6 de ago de 2011

No aniversario do masacre de Hiroshima

Poema nuclear

¡Que ben, que a bomba vén co seu rebombio!
A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo.
A bomba con aramios, con formigas,
con fornos pra asar meniños loiros.
A bomba ten lombrices, bombardinos,
vermes de luz, bombillas fluorescentes,
peixes de chumbo, vómitos, anémonas,
estrelas de plutonio plutocrático,
esterco de cobalto hidroxenado,
martelos, ferraduras, matarratos.

A bomba, bong. A bomba, bon amigo.
Con átomos que estoupan en cadeia
e creban as cadeias que nos atan:

Os outos edificios.
Os outos funcionarios.
Os outos fiñanceiros.
Os outos ideais.
¡Todo será borralla radioaitiva!

As estúpidas nais que pairen fillos
polvo serán, mais polvo namorado!

Os estúpidos pais, as prostitutas,
as grandes damas da beneficencia,
magnates e mangantes, grandes cruces,
altezas, excelencias, eminencias,
cabaleiros cubertos, descubertos,
nada serán meu ben, si a bomba vén,
nada o amor, e nada a morte morta
con bendiciós e plenas indulxencias.

¡Que ben, que a bomba vén! Nun instantiño
a amable primavera faise cinza
de vagos isotopos placentarios,
de letales surrisas derretidas
baixo un arco de átomos triunfaes.

A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas,
axiña vén, vela aí vén, bon amigo.

¡Estanos ben! ¡Está ben! ¡Está bon!

¡¡¡Boong!!!



Celso Emilio Ferreiro

Nenhum comentário:

Postar um comentário