que falemos no día a día, sabemos que o galego é un elemento de unión de todas as galegas e todos os galegos. Porque non existe “liberdade lingüística” sen igualdade xurídica, sen igualdade de coñecemento nin igualdade de condicións.

[Na foto, a presentación mediática de onte da plataforma.]

Nenhum comentário:

Postar um comentário