5 de jul. de 2011

Milagre na Delegación da Xunta en Madrid!


Este serán ás 19.30 h pecho no Centro Galego de Madrid (rúa Carretas, número 13) a rolda de presentacións do libro En castellano no hay problema, na cal levaba máis dun ano.

Xa onte comentei as lamentábeis vicisitudes polas que tivo que pasar a tentativa de se realizar este evento na capital do Estado. Quérovos anunciar que desde a Casa de Galiza -a Delegación da Xunta- anunciaron onte, un par de horas despois de enviarmos o comunicado, que si disporían de días libres para finais deste mes.

Milagre de Deus! Hai que agardar a que se faga pública a denuncia e a que sexa o día antes da presentación xa organizada para que a axenda se libere maxicamente! Milagre celestial! Hai catro meses non había días e agora xa os terían para dentro de tres semanas! Milagre! Milagre!

En fin.

Pasemos a páxina polo de agora a estes lamentábeis episodios de censura, máis ao descuberto que nunca, e vaiamos á actualidade. Xa saberedes as persoas que lérades o libro antes que José Ramón Ónega que nalgunhas das páxinas do volume En castellano no hay problema me debruzo sobre a situación do noso idioma nos medios de comunicación.

A respecto disto tivemos onte unha concentración na compostelá praza do Toural, coa presenza de moitos rostros coñecidos de diferentes ámbitos sociais. A imaxe que encabeza esta entrada pertence ao momento en que o poeta, editor e columnista Miguel Anxo Fernán Vello procedeu á lectura do manifesto.

Compas, a loita continúa!

4 de jul. de 2011

Pedro J. Ramírez valora os resultados do libro Amigos e sodomitas

Cando desde a edición galega de El Mundo a xornalista Montse Dopico me solicitou unha entrevista sobre o libro Amigos e sodomitas hei de recoñecer que non agardaba que tivese repercusión a nivel de Estado. Porén, estivo na portada estatal case dous días, parece que con bastante visitas. Así me explico algúns correos que me chegaron nas últimas horas solicitando información.

Menos esperaba aínda que as conclusións deste meu libro fosen motivo de crítica e, para máis, positiva, por parte do director dese xornal. No seu twitter, Pedro J. Ramírez sinalou que lle parecía "unha moi interesante reflexión contra a homofobia", o cal agradezo.

Así que xa sabedes: Facédelle caso a Pedro J. Ramírez (nesta ocasión) e lede o libro!

Catro meses despois

Catro meses e poucos días despois de comezar as xestións, poderase facer a presentación en Madrid do libro En castellano no hay problema. Claro que, para iso, houbo que desistir na tentativa de que cedese un espazo a Casa de Galiza, que é a Delegación da Xunta en Madrid.

O 18 de maio pasado xa comentaba neste blogue a surrealista chamada que fixera para tentar avanzar nas xestións, coa tremenda resposta de que non ían dar autorización até que o delegado da Xunta na capital do Estado, José Ramón Ónega, terminase de ler o libro, que previamente lle houbo que enviar. Pasaron as semanas desde esa chamada; pasaron catro meses desde que houbo o primeiro contacto para realizar esa actividade, mais o volume aínda non superou a censura previa. A semana pasada aínda queimei os últimos cartuchos antes de denunciar esta situación publicamente, mais Ramón Jiménez, da Delegación da Xunta, volveume a negar ese espazo público.

Por iso, as persoas que esteades mañá por Madrid e queirades participar no acto, poderedes achegarvos ao Centro Galego da rúa Carretas, nº 14, 3º andar. Será ás 19.30 h coa compaña do deputado Francisco Jorquera.

Mais a cousa non termina aquí. O persoal da Delegación da Xunta en Madrid négase a atender en galego mesmo a quen llo solicita explicitamente. Por iso, A Mesa realiza o convite de chamar á Casa de Galiza, ao número 91 595 42 00, e solicitar que nos respondan en galego, lingua propia e oficial da Administración autonómica.

3 de jul. de 2011

Jo que sóc més català...

Chámanse Els Catarres e esta é a súa versión de Romeo e Xulieta:

Combinamos mañá ás 20 h no Toural!

Lembra que esta segunda feira (luns) ás 20 h se vai realizar unha concentración en defensa do galego nos medios de comunicación. O acto fecharao Miguel Anxo Fernán Vello coa lectura dun manifesto.

Non faltes! Movámonos en defensa do noso idioma!

Por outra banda, deixo aquí o vídeo da presentación do ilusionante proxecto Sermos Galiza. Tampouco faltemos á hora de lle dar apoio e alento!

2 de jul. de 2011

Conde Roa ten obrigas

Xerardo Conde Roa (eu agora úsolle o nome en galego porque esa foi a súa opción na campaña electoral) xa é alcalde de Compostela. Pode continuar polo camiño dos exabruptos e os excesos verbais diversos ou pode corrixir algo a súa actitude e procurar consensos e puntos de encontro.

O seu discurso de toma de posesión non é un bo indicio. Non só polo demagóxico ou -aínda peor- irracional dalgúns contidos, senón pola escolla nada inocente do seu continente: case nada en lingua galega.

Por iso hoxe desde A Mesa lle recordamos ao novo alcalde de Santiago de Compostela que ten obrigas e que agardamos que as cumpra. Tamén lle lembramos que o uso normal do noso idioma por parte do mandatario compostelán ten unha longa tradición en democracia, que se remonta cando menos ao derradeiro alcalde republicano da capital de Galiza, o nacionalista Ánxel Casal.

Entrevista na Voz da Barbanza e presentación en Ribeira, dentro dos actos do Orgullo

Esta fotografía publícaa hoxe a Voz de Galicia da edición da Barbanza e Muros-Noia para ilustrar unha ampla entrevista de María Xosé Blanco sobre a saída do libro Amigos e sodomitas (que se presenta hoxe ás 19 h en Ribeira) e tamén sobre a situación do noso idioma.

A igrexa que aparece detrás é a de San Paio de Carreira, a onde acudía meu pai cando era pequerrecho, xa que naceu no lugar de Laxes. Escollín ese espazo non só por esas vinculacións afectivas e familiares, senón tamén porque un dos capítulos do libro está dedicado á advocación dese mártir galego.

Se andardes hoxe por Ribeira, xa sabedes que hai numerosos actos para celebrarmos e reivindicarmos o Día do Orgullo LGTB. Poucos concellos do mundo das dimensións desta vila teñen un programa tan amplo! Xa sabedes: os actos comezan ás 16 h na Taberna do Riaso e estenderanse até as 3 da mañá na festa no aparcadoiro da UAD en Coroso.

1 de jul. de 2011

Recuperemos a ilusión!


Eu xa levaba o día de hoxe máis animado porque vou asistir á cea que organizan as compañeiras e compañeiros de Queremos Galego de Marín, sempre en disposición de daren guerra sen perder o sorriso. Abofé que as ganas e o entusiasmo se contaxian.

Mais a xornada, a pesar de ziguezagueante nos compromisos, xa se alegrou de vez coa aparición de Sermos Galiza, un proxecto para un espazo de comunicación galego e en galego que cómpre apoiarmos con todas as nosas forzas.

Neste mesmo camiño vai tamén a concentración que convocou A Mesa para a vindeira segunda feira (luns) 4 de xullo en defensa do galego nos medios de comunicación. Será ás 20 h na praza do Toural de Compostela. Asistamos e divulguémola!