31 de mai. de 2014

De Cee á Guarda

Este serán andarei pola Guarda coa xente do Centro Social Fuscalho e con todas e todos os que vos quixerdes pasar. No seu local, situado en fronte da Atalaia, falaremos da situación e do futuro da lingua de Galiza, para o cal tomaremos como punto de referencia as páxinas do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez:


Aproveito que continúo co percorrido polo país con esta obriña para subir unhas fotos que tiña pendentes dun acto semellante que se desenvolveu en Cee en abril... do ano pasado. Desculpade a demora! :)

Ese evento foi especialmente emotivo grazas ás palabras do rapazolo Pedro Gallart, que podedes ver xusto abaixo á esquerda. Ambas as imaxes son de Juanma Roquete.



Continuamos!

30 de mai. de 2014

Versos para a sexta feira: Yolanda Castaño


Tradución

Só descubrín a súa voz
cando falou nunha lingua que eu comprendía.

Mais non importa.
Imos excretando raíces convertidas en linguaxe.

(Que o meu nome podía ser
cuadrisilábico para ese idioma,
que podía relucir tan ben
se seguido de habibi.)

Importa menos o que digas se o dis
en italiano,
se o dis
en islandés.

A exipcia que coa zurda escribe en fronte de min
parece un espello.

Modelamos coas cinzas de todo o que un día
ardeu entre linguas de lume.

En todo caso, en todas partes, nós escribimos cara aos bordos
e outros cara ao centro.

Porque traes unha polca nas comisuras
haberá que aprender novos pasos de baile.

Mais non importa.
Todos os abrazos son
traducións.

(A segunda lingua, 2014)

26 de mai. de 2014

Hai moitas razóns para a esperanza

Un vicio moi noso (aínda que hai quen di que importado) é darlle sempre menos valor ao que se consegue nesta nación e a tendencia a percorrer os camiños como se estivésemos nunha procesión de flaxelantes. Algo diso vexo nalgúns comentarios que circulan pola rede.

Eu, que queredes, aínda que estou preocupado polo ascenso dos fascismos noutros países, vexo moitas razóns para a esperanza. Galiza mantén a súa voz en Europa, o PP baixa a uns niveis históricos e o nacionalismo galego resiste contra todo prognóstico, cunha liña soberanista máis acentuada e tras unha nova campaña en que a forza da militancia e unha excelente candidata lograron superar as novas toneladas de lixo e mordazas que se lle envorcaron.

A división da esquerda española fai que emerxa unha forza electoral nova, Podemos, sobre a cal aínda haberá moito para falar. Antigos votantes do PP parece que ficaron na casa (talvez algúns fosen para eses 20.000 máis para UPyD, mais case ningún para Vox) e talvez poderían reactivarse no futuro. Ora ben, unha cousa que nos recordan tamén estes resultados en que a esquerda supera amplamente o PP, é que a maquinaria electoral da gaivota non é invencíbel. Parabéns a toda a xente que axudou para iso, cunha aperta máis forte para todas e todos os que depositaron o seu voto en clave galega.

Música para a segunda feira: Suzy

Unha das cancións para este verán que xa ten que ir chegando ;)


24 de mai. de 2014

Queremos unha lingua máis viva, máis forte, sempre máis nosa


A semana vindeira e a seguinte participarei en cinco actos por volta do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Tres serán en centros de ensino, e por tanto para as respectivas comunidades educativas, mais outros dous, ambos no Baixo Miño, son abertos ao público que se quixer achegar.

O primeiro destes será o sábado 31 ás 20 h no Centro Sociocultural O Fuscalho:


Xa na segunda feira (luns) seguinte, tamén ás 20h, falaremos de novo sobre as cousas que se tratan neste manual práctico, desta volta na sala Félix Rodríguez da Biblioteca Municipal de Tui, coa hospitalidade da dinamiquísima profesora Helena Pousa.


Pola nosa lingua, nin un paso atrás!

21 de mai. de 2014

Aos de sempre ben se ve que lles doe

A terceira forza nas anteriores eleccións europeas en Galiza, o BNG, non sairá nin un segundo máis nos informativos da RTVG no que resta de campaña. Xustifican a censura pura e dura cun argumento ridículo: que, como o BNG se presentaba nunha coalición máis ampla, os máis de cen mil votos que entraron nas urnas galegas con ese logotipo non contan. Vaia democracia!

Éncheme de carraxe esta mordaza aplicada discrecionalmente desde o poder ás ideas que máis incomodan ao propio poder. Unha e outra vez relense as regras do xogo para que fique claro que todo iso de que se pode escoller libremente non é máis que un slogan para as grandes superficies.

Tentarei axudar intensamente neste tramo final da campaña, para que a xente poida coñecer e valorar unha formación que os medios públicos autonómicos silenciarán, mais que existe e que ten a defensa da nación galega como razón de ser. A liberdade de expresión, o pluralismo político e os dereitos de Galiza son causas polas que paga a pena mollarse. Non ollemos para outro lado mentres estas cousas acontecen.