14 de ago. de 2011

Aonde for = On the floor

Aí atrás falaba neste blogue de como unha das cancións deste verán e o seu ritmo kuduro ten a súa orixe no noso idioma ("cu duro").

Do mesmo xeito, non podo deixar de citar como outro dos temas que estamos a danzar estes días, o "On the floor" de Jennifer López, co ritmo da Lambada, toma o seu título do parecido coa pronuncia do "aonde for" que estaba na canción orixinal.





A vós que tal se vos dan estes bailes?

10 de ago. de 2011

A dignidade é unha cousa demasiado galega

Quen denigra a cultura galega e a nosa condición de galegas e galegos non ten as capacidades mínimas para poder desempeñar con seriedade e responsabilidade calquera cargo público.

Se, aínda por riba, quen denigra a nosa cultura e a nosa identidade ten xa a encomenda de dirixir a política cultural dunha das principais cidades de Galiza, apartala do cargo canto antes xa se converte nunha tarefa de urxencia.

Amosémoslle a esta muller cal é a porta de saída, enviando mensaxes aos correos-e alcaldia@coruna.es e cultura@coruna.es

Porque, aínda que non o saiba, señora Ana Fernández, a dignidade é desas cousas "demasiado gallegas".

8 de ago. de 2011

Embora não o saibas, que morri

Soneto já antigo

Olha, Daisy: quando eu morrer tu hás de
dizer aos meus amigos aí de Londres;
embora não o sintas, que tu escondes
a grande dor da minha morte. Irás de

Londres p'ra Iorque, onde nasceste (dizes...
que eu nada que tu digas acredito),
contar àquele pobre rapazito
que me deu tantas horas tão felizes,

embora não o saibas, que morri...
mesmo ele, a quem eu tanto julguei amar,
nada se importará... Depois vai dar

a notícia a essa estranha Cecily
que acreditava que eu seria grande...
Raios partam a vida e quem lá ande!



(Álvaro de Campos, Fernando Pessoa)

7 de ago. de 2011

É tempo de falarmos: somos nós

Tiñamos unha lingua para amar,
bebera auga de rosas nos poetas
do medievo lonxincuo, as máis selectas
cantigas de dicir e namorar.

Soubemos as palabras de voar,
herdanza das primeiras bolboretas
que zugaron na terra as cousas netas
antes de que estivese suxo o ar.

Apousamos nos labios tanta vida,
gardamos no querer tanta semente
mollada polo cuspe dos avós,

que arestora xermina ben cumprida,
aínda que aquel sol estea ausente.
É tempo de falarmos: somos nós.


(Marica Campo, Pedinche luz prestada)

6 de ago. de 2011

No aniversario do masacre de Hiroshima

Poema nuclear

¡Que ben, que a bomba vén co seu rebombio!
A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo.
A bomba con aramios, con formigas,
con fornos pra asar meniños loiros.
A bomba ten lombrices, bombardinos,
vermes de luz, bombillas fluorescentes,
peixes de chumbo, vómitos, anémonas,
estrelas de plutonio plutocrático,
esterco de cobalto hidroxenado,
martelos, ferraduras, matarratos.

A bomba, bong. A bomba, bon amigo.
Con átomos que estoupan en cadeia
e creban as cadeias que nos atan:

Os outos edificios.
Os outos funcionarios.
Os outos fiñanceiros.
Os outos ideais.
¡Todo será borralla radioaitiva!

As estúpidas nais que pairen fillos
polvo serán, mais polvo namorado!

Os estúpidos pais, as prostitutas,
as grandes damas da beneficencia,
magnates e mangantes, grandes cruces,
altezas, excelencias, eminencias,
cabaleiros cubertos, descubertos,
nada serán meu ben, si a bomba vén,
nada o amor, e nada a morte morta
con bendiciós e plenas indulxencias.

¡Que ben, que a bomba vén! Nun instantiño
a amable primavera faise cinza
de vagos isotopos placentarios,
de letales surrisas derretidas
baixo un arco de átomos triunfaes.

A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas,
axiña vén, vela aí vén, bon amigo.

¡Estanos ben! ¡Está ben! ¡Está bon!

¡¡¡Boong!!!



Celso Emilio Ferreiro

5 de ago. de 2011

Turgalicia exclúe o galego

Hai uns días, algunhas persoas dirixímonos a Turgalicia para solicitar, coa máxima amabilidade, que deixasen de excluír o galego na información que penduran no twitter. Ao cabo dunhas horas respondéronnos: que terían en conta a nosa petición. Porén, a exclusión continuou nas mesmas.

Turgalicia é un organismo dependente da Xunta. Polas súas funcións, é lóxico que faga uso habitual de varios idiomas, mais non o é que exclúa o noso. Tamén é irracional que utilicen o español como se fose a lingua franca do universo.

Ademais do relevo simbólico do uso do noso idioma, hai que lembrar a importante forza do turismo interior (as galegas e galegos tamén visitamos Galiza) e o peso turístico de xente proveniente de Portugal e o Brasil.

Se ti tamén queres que Turgalicia deixe de excluír o galego no twitter, anímoche a que lles envíes unha mensaxe de queixa. Para que teña máis incidencia, envíalle tamén a túa protesta ao Valedor do Pobo: rexistro@valedordopobo.com

Defendamos os nosos dereitos lingüísticos!

2 de ago. de 2011

De Allariz á Coruña

Mañá ás 21 h presentamos nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

Se puiderdes, non fai falta que vos diga que será un pracer encontrármonos e partillarmos opinións sobre que podemos facer para sortear os obstáculos que nos colocan se optarmos por querer vivir en galego.

Aproveito que está próximo tal acto para pendurar aquí un vídeo que sintetiza nalgúns cortes o que foi a presentación en Allariz desoutra obra de combate que é En castellano no hay problema. Foi o pasado mes de marzo e organizado pola libraría Aria das Letras. Velaí:

1 de ago. de 2011

Outra historia dos afectos

"Secretly" - A Vintage Montage Of Guys Together de MJS en Vimeo.

A cal desas imaxes se parecería a parella de Pedro e Muño?

O que si sabemos seguro é que non lles serviría para nada a canción de Jimmie Rodgers.